Loading

8 creadoras ante o 8 de marzo

O xoves 8 de marzo a metade do país vaise deter. Galicia vai vivir a súa primeira folga feminista. No aire respírase certa sensación de escrita da historia (as mulleres) ou de testemuñas da escrita (os homes). Como cando vimos caer o Muro de Berlín. As mulleres son hoxe os alemáns que golpeaban a pedra coa forza da ilusión. Os homes son os espectadores que os vían facer historia dende o televisor.

Mais o muro que hai que derrubar agora repele mellor as marteladas que o de Berlín. Porque non está feito de pedra, senón de inxustiza, de prexuízos, de estruturas inveteradas de poder, de negativa a renunciar aos privilexios. 

En Inorantes quixemos unírmonos ao berro deste 8 de marzo e puxémonos en contacto con 8 creadoras galegas. 8 como número simbólico.

Guadi Galego, música, compositora e cantante.

Violeta Mosquera, batería e vocalista de Bala.

Sabela Hermida, actriz de teatro, cine e televisión, e bailarina.

Inma López Silva, escritora e tradutora.

María Reimóndez, escritora e tradutora.

Camila Bossa, actriz de cine, televisión e teatro.

Xisela Franco, cineasta e documentarista.

Pamen Pereira, pintora, escultora e artista.

Entregámoslles ás 8 un pequeno cuestionario para coñecer como viven o 8 de marzo, a súa análise do machismo na cultura e a súa experiencia persoal.

Das súas respostas, como nas brincadeiras, extraemos unha conclusión boa e outra mala. A mala é que o machismo segue fortemente instaurado na cultura galega. A boa é a lucidez da súa análise, a claridade da súa exposición, a evidencia do seu inmenso talento, que deixa ben ás claras que este é o tempo das mulleres.

O muro xa non vai aguantar moito máis. Está podre como a Estaca de Lluis Llach. Os tempos son chegados. Este non é o Día da Muller, é o Século das Mulleres.

O CUESTIONARIO 

1. Este 8 de marzo non é un Día da Muller calquera. Espéranse as maiores mobilizacións feministas da historia no país. Cal é a súa valoración? Pode ser o pulo necesario cara unha igualdade real?

MARÍA REIMÓNDEZ: “Os feminismos buscan moito máis ca a igualdade real, buscan unha transformación das bases da sociedade, das desigualdades de poder, e nada diso se consegue sen mobilizacións masivas.

“Este e todos os 8 de marzo son momentos para lembrar que vivimos nun mundo que tolera e promove a discriminación e violencias contra as mulleres a moitos niveis e que é responsabilidade de toda a sociedade priorizar estas cuestións. Tamén é un día para celebrar as que traballan e traballamos todos os días”.

PAMEN PEREIRA: “Sinto que estamos nun momento tan importante como cando as mulleres esixiron o voto ou a poboación negra esixiu a igualdade. Por disparatado que nos pareza agora, non hai tanto tempo que isto sucedeu. Espero que nuns anos se consolide o respecto real pola parte feminina do mundo que agora esiximos, e nos pareza imposible que algún día non existira. Por fin hai un espertar colectivo da metade feminina e estou emocionada.

Sinto que este momento é tan importante como cando as mulleres esixiron o voto ou a poboación negra esixiu a igualdade”.

“Eu tiven unha nai loitadora que coa súa intelixencia e tenacidade conseguiu moitas cousas nunha época moi difícil. Puiden ver perplexa os obstáculos e o sufrimento que lle xeraba a súa loita en solitario. Para desenvolver a súa actividade tívose que enfrontar a boa parte da sociedade. Iso marcoume e axudoume a loitar sen complexo polo que me parecía xusto”.

INMA LÓPEZ SILVA: “Os xestos simbólicos deben ser valorados precisamente así, desde a perspectiva simbólica e como pulo para unha carreira máis de fondo, verdadeiramente transformadora, que debería transcender a celebración dun único día. 

“O 8 de marzo é importante no plano da visibilización e, sobre todo, como espazo que posibilita sumar e convidar á reflexión. Este 8 de marzo paréceme unha ocasión de ouro para converter ao feminismo a moitos homes escépticos da loita feminista que se conformaban co discurso (máis simple) da distribución equitativa de roles”.

SABELA HERMIDA: “Calquera mobilización pode resultar insuficiente. Aínda seguimos a sufrir o machismo, dende o cotián, máis sutil ou encuberto ata a violencia machista máis extrema. Estamos instaurados nunha estrutura patriarcal profunda”.

Están facéndonos crer que non se pode facer nada para cambiar as cousas. Este mecanismo tan terrible denomínase indefensión aprendida na ciencia psicolóxica”

“Neste momento estan facéndonos crer que non se pode facer nada para cambiar as cousas. Estamos entrando nun terreo perigoso, non só pola aceptación da miseria ou da precaridade na que nos atopamos, senón polo sentimento de temor a perder o pouco que temos. Este mecanismo tan terrible é o que na ciencia psicolóxica se denomina indefensión aprendida”.

CAMILA BOSSA: “É moi importante que as loitas vaian extendéndose entre a poboación, que cheguen á rúa, que a xente o fale, que se mobilice e que obrigue a reflexionar sobre cousas tan consolidadas que moita xente as asume como isto é o que hai.

“Este é só un paso de moitos. Unha sociedade que leva tantos miles de anos sendo patriarcal non vai mudar a curto prazo. Sen ir máis lonxe, o noso presidente non sabe moi ben nin como abordar estes temas ou, seica, nen sequera o cre necesario. Agardo que o pulo non quede nun cliché ou nunha moda”.

VIOLETA MOSQUERA: “Estas mobilizacións parécenme moi necesarias. A ver se conseguimos que muden un pouco as cousas, aínda que sexa só no sentido de visibilizar a nosa causa e facer piña. Desgraciadamente, non creo que vaia ter consecuencias demasiado efectivas”.

Para cambiar as cousas hai que empezar redeseñando moitas das políticas que nos oprimen e sensibilizando de xeito efectivo a toda a sociedade”

“Para cambiar as cousas hai que empezar redeseñando moitas das políticas que nos oprimen e sensibilizando de xeito efectivo a todos os eidos da sociedade, comezando pola educación, para que nun futuro as novas xeracións non teñan que afrontar este tipo de situacións”.

GUADI GALEGO: “Estamos nun escenario que por fin rezuma un pouco máis de optimismo como colectivo e, sobre todo, a nivel de visibilización e normalización do feminismo. Por fin ser feminista empeza a ser unha realidade de moitas e moitos e para moitas”.

“Estamos moi lonxe da igualdade, aínda quedan eivas significativas que levan á desesperación, sobre todo en casos como violencia machista e adxudicación de custodias a maltratatadores. Cada pequeno paso é importante para a igualdade, polo tanto todas son pequeñas accións diarias. Somos as activistas do feminismo. Cada unha dentro da súa pequena realidade”.

XISELA FRANCO: “Como fenómeno é importante e esperanzador o auxe que se está a producir no movemento feminista e que queda patente nestas mobilizacións históricas en torno ao 8 de Marzo. Unha onda de toma de conciencia que sería inxenuo pensar que vai traer unha igualdade real pero desde logo é insólita e desexable”.

Os homes poden colaborar con nós facéndose máis feministas e axudando a cubrir os baleiros que deixamos o 8 de marzo”

“Os homes poden colaborar con nós facéndose máis feministas e axudando a cubrir os baleiros que deixamos as mulleres ese día. Eu vou facer folga e ir a manifa non só por min, senón polo resto das mulleres galegas, polas mulleres do mundo, polas miñas irmás dos lugares menos desenvolvidos onde ás mulleres lles queda por construír a totalidade da súa propia historia”.

2. Galicia é un país de referentes culturais femininos: Rosalía, Maruja Mallo, María Casares, Emilia Pardo Bazán… Todas elas atoparon atrancos ou tiveron que marchar para desenvolver a súa actividade. No século XXI, segue supoñendo a feminidade un obstáculo para as creadoras galegas? No seu caso, ten sufrido algún impedimento polo feito de ser muller?

CAMILA BOSSA: “Galicia aínda recoñeceu hai relativamente pouco estes referentes. Con isto quero dicir que aínda vamos moi atrasados na normalización da presencia da muller nos campos propios dos homes. Galicia é unha terra onde as mulleres teñen sido e son motor. Pero os seus logros quedan nun ámbito aínda tímido, ás veces ata hai un recoñecemento paternalista, compracente, como de facer xustiza a posteriori para demostrar que esta é unha sociedade igualitaria. Preferiría feitos antes que recoñecementos protocolarios”

Cando es muller hai menos traballo, peor pagado e unha presión sobre o físico e a idade que é a desculpa que inventaron para limitarnos e empobrecer o noso talento”

“Cando es muller vaiche costar todo o dobre. Hai menos traballo, peor pagado e, no caso das actrices, unha presión sobre o físico e a idade, que é a gran desculpa que se inventaron para limitarnos e empobrecer o noso talento. Non te fas actriz para ser sexy eternamente. Eu fíxenme actriz para contar historias e interpretar personaxes de todo tipo. Igual que fan os meus compañeiros actores. Quero ISO mesmo, nen máis nen menos”.

SABELA HERMIDA: “Ser muller segue sendo unha desvantaxe para chegar, triunfar e ser considerada. Afortunadamente estamos a vivir un aumento de mulleres galegas na creación, pero os postos de poder e responsabilidade están ocupados maioritariamente por homes. Hai unha aceptación máis fácil da muller que executa actividade artística, pero como titulares de postos de mando resulta ser outra cousa”.

“A maioría das producións nas que traballei estiveron capitaneadas, dirixidas e escritas por homes. Algunha discriminación sufrín e algún episodio desagradable vivín polo feito de ser muller. O máis doloroso é ter sufrido algunha vez esa mesma discriminación por parte dalgunha muller, con maneiras de poder absolutamente machistas”.

GUADI GALEGO: “Ser muller supón sempre un esforzo superior a nivel social. Unha científica, unha creadora, unha pensadora ou política ten que lidiar con infinidade de atrancos que se normalizan por ser muller. O patriarcado encárgase de que iso sexa así”.

Hai músicos que levan comigo vinte anos e se van dando conta de infinidade de hábitos que están no ADN do patriarcado e que foron mudando para comigo”

“No meu caso chegar a liderar un proxecto coa miña impronta e dende a miña sensibilidade particular supón un esforzo enorme. Hai músicos que levan comigo vinte anos e eles mesmo din que son máis feministas que nunca. Eles mesmos vanse dando conta de infinidade de hábitos que están no ADN do patriarcado e que foron mudando para comigo”.

PAMEN PEREIRA: “A feminidade segue a ser un obstáculo e, mentres case todo estea organizado baixo a visión masculina, seguirá a selo. Perder poder non é algo que se acepte facilmente. Unha boa parte do problema da violencia de xénero ten que ver con non aceptar esa perda de poder. Na historia máis recente fóronse facendo concesións ás mulleres para aparentar unha evolución, pero ese truco xa non se acepta”.


“Na experiencia persoal, claro que sufrín o peso de ser muller. E malia iso rompín moitos esquemas, mantívenme sempre en primeira liña de guerra, dediqueime á creación en corpo e alma. Non teño dúbidas de que se o traballo que eu desenvolvín todos estes anos o fixese un home, respectaríase e valoraríase con máis seriedade”.

INMA LÓPEZ SILVA: “Ser muller, en si, é un atranco para case todo o que non sexa ser nai e esposa amantísima. Eu, como calquera muller, sufrín impedientos polo feito de selo”.

Ser muller é un atranco para todo o que non sexa ser nai e esposa amantísima. Sei que hai críticos que non adoitan observar nin analizar a literatura feita por mulleres”.

“Sei que determinados críticos non adoitan observar nin analizar a literatura feita por mulleres, e tamén deixei de estar, de facer, de lograr cousas pola miña condición de nai. Iso é o máis feminino que existe, non é?”

VIOLETA MOSQUERA: “Non sei se a feminidade supón un obstáculo como tal, o que está claro é que neste país priman outros intereses, lonxe da cultura e a creación artística”.

“Eu, coma muller, teño sufrido exactamente os mesmos impedimentos que temos sufrido todas, nin máis nin menos. É obvio que ser muller, aínda que estemos no século XXI, supón moitos atrancos. E iso ten que comezar a mudar en todos os eidos”.

XISELA FRANCO:Claro que teño sufrido impedimentos por ser muller, falo sobre todo dun tipo de machismo invisible que se dá polo feito de ter nacido muller e que nós mesmas temos asumido. Por ser muller vaime ser máis difícil chegar lonxe, acumular logros, ser respectada nunha profesión masculinizada”.

Un dos nós gordianos desta problemática e desigualdade reside a fractura que temos as que queremos ser nais e auto-realizarnos profesionalmente”

“Cando entro nun equipo de rodaxe teño que demostrar que ademais de ser louriña e agradable son boa profesional. Agora que son nai véxoo cunha claridade meridiana. Aí reside un dos nós gordianos desta problemática e desigualdade, a fractura que temos as que queremos ser nais e auto-realizarnos profesionalmente”.

“Ser galega engade unha dobre condición de periferia. Para as mulleres galegas, ao longo da historia, foi máis difícil expresarse por vivir nun lugar sen grandes cidades nin máis intercambio cultural que o que trouxo a emigración. Pero esa dificultade foi convertida en virtude por escritoras, artistas e o movemento feminista galego, e así hoxe temos unha importante tradición feminista”.

MARÍA REIMÓNDEZ: “O que supón un impedimento non é a feminidade, senón o sexismo, o patriarcado. As creadoras estamos nunha sociedade na que a palabra das mulleres, as nosas múltiples experiencias e logros están sempre nun silenciamento e segundo plano moi evidente”.

O que supón un impedimento non é a feminidade, senón o sexismo, o patriarcado. No século XXI, se cadra a diferenza é que todo é máis sutil e polo tanto máis difícil de visibilizar”

“No século XXI se cadra a diferenza é que todo é máis sutil e polo tanto moito máis difícil de identificar e visibilizar. Pero está claro que o traballo das escritoras non se valora coma o dos escritores, que se nos segue metendo en xustillos, mirando o noso físico e unha morea máis de cousas que lles acontecen a todas as mulleres que ocupan o espazo público”.

3. É o seu sector cultural un sector aínda dominado polas figuras masculinas? Ten notado unha evolución nos últimos anos? Que considera que ten que cambiar?

GUADI GALEGO: “Agora hai máis grupos liderados por mulleres, bandas de mulleres, técnicas… pero non suficientes. Eles son máis, moiiiiitos máis. O papel da muller na música durante anos foi o de cantora”.

O papel da muller na música durante anos foi o de cantora. Hai unha frase que me repatea: bonita voz. Moitas facemos melodías, letras, harmonías, arranxos, somos moito máis ca unha bonita voz

“Hai unha frase que me repatea, e é a de bonita voz. Nós non somos só unha bonita voz: moitas cantamos os nosos temas e interpretamos os doutra xente ou mesmo populares, cada unha cunha expresión, intelixencia e sentimento. Todo iso vai moito máis aló de ser simplemente unha bonita voz“.

“Moitas facemos as músicas completas: melodías, letras, harmonías, arranxos. Non hai que ter medo, hai que dicilo: eu tamén podo. Mais a Administración tiña que dotarnos de oportunidades reais para desenvolvernos, non podemos ser só fillas da produtividade. Á sociedade hai que educala. Non pode ser que unha compañeira cun familiar dependente teña que deixar a profesión para adicarse ao coidado case exclusivo. Se fose un home pensaría o mesmo, pero na maioría dos casos recae sobre a mulleres”.

PAMEN PEREIRA: Eu noto unha evolución e grazas a ela estamos agora neste momento. Nada vai parar o empoderamento, pero non será cuestión de días. Cando o movemento  sufraxista conseguiu o voto feminino aínda había moitas mulleres (non só homes) que non crían na necesidade do voto feminino. Grazas a deus isto é agora inconcibible. Custou uns anos normalizalo, pero pasará o mesmo co resto de dereitos”.

Nada vai parar o empoderamento, pero non será cuestión de días. Custa crer en ti mesma de súpeto cando a historia te mantivo á marxe, pero somos moitas no campo de batalla”.

“Non son só os homes os que teñen que aceptar estas esixencias tan obvias, é necesario que todas as xeracións de mulleres crean nas súas capacidades e dereitos. Así daremos esta nova visión a fillos e fillas e isto será imparable. Non cabe esperar que os obstáculos se resolvan desde o punto de vista masculino, somos nós as que o temos que pelexar. Como colectivo, custa crer en ti mesma de súpeto, cando a historia te mantivo á marxe, por iso necesítase recuperar a confianza. Xa somos moitas no campo de batalla”.

XISELA FRANCO: “Como no resto das industrias culturais o cinema non está libre da miseria moral pola que as mulleres aparecemos sobre todo como obxecto de desexo ou mercadoría de consumo. Son moi poucas as mulleres directoras (só un 7%). No caso do cinema galego comprobo que desde que hai tres anos que argallei o proxecto Cinema e Muller co apoio da Deputación de Pontevedra, as cousas teñen cambiado algo”.

“Construímos un mapeo de todas as creadoras da provincia, estamos todas nunha web coas nosas bios (para a sorpresa de tod@s, somos 70), fixemos unha peli colectiva, pedimos as académicas que escribiran conferencias sobre cinema e feminismo, etc. Podedes velo aquí

“Nestes últimos tempos a porcentaxe de mulleres directoras de cinema independente galego é maior e os festivais tomaron conciencia. O Novo Cinema Galego xa ten nome de muller. É un pequeno paso, pero falta moito aínda.

INMA LÓPEZ SILVA: “Só fai falla botar unha ollada aos directivos do sector editorial, á crítica literaria ou á Real Academia Galega para decatarse da masculinidade predominante [na literatura]. É certo que nos últimos anos se deu non só unha toma de conciencia por parte das mulleres (e dalgúns homes) da necesidade de modificar isto, senón tamén un paso á acción. O manifesto O Xogo das Cadeiras, que tiven o privilexio de impulsar en 2012 foi un síntoma e un pulo por ese cambio”. 

“Penso que a procura de voces femininas que renoven o catálogo de editoriais coma Galaxia non é allea a todo isto, igual cá toma de conciencia dalgúns homes con responsabilidade cultural que, próximos ao movemento feminista, decidiron apoiar decididamente a visibilización das mulleres escritoras. Pero aínda queda moito por facer. Non tomamos aínda o poder. Creo que temos dereito, tamén, a estar aí”.

SABELA HERMIDA: “No teatro existe un dominio masculino, pero penso que estamos nun momento moi aceptable de xurdimento e divulgación de mulleres creadoras galegas. A base do cambio está nunha educación igualitaria. É necesario que sigamos tomando conciencia, mobilizándonos e visibilizando a realidade existente. Debemos romper as estruturas machistas e sexistas, e debemos ousar ser protagonistas”.

Debemos romper as estruturas machistas e sexistas, e debemos ousar ser protagonistas”

“Eu non só defendo a presenza de máis mulleres na cultura e na arte en Galicia por pura xustiza ou simple paridade, senón polo feito real da calidade artística, humana e profesional das nosas artistas e creadoras”.

CAMILA BOSSA: “[En Galicia] hai moitas actrices (e moi boas) pero as súas carreiras acúrtanse antes ou os papeis ofertados son máis prototípicos, anodinos e dependentes da trama masculina. Unha frase moi estendida cando chamas a un inicio de probas é: A ver, non hai case papeis femininos, xa sabes, así que estades moitas para o mesmo.

“Hai que crear, escribir, producir desde a muller. Normalizar que a prota poida ser unha muller. Así, sen máis: unha muller. Non unha muller exclusivamente nova, delgada, guapa; ás veces infantilizada, dependente. Normalicemos as idades, as arrugas, as particularidades da beleza. E mandemos outra mensaxe: as mulleres son interesantes, complexas, divertidas, imperfectas. Namóranse, odian, loitan, sufren, engordan, tosen, enferman, choran, fan o amor e paren sen ser bonecas de porcelana as 24 horas. A obsesión polo físico femenino ocupa moito tempo das nosas vidas, desgasta e, finalmente, nos distrae do importante”.

Alguén imaxina que a Tosar, Eduard Fernández, Juan Diego ou Morris tiveran que poñerse bótox ou coláxeno nos beizos para facer protagonistas? Pois igual de absurdo é para unha actriz” 

“Alguén imaxina que a actores como Juan Diego, Tosar, Eduard Fernández ou Morris, por dicir algúns, lles dixeran que non poden facer protagonistas pola súa idade ou aspecto físico? Que tiveran que poñerse bótox ou coláxeno nos beizos para aparentar xuventude? Pois igual de absurdo é para unha actriz”.

VIOLETA MOSQUERA: “A música, coma todas as demais esferas, está enteiramente dominada pola figura masculina. É certo que co paso dos anos vai aumentando a presenza de mulleres, pero queda moito por facer. No meu caso, atópome constantemente con mozas e mulleres que me din que o seu soño sempre foi tocar a batería ou que sempre quixeron ter un grupo de música.

Dende aquí lanzo unha misiva a todas as mulleres do mundo: os límites están só nas súas cabezas. Que nada as deteña á hora de loitar polos seus soños. Ninguén coma elas mesmas vai lotar polo seu”

“Ao final, o que realmente cambia as cousas é o compromiso firme cunha causa, a decisión firme de querer cambiar o mundo, comezando por un mesmo. Así que dende aquí lanzo unha misiva a todas as mulleres do mundo: os límites están só nas súas cabezas. Que nada as deteña á hora de loitar polos seus soños e intereses, porque ninguén coma elas mesmas vai loitar polo seu”.

MARÍA REIMÓNDEZ: “O poder patriarcal ten aínda afán de seguirse perpetuando, vémolo en premios, xurados, crítica… mais é certo que na literatura galega hai unha forte corrente de escrita feminista que vén xa dende Rosalía de Castro e que, por moito que a historiografía patriarcal pretenda dicirnos outra cousa, non se veu interrompida ata a actualidade”.

“Temos devanceiras e queremos ter sucesoras ata que o sistema sexa máis biodiverso en todos os sentidos. En calquera caso, persoalmente non creo nas evolucións como algo temporal, senón como un esforzo colectivo que se vai facendo a través de múltiples intervencións e man a man entre moitas”.

Por moito que a historiografía patriarcal queira dicirnos outra cousa, na literatura galega hai unha forte corrente feminista que vén xa dende Rosalía”

“As escritoras feministas en Galicia, en comparación con outros sistemas literarios próximos, somos moitas e ademais temos capacidade para traballar xuntas, malia as nosas diferenzas. A plataforma de crítica literaria A Sega creo que é un exemplo sobranceiro dese espírito e visibiliza un traballo moito máis amplo de escritoras de todas as xeracións, que van e imos sachando unha leira que por principio se nos presenta chea de pedras”.

 

*A edición das respostas das 8 creadoras galegas é o labor máis difícil e ingrato que temos feito en Inorantes. O único obxectivo era intentar facilitar a lectura do cuestionario, mais a edición foi en todos os casos dolorosa porque era imposible curtar sen ter a sensación de cercenar unha parte importante da resposta. Editar a 8 mulleres con moito máis talento do que xamais teremos os/as Inorantes é certamente unha ousadía e dende aquí queremos desculparnos de antemán.

**Vaia tamén o noso agradecemento ás 8 protagonistas desta reportaxe pola súa vontade de colaborar con nós, mesmo cando as súas obrigas profesionais e persoais lles dificultaban esa colaboración. Temos sido moi afortunados por contar coas súas respostas e espero que os lectores pensen o mesmo ao achegarse a elas.

A %d blogueros les gusta esto: