Loading
Xabier Díaz

Tocan as doce en Bastavales cando nos citamos con Xabier Díaz, que nos recibe cun suadoiro de Budiño que lle dá ese aire de músico tradicional 3.0 que defende “sen espaventos”, como todo el, como o seu xeito de reivindicar o papel da muller e o seu empeño en amosar que as xotas, mazurcas e folións que comezou a gravar hai trinta anos en aldeas de toda Galicia non son un “recurso museístico”.

Esta semana presenta en concerto Noró (Algunhas músicas do norte), o seu último disco e segundo en ‘solitario’, tras a disolución de Berrogüetto. Co primeiro, The Tambourine Man (2015), fixo setenta concertos en dous anos por varios países de Europa e África e gañou o premio ao mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente. Con The Tambourine Man sitouse tamén no top ten da World Music Charts Europe.

Sen espaventos di que goza coa incógnita de saber que pensa o público de Noró, que devece por ver a súa reacción no directo. E fai esta afirmación coas entradas case esgotadas para os primeiros concertos. Na primeira semana no mercado Noró conseguiu o posto 49 de vendas en toda España, compartindo lista con Operación Triunfo, Pablo López ou Camila Cabello.

Noró entrou no Top50 de discos máis vendidos en España.

Camila Cabello canta “Just one hit of you, I knew I´ll never be the same”. As Adufeiras de Salitre, as once mulleres que acompañaron a Xabier en The Tambourine Man e repiten agora, cantan en Noró “Cando me queren deixar, antes que me deixen deixo” ou “Cando quero, quero ata tolear, cando olvido, olvido logo e non me volvo acordar”.

Contramensaxe para os mozos en tempos de reguetón? “É a demostración de que a música tradicional non é unha peza de museo. Esas líricas están nun cancioneiro de finais do século XIX, e se están aí é porque un compilador escoitou cantar esas letras a mulleres daquela época. Aí hai moito de actualidade”.

Non quero que [as letras ferintes para as mulleres] formen parte da mensaxe do disco. Foi unha escolla na que non quixen ser ambiguo”

Neste punto da conversa é cando Xabier Díaz se pon máis serio. No medio e medio do movemento MeToo é inevitable que os xornalistas insistan nas entrevistas promocionais polos cambios que fai de letras populares ferintes para as mulleres. “A miña foi unha escolla na que non quixen ser ambiguo. Non quero que forme parte da mensaxe do disco”. 

Pero deseguido matiza: “No imaxinario colectivo permanece a idea de que a lírica popular é Pousa, pousa, pousa e non me toques naquela cousa e iso é mentira. A xente ten unha visión deturpada. Convido a ler o cancioneiro de José Perez Ballesteros ou de Juan Antonio Saco y Arce que son marabillosos e nos que a lirica ‘porca’ está en proporcións moi pequenas”.

Así que en ‘Noró’ pode faltar “algo de picante ou de maldade” pero Xabier cre que as cancións non só son recoñecibles para as persoas ás que lles fixeron as gravacións, senón que a esas persoas lles gustarían dada a súa “querenza pola cuarteta octosílaba ben feita”.

O baile de Noró foi o primeiro single do álbum.

Volvendo ao MeToo, non lle importa formar parte do movemento, porque “xa abonda de machismos notorios e solapados”. Pero cando se lle pregunta canto hai de intencionalidade no nome do disco (Conta a lenda que Noró antes de vento e pedra foi muller), en que estea dedicado dúas tocadoras de adufe, en que as Adufeiras teñan máis voz neste segundo traballo, asegura que non hai un activismo premeditado.

En Xabier todo brota con naturalidade. Sen espaventos razoa: “Nós somos tres (Xabier e os músicos Gutier e Javier Álvarez) e elas (as Adufeiras de Salitre) once, a miña manager é muller, e as persoas das que aprendín as cancións son mulleres …”.

E goza lembrando cando chegaban ás aldeas para gravar as mulleres e os homes sufrían vendo que eles quedaban en segundo plano. “Sentíanse agredidos nesa xerarquía na que vivían. E eu pensaba ‘Vaste amolar porque a protagonista é ela, a que gardou toda esta memoria foi ela, que igual ti estabas ocupado na taberna”.

[Cando chegaba ás aldeas a gravar ás mulleres] Os homes sentíanse agredidos na súa xerarquía. Eu pensaba ‘vaste amolar, a que gardou toda esta memoria foi ela, igual ti estabas ocupado na taberna”

Afeccionado aos fogóns, Xabier compara este disco coa boa cociña. “Dediquei máis tempo aos aderezos. Se eliminamos harmonías e arranxos queda a base tradicional. Pero optimicei máis os recursos que tiña ao meu arredor, dos músicos que me acompañan, e eses pequenos detalles son os que lle dan un aire máis moderno”.

Público interxeracional

E grazas a Xabier, a música tradicional “destilada no 2018” soará en salas como a Capitol de Compostela, asociada a grupos de rock e indies, en horario case infantil (19:30 horas). Por varias razóns. “O noso público é interxeracional. Non penso que haxa música específica para nenos. Pero é que ademais eu teño os tacos suficientes para preferir esta hora. Tamén hai inercias respecto aos concertos que non comparto por iso intento cambialas. Por exemplo, a asociación necesaria de alcohol, música e noite”.

Así vai rachando moldes Xabier Díaz, coruñés que elixe Vigo para arrancar a xira. Mesturando un folión de Manzaneda cun pasodobre de Zas. Desafiando localismos. “Vivín en moitos lugares e sinto que son un pouco de todas partes. O que son é moi galego. Estou moi vencellado a este país, a súa cultura, a súa maneira de ser e fachendoso de ser de aquí. Por iso ‘Noró’ é unha declaración de amor ao sitio de donde son e á súa xente”.

Noró ten consolidado a Xabier Díaz como un dos músicos máis importantes da actualidade no país.

Declaración de amor que vai cantar nos vindeiros dous meses en quince vilas alemás e cinco belgas. Tamén en Madrid, aínda que o mercado español aínda é unha asignatura pendente. “Síntome moi querido polo público de aquí e tamén moi afortunado por poñer un pé fóra. Sempre tiven esa vontade e esa necesidade de non alimentarme dos mesmos aplausos e das mesmas críticas. Necesito testar outros públicos para saber as súas reaccións. É unha necesidade porque este país é un mercado marabilloso pero limitado. A nosa aposta para os próximos anos é o resto de España, porque é o mercado máis próximo, ao que nos podemos desprazar con gastos de produción controlados”.

Imaxinámolo de camiño a eses concertos escoitando jazz, a Xoel, a Vetusta Morla, a Sting, a músicos brasileiros ou arxentinos, o que elixe para o tempo de lecer na procura doutros elementos sonoros que lle permitan ‘desconectar’.

E que lle gusta bailar a Xabier Díaz? “Bailar gustoume en grado superlativo, sobre todo cando tiña vinte anos. Creo que é unha actividade coa que podes expresar moi ben, coa que podes interactuar cunha parella dunha forma marabillosa porque é moi plástica, xestual e sensual. Agora bailo pouco porque me canso. E gústame máis un agarrado que un suelto”.

Responde co seu falar pausado, con esa ollada que escudriña ao interlocutor, que se transforman, ollada e falar, enriba do escenario. Prepárense para bailar solto ou agarrado, porque con ‘Noró’ é imposible quedar quieto. Como cando che fan unha declaración de amor.

A %d blogueros les gusta esto: