Loading

A historia de Fariña, a serie, é máis unha historia de oportunidade que de oportunismo. De oportunidade para volver demostrar, por se aínda facía falla, o “nivelón técnico e artístico que posuímos en Galicia”, en palabras de Carlos Blanco, Laureano Oubiña na ficción do mesmo nome que a produtora Bambú estrea este mércores en Antena 3.

Con certo oportunismo si, porque o seu lanzamento estaba previsto para finais de ano e agora nos ofrecen só o primeiro capítulo a modo de aperitivo aproveitando o tirón do secuestro xudicial do libro de Nacho Carretero.

A aposta de Bambú e Antena 3 é inmensa, sen estrelas, apostando por nós, pola verdade, por profesionais do país”

Nada que obxectar a unha decisión empresarial, porque o audiovisual é tamén unha industria, de quen antes fixo unha escolla valente. “A aposta de Bambú e Antena 3 é inmensa, sen estrelas, apostando por nós, pola verdade, por profesionais do país”.

Carlos Blanco di que a serie ofrece un “retrato moi fiel” dos anos 80 en Galicia. “A estética, os excesos, as consecuencias na sociedade do narcotráfico, a impunidade dos narcos, as súas disputas, as conexións políticas… Pero tamén hai acción, emoción, paisaxes e coido que magníficas interpretacións”.

E aquí pode haber quen fale tamén de oportunismo ao facer unha serie sobre capos da droga despois do éxito mundial de Narcos. Só que Netflix estreou a primeira temporada da biografía de Pablo Escobar en agosto de 2015, un mes antes da publicación do minuciosamente documentado libro do coruñés Nacho Carretero.

E Ramón Campos, noiés fundador de Bambú Producciones, xa escribira hai quince anos o guión de Entre baetas, unha tv movie sobre as liortas entre contrabandistas e narcotraficantes na Ría de Arousa, triunfadora dos Mestre Matreo do 2002.

Nunha columna do The New York Times o ex alcalde de Medellín, Segio Fajardo, laiábase de que Narcos era “unha versión light dunha realidade profundamente complexa. A serie presenta a historia de Escobar dende a perspectiva da DEA sen o máis mínimo coñecemento nin interese pola nosa sociedade. Un thriller con heroes americanos que termina por debuxar unha caricatura de país”.

Iso non vai pasar coa serie de Antena 3. “Aquí é todo 100% galego”, di Carlos Blanco, “a produción, a dirección, a técnica… Todo feito con coñecemento dos feitos e a paixón de contar unha historia universal que aquí sucedeu. Eu intentei achegarme a Oubiña dende o respecto e sen criticar o personaxe. Prefiro que o público se faga a súa propia composición”. O que quixera para os colombianos Sergio Fajardo.

Os narcos de Fariña xuntos.

Esa “paixón” da que fala Carlos Blanco, vilagarcián, levouno a ofrecerse a Carlos Sedes, director de serie, cando soubo do proxecto. “Se precisas un Oubiña con acento da Ría de Arousa eu téñoo de serie. E funcionou, tiven informantes a moreas, videos onde observar e tempo para facelo. Poucas veces se pode traballar así. Un luxazo”. Fariña non é un documental, pero rigor non lle ha faltar.

A oportunidade quixo tamén que o secuestro xudicial compartise titulares cos históricos capos do narcotráfico en Galicia: a nova detención de Sito Miñanco e a demanda que lle puxo Laureano Oubiña a Carmen Avendaño (presidenta das nais contra a droga) por dicir que traficaba con varias substancias, non só haxix. Non é que volvan os 80, é que como apuntaba Carretero no seu libro: “O narcotráfico segue vivo en Galicia. Non se debe esquecer o que aínda non rematou”.

Carlos Blanco coindice na reflexión. “Os narcos seguen aí. Máis discretos pero aí están. Mentres o mercado demande o produto haberá quen llo sirva. Os beneficios son inmensos. E os problemas que producen tamén”.

Os narcos seguen aí. Máis discretos pero aí están. Os beneficios son inmensos e os problemas que producen tamén”.

Retroceso en liberdades

Ao fío dos problemas revival volvemos ao secuestro do libro. “A min lévame 40 anos atrás, á ditadura, cando estas cousas pasaban habitualmente. Coido que estamos claramente a sufrir un retroceso en canto á liberdades; supoño que son as consecuencias da denominada ‘lei mordaza’. Exemplos hainos a moreas”.

A reacción ao secuestro do libro foi disparar a súa venda en Amazon, onde se ofrecen exemplares de segunda man por ata case 300 euros. “Parece lóxico dadas as circunstancias. Pero non esquezamos que a editorial (Libros Del K.O.) non pode imprimir máis nin sacalos á venda e iso pode supoñer a súa desaparición”, apunta o actor.

Regresemos ás oportunidades, desta volta ás que se refire Carlos Blanco. “Oxalá Fariña chegue a moitos países e triunfe. Estou convencido de que así será. Será o éxito do noso audivisual”.

A %d blogueros les gusta esto: