Loading

Conversa con Asier Mensuro

O comisario da exposición A Arte no cómic, Asier Mensuro, fala con precisión e rapidez. Comeza cunha precisión importante: non hai que distinguir entre belas artes e banda deseñada. A historieta, na actualidade, está considerada a novena arte. Por iso, no resto de texto, empregaremos o concepto artes clásicas e banda deseñada cando teñamos que contrapoñelos.

Desde que a banda deseñada é banda deseñada os autores rendéronlle homenaxe [ás artes clásicas]”. 

Mensuro explica que o principal obxectivo da exposición -que se pode visitar na sede Afundación de Santiago de Compostela ata o vindeiro 15 de abril- é “mostrar as achegas da banda deseñada á arte da pintura e, á súa vez, o modo no que os grandes centros de arte se achegaron á banda deseñada”

Raúlo Cáceres.

Distingue dúas seccións na mostra. Por unha parte, unha sección adicada ás historietas editadas por museos, onde a selección autoral foi planificada por esas institucións. Por outra parte, hai unha sección na que se amosa “como os historietistas se achegaron ao mundo da cultura e, nunha banda deseñada que non ten que estar editada por un museo, réndenlle homenaxe aos seus pintores ou obras favoritas”.

Aquí o comisario puido seleccionar obra. Para iso, tivo en conta “que a peza en si pagase a pena” e que o conxunto “fose moi variado”. Isto último fíxose para demostrar que “desde que a banda deseñada é banda deseñada os autores rendéronlle homenaxe [ás artes clásicas]”

Jacobo Fernández.

Son un total de 73 obras de diferentes nacionalidades. Entre outras, española, belga, arxentina, estadounidense ou francesa. Nesta escolma, tamén está representada Galicia. “Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández e Brais Rodríguez son os tres galegos que hai”, confirma Asier.

A portada número 100 da revista El Víbora é historia da banda deseñada española”.

Á hora de destacar algunha peza, escolle “a portada do número 100 da revista El Víbora”. Trátase dunha interpretación da Balsa da Medusa de Géricault, de autoría grupal, que, segundo Mensuro, é “historia da banda deseñada española”.

A portada “é do ano 88, momento en que a historieta adulta comezaba a dar síntomas de cansazo”. Para o comisario “ten a súa graza” como expresa o fracaso e, ao mesmo tempo, parece dicir que se salvaron dun xeito ou outro. Desde a revista decidiron que “os naúfragos da obra orixinal fosen substituídos polos personaxes que apareceran nos primeiros 100 números da revista”, explica Mensuro.

A mostra inclúe un bo número de mulleres historietistas. Dentro da elección do repertorio feminino, o comisario tivo en conta o seu gusto persoal e que tivesen “obra que encaixase no tema da exposición e que, ademais, quixesen participar”. O comisario fai mención, no ámbito internacional, a Catherine Meurisse, coa obra Moderne Olympia. A nivel nacional, destaca a Ana Galván, cun traballo “a medio camiño entre un cómic máis estándar e un cómic de vangarda”.

Catherine Meurisse.

A Arte no Cómic reflicte como en España, nos últimos anos, “houbo un proceso de normalización da banda deseñada como obxecto museográfico”. En canto ao perfil conservador de certo público resistente a estas iniciativas, Mensuro resolve o tema con retranca: “hai xente que aínda discute sobre a presenza da fotografía nos museos e hai xente que pensa que a terra é plana”.

Non cabe discusión, porque sempre houbo un diálogo entre a historieta e o resto de manifestacións artísticas. O comisario da mostra insiste en que “moitos dos autores sempre reflexionaron sobre ese papel”.

A exposición vai sorprender  a aqueles amantes da pintura que non coñezan moito a historieta e, tamén, a ese público lector de banda deseñada que habitualmente non acode ás exposicións”. 

A comunicación entre diferentes linguaxes, sexan os que aquí se propoñen ou outros, sempre foi unha das bases do progreso. E, moi especialmente, na era actual. Para entendidos, o que fai máis interesante á exposición é a “transversalidade entre dous medios”, artes clásicas e banda deseñada.

Para entendernos, vai sorprender “a aqueles amantes da pintura que non coñezan moito a historieta e, tamén, a ese público lector de banda deseñada que habitualmente non acode ás exposicións”. Hai que estar de acordo con Mensuro cando afirma que é unha mostra “para todo tipo de públicos, completa e divertida”. Como teñen que ser as boas exposicións.

A %d blogueros les gusta esto: