Loading

Desconcierto Cultural é “unha asociación sen ánimo de lucro, que se adica, basicamente, á promoción da música en Galicia”. Quen fala é Carlos Ramos, secretario desta entidade que actualmente aglutina a máis de 100 socios.

Esta non é ningún tipo de loxia oculta, “calquera persoa pode ser socia, porque a taxa anual é de tan só 15 euros”. Formar parte de Desconcierto Cultural permite propoñer actividades a calquera dos seus membros, logo da análise de viabilidade pola xunta directiva. “Cando un concerto da beneficios, estos van para a asociación e, de haber perdas, repártense entre os socios promotores”. Ainda que esto último é algo excepcional.

[Placeres Ocultos é o ciclo] que mellor define as ideas estéticas da asociación”

A programación cultural está organizada, principalmente, en ciclos. Este ano arrincan o 21 de marzo co concerto de Gloria, enmarcado no Placeres Ocultos. Un ciclo que “engloba todos os concertos individuais e non ten estipulado un número de eventos específicos para cada ano”.

Debido á súa diversidade “é o que mellor define as ideas estéticas da asociación”. Entre a variedade de propostas que se teñen escoitado neste ciclo atopamos o “pop puro de Martin Carr, a música instrumental do laúd de Jozef Van Wissem, a electrónica de Vessel ou o pop sesenteiro de The Wellgreen”.

Little Wings no Placeres Ocultos

Entre finais de xuño e finais de xullo, teñen activo o ciclo Terrazeando. Orixinalmente, “púxose en marcha porque nos decatamos de que Santiago ten unhas particularidades arquitectónicas (terrazas, xardíns interiores, etc.) que permiten ofrecer un evento destas características. A premisa fundamental é descubrir bandas ao tempo que descubrimos espazos para a música”, describe Ramos, que deixa entrever un especial cariño por este evento.

[Con Terrazeando] a premisa fundamental é descubrir bandas ao tempo que descubrimos espazos”

A aposta pola música electrónica chámase Cortapega. Unha cita anual con cinco artistas emerxentes, de música de vangarda, que conta “cun público mais novo”A destacar unha produción técnica exquisita executada por unha asociación sen ánimo de lucro.

Desconcierto na Praia é unha especie de nota ao pé respecto do resto da programación. Un evento lúdico e desenfadado que se celebra nun encantador recuncho da Illa de Arousa. “Unha festa para socios, amigos, bandas e promotores”.

Cómo vivir en el campo no Terrazeando

Cae, “por esgotamento”, Primos-Hermanos, un intercambio entre bandas galegas e asturianas. No seu lugar, e como principal novidade para o 2018, a asociación vai recuperar Recreios, un ciclo de bandas portuguesas. Actualmente, “a calidade das propostas do país veciño é altísima”, opina o secretario. Unha sorte, pois, que Desconcierto Cultural retome esta iniciativa.

Ademais de todos estos ciclos, colaboran co Festival Noroeste Estrella Galicia de A Coruña programando As Matinais. A asociación “seleccionou 18 bandas e a metade eran galegas”. Neste caso, a tarefa da asociación é unha sorte de comisariado cultural: “buscamos espazos, artistas que encaixen na proposta, que todo se axuste ao orzamento que manexamos, mentres que da produción técnica encárgase o concello”.

Los Bengala en As Matinais do Noroeste Estrella Galicia

Só os concertos do ciclo Placeres Ocultos supoñen un risco económico individualizado para cada un dos socios promotores. O teito de gasto destas producións sitúase “en torno aos 1.000 euros”, e non está dentro dos obxectivos da asociación superar esa cifra. O motivo é que se programan “bandas que doutro xeito non pasarían por Galicia. Ser tantos socios permítenos seleccionar propostas que son moi arriscadas para un promotor privado”.

Presenza feminina 

Ramos afonda tamén en cuestións de índole social, como a desvinculación de moitas institucións culturais coas novas xeracións. A súa opinión torna sombría ao afirmar que “conectar empregando a tradición pop-rock é unha batalla perdida. Non é algo a extinguir pero parece que vai quedar nunha manifestación cultural bastante residual, e cun público medio de certa idade”. Non sorprende que a media de idade máis baixa sexa nos eventos adicados á música electrónica.

Hai que compensar unha débeda histórica. Ainda que resulte máis complicado configurar un cartel onde a maioría sexan mulleres, é preciso facer o esforzo”

En canto á presenza da muller, comeza facendo autocrítica. “Nun principio, pecamos de non pensar demasiado nesa cuestión”, pero pronto “decidimos poñer o noso grao de area para dar maior visibilidade”.

O mellor exemplo disto foi a programación, o pasado verán, de As Matinais: “se contamos as 18 bandas programadas a presenza feminina case acadou a metade”. O obxectivo para 2018 é “incrementar esa presenza e tentar de chegar ata os dous terzos do cartel. Unha cifra alta tendo en conta a cantidade total de proxectos liderados por mulleres que hai no circuíto”.

Museless no último Cortapega

Ramos ten claro que, neste ámbito, “hai que compensar unha débeda histórica coa muller”. Por iso, pensa que “aínda que resulte máis complicado configurar un cartel onde a metade ou dous tercios sexan  mulleres, é preciso facer ese esforzo”.

Aínda estamos lonxe dunha situación de igualdade, pero que Agoraphobia estean anunciadas en festivais como Mad Cool ou Resurrection”, que a artista Mounqup continúe medrando e que o disco que vai sacar Marem Ladson “o teña todo para que non deixemos de escoitar falar dela” son cousas positivas.

Decidimos concluír a nosa conversa falando de bandas galegas a ter en conta nos vindeiros anos: unha homenaxe ás recomendacións da finada desconcierto.com, xerme da asociación. Destaca a FAB polo seu pop de corte sesenteiro, os directos de Kings of The Beach e a fusión de electrónica e folklore de Baiuca. Outras bandas a escoitar, segundo o criterio de Ramos, son Abuela te quiero, Espiño, Alto Volta e Monte Louro.

En definitiva, estar en Desconcierto Cultural é unha constante busca de talento musical, posible “polo traballo desinteresado dos socios e pola suma de propostas pequenas”.

A %d blogueros les gusta esto: