Loading

Noró xa está aquí. Chegou o novo traballo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Un álbum moi esperado tras o éxito de The Tambourine Man (2015), que converteu instantáneamente ao músico coruñés e ás once adufeiras nos actuais referentes da música tradicional galega.

Moi esperado era Noró tamén despois de que o propio Xabier Díaz publicara o 17 de decembro un adianto do disco: O baile de Noró. Un fermoso single/vídeo que non fixo máis que acrecentar a espera.

Agora que o temos aquí (por fin!), coas primeiras escoitas, podemos dicir que Noró non só cumpre coas expectativas xeradas, senón que as supera con creces. A madurez alcanzada por Xabier e as Adufeiras (coa zanfona e violín de Gutier Álvarez, e o acordeón de Javier Álvarez) é sobresaínte.

As cancións de Noró exhalan o amor por ese noroeste que inspira o nome do disco. E exhalan por riba de todo o amor pola música que impregna cada corte e cada traballo do artista coruñés. 

En dúas semanas e media (previo paso por Rotterdam) comeza a xira galega de Noró. Será o sábado 24 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo. Ao día seguinte Xabier e as Adufeiras estarán na Capitol, mentres que o domingo 4 de marzo será a quenda do Teatro Rosalía de A Coruña, cidade natal do ex cantante de Berrogüetto. 

Iso antes de que poñan rumbo a Alemania e Bélxica, onde buscarán reeditar o rotundo éxito que obtiveron co tour de The Tambourine Man en Lorient, Glasgow, Lisboa, Bruxelas, Oslo ou Madrid. 

Máis información na páxina web de Xabier Díaz.

A %d blogueros les gusta esto: