Loading

Hai cousas que, ocasionalmente, axudan a romper co pesimismo colectivo que inunda a cultura contemporánea. Ás veces, hai quen empezando desde abaixo, desde un instituto dunha vila mariñeira (Boiro), pode acabar tocando no South by Southwest en dúas ocasións.

Moitas cousas son diferentes en Agoraphobia desde o 8 de marzo de 2013. Un Día da Muller que a banda oficializa como punto de inflexión. Ou punto de partida. Di a vocalista, Susana Saavedra: “O que facíamos antes Aislinn e máis eu eran intentos, pero a banda non se conformou ata que apareceron Paula [Rego], Sabela [Sampedro] e Lucía [Fernández].

Un lustro, pois, para chegar ao 8 de marzo de 2018. Falamos con Paula Rego, batería, que nos di que neses cinco anos “[cambiou] todo: estilo, compoñentes e ata o modo de percibir a música”.

En canto aos compoñentes, moi dura tivo que ser a marcha de Aislinn, membro fundacional do conxunto. Respecto ao estilo, a simbiose de garage, punk e indie noventeiro do EP Dirty Little Things, no 2014, deu paso a unha evolución sonora de guitarras pesadas, ao ano seguinte, en Ready To Play.

Paula Rego, no centro, con camiseta amarela. Foto: Miguel Vidal.

En outubro de 2017 publicaron Incoming Noise, o seu primeiro LP e mellor traballo. Están confirmadas para o Mad Cool e o Resurrection Fest. Vai ser este o ano de Agoraphobia? Rego teno moi claro: “Por suposto, ímolo facer noso. Temos moitas ganas de irnos de xira e ensinar o noso traballo a todo o mundo. O número de concertos non para de medrar e nós estamos encantadísimas”.

Pódese dicir que vivimos para a música e, ata o momento, seguimos enteiras”.

Podería parecer que son estrelas que amasan cartos, pero non é exactamente así. Máis que vivir da música, “pódese dicir que vivimos para a música e, ata o momento, seguimos enteiras”. Incuestionable matiz que leva implícito a valentía e dificultades que conleva ser artista. Sen embargo, a evolución é favorable.

Agoraphobia comezou dando concertos para os seus amigos e, agora, o público enche salas por velas tocar. Están a presentar Incoming Noise. Esta semana, pasarán por Barcelona e a seguinte actuarán en Madrid. Este longa duración é un paso de xigante, como testemuñan É unha opinión ou Grape Juice.

Paula Rego, orgullosa de todas as cancións, ten unha favorita: “puxemos moito mimo en cada [tema] e vimos necesario poñer a nosa vida nas súas letras para facelas máis honestas. Quizáis a que ten maior carga emocional para nós é Captain Time”.

A batería concibe este último traballo como un proceso evolutivo e, de feito, considera “os dous primeiros EP’s como unha aproximación cara [Incoming Noise], sentímonos máis representadas con este novo son e estilo máis duro”. Obra de madurez, polo tanto, de xente moi nova, pero que leva tempo neste oficio.

Os dous primeiros EP’s son como unha aproximación [cara Incoming Noise] (…) Sentímonos máis representadas con este novo son e estilo máis duro”

Quen xa as viu, estará de acordo en que se toman “moi en serio os directos. Nese sentido temos moitas horas de ensaio ás costas para sonar empastadas e contundentes. Ao mesmo tempo tivemos moito coidado cos sons empregados e coa intención e as intensidades”. Segundo Rego, buscan o máximo respecto polo seu traballo de estudio, que “as cancións transmitisen a mensaxe e o sentimento co que foron creadas [para Incoming Noise]. Se acaso, unha das cousas máis difíciles de acadar”.

Proba de todo isto foi o concerto que deron, xunto a Bala, o pasado 1 de marzo en Santiago. O evento tiña un marco reivindicativo, dentro das accións do 8M. Un tipo de iniciativas que son “moi necesarias”. Cada vez hai máis mulleres no mundo da música “pero seguen faltando. Sobre todo mulleres instrumentistas. Visibilizar bandas femininas permite que as rapazas teñan un referente de cara a decidir adicarse a esta profesión. Non hai nada máis satisfactorio que un grupo de rapazas che digan ‘viñemos a vervos e decidimos poñernos a ensaiar'”.

Non hai nada máis satisfactorio que un grupo de rapazas che digan ‘viñemos a vervos e decidimos poñernos a ensaiar’”.

En tanto que se fala de visibilidade, é obrigado falar de artistas galegas a ter en conta. Rego recoméndanos ás Tanxugueiras porque “aúnan moi ben o carácter tradicional galego coa figura da muller empoderada”. Tamén destaca a Woyza, “unha artista soul con vertentes rap”.

2018, o ano de Agoraphobia. Foto: Miguel Vidal.

Evolución estilística. Novo LP. Concertos. Feminismo. Queda falar da recente polémica cultural na que se viu envolta a Xunta de Galicia. Este ano Agoraphobia está no cartel de O Son do Camiño, festival institucional para promocionar o Xacobeo 2021. Para o evento, a Xunta, segundo publican varios medios, adxudicou a dedo 2,5 millóns de euros. Complexo casar cultura e oficialidade. Dada a particularidade da cuestión, deixamos a resposta íntegra de Paula Rego:

“Cando nos invitaron a tocar no Son do Camiño, toda a información que está saíndo á palestra non era pública. De feito, poucas veces trascende ás bandas o modelo de financiación dos festivais ou dos concertos nos que participamos con suficiente antelación. E isto é unha cuestión de responsabilidade social e da industria musical. Non só das bandas, que bastante temos con subsistir como para ser comisarias ou inspectoras dos nosos empregadores. Trátase de artellar mecanismos onde se establezan medidas previas que non permitan nin a máis mínima desviación en ningunha das leis previstas e actuais. Sexa o ámbito público ou privado”.

Este é o ano de Agoraphobia. Dino elas e os Inorantes asentimos. Que lonxe quedan as influencias de Blink 182 e Incubus, e que próximos están agora os Pixies, Nirvana e Sleater-Kinney. Paula ten “moitas ganas de xirar e ensinar o novo traballo a todo o mundo”. De que se vexa a evolución dunha banda que empezou nun instituto de Boiro e que en xullo vai estar no Resu e no Mad Cool. Riot Girls de aquí. Raiñas da Idade de Pedra en Galicia.

A %d blogueros les gusta esto: