Loading

 

Un total de 73 debuxantes e artistas da banda deseñada reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal na exposición ‘A Arte no Cómic’, comisariada polo historiador Asier Mensuro.

Os galegos Brais Rodríguez, Miguelanxo Prado e Jacobo Fernández forman parte do total de historietistas de prestixio seleccionados, entre os que se atopan Milo Manara, David Prudhomme, Enki Bilal, Miguel Ángel Martín ou Javier Olivares.

A mostra poderá visitarse na Sede Afundación de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) ata o vindeiro 15 de abril, de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. 

O beso de Klimt por Milo Manara.

A arte no Cómic incide especialmente na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte”, afirman dende a organización. Na mostra pódense contemplar obras, “en versión viñeta”, das coleccións do Louvre, do museo de Orsay e do museo Thyssen Bornemisza.

Jacobo Fernández elaborou con motivo da exposición un cómic baseado en obras de Castelao, Maruja Mallo, Laxeiro, Lugrís ou Julia Minguillón que forman parte da colección de Afundación. 

Especialmente interesante é o encargo de Afundación a Jacobo Fernández, con motivo da exposición. Trátase de Pikiblinders, unha historieta baseada nalgunhas das obras máis destacadas da colección artística galega desta entidade.

O artista fai referencia a un total de 26 pezas, das que as máis recoñecidas son O regreso do indiano de Castelao, Máscaras de Maruja Mallo, Cencerrada de Laxeiro, Romaría de Lugrís, Tríptico mariñeiro de Sobrino e A Tyla e eu de Julia Minguillón

Os afeccionados ás belas artes e á banda deseñada poderán descubrir como os historietistas, “conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto”. 

Se queredes saber máis sobre a exposición e sobre banda deseñada, non vos perdades a nosa Conversa con Asier Mensuro.

A %d blogueros les gusta esto: