Loading

Un libro: Intempériome, de Xela Arias

Intempériome é o derradeiro poemario de Xela Arias. Saíu do prelo apenas cinco meses antes da repentina morte da poeta en 2003. Con Intempériome, Xela puxo un brillante, coherente e acaído colofón á súa (truncada mais intensa) obra literaria.

Xela, que irrompeu aos 24 anos no panorama literario galego con Denuncia do equilibrio (1986); Xela, que xerou controversia ao espirse nas fotografías que acompañan os textos de Tigres coma Cabalos (1990); Xela, que seguiu denudándose (mais con outro tipo de nudez) nese testemuño da maternidade que é Darío a Diario (1996); Xela decidiu poñerse á intemperie na súa obra definitiva.

Mais que é a poesía (a literatura, se me apuran) que poñer a alma á intemperie?

Intempériome foi editado por Espiral Maior

Intempériome é un poemario difícil de desentrañar. Iso non supón unha traba; polo contrario, faino máis engaiolante. Permite mil lecturas. Pídeas, de feito. Cada lectura descobre novas imaxes, expresións cativadoras, innovacións de linguaxe e sintaxe. Separacións silábicas como

Ba

léirate

me

 Ou

Me

diocratízaste

me

 

Intempériome non é fácil, pero Xela nunca se preocupou por escribir para outros. “Non me obsesiona chegar ao público. Só quero facer a poesía que me gusta, sen imposicións”, dixo en 2003, o ano da súa morte.

Non é iso a poesía (a literatura, se me apuran) escribir o que un leva dentro? Non é iso neste tempo de hipócritas que só din o que outros queren oír?

O lector disfruta do verso descarnado de Xela, mesmo cando narra a fealdade, a enfermidade, o sangue, a morte. Dixo Xela: “Non me interesa falar de felicidade, iso xa se leva na cara; quero describir o que nos ensinaron a ocultar”.

Catívanos en especial o primeiro e longo poema do libro E así que me din que agarda no que a voz poética é unha muller negra enferma de Sida.

Xela tece nel versos fermosos:

mais enganas dúbidas coma un codelo de pan o estómago

tras días sen carne

Ou

E

se as leitugas e mailas pescadas poboasen os poemas,

se o fío da costura e mailos malditos calcetíns

se enganchasen ós versos…

E un pouco máis adiante:

E aínda é probable que as raíces dos meus xenes relacionen

antes burato con sete que sete con semana

A súa capacidade de atopar beleza na fealdade, a crueza ao falar da morte, emparéntana con Lois Pereiro, outro poeta grande perdido antes de tempo.

Como neste poema de Intempériome:

‘De certo, a vida ía en serio’, escribíu meses antes de morrer

Intempériome é un dos grandes poemarios galegos do novo século. Cómpre reeditalo, cómpre lelo, cómpre saborealo. Cómpre non esquecer a Xela. O seu Día das Letras xa está tardando.

O 4 de marzo tería cumprido 56 anos. Ao ler Intempériome non se pode fuxir da dor da perda na xuventude. Queda a dúbida de ata onde podería ter chegado a poesía de Xela Arias se a morte lle tivera respectado. Sempre quedará.

*Para escribir esta entrada consultáronse os textos Xela Arias, Verso desnudo, de Jesús Expósito Rabadán (2005); e O equilibrio trastornado. O Eu e a súa relación co Outro na poesía de Xela Arias, de María Xesús Nogueira Pereira (2015). Deste último están extraídas as citas de Xela.

A %d blogueros les gusta esto: