Loading
A muller semtada

Un cadro: A muller sentada, de Carlos Maside

O mundo afectivo de Carlos Maside estivo sempre vencellado á figura materna. Á súa nai, Socorro García. Ela era o sostén económico da casa, que nunca renunciou á súa lingua nin ao emprego da indumentaria e peiteado tradicionais. Non sorprende, entón, o interese do artista pola figura feminina. Unha constante na súa obra. Traballadoras. Campesiñas, cacharreiras, peixeiras e leiteiras orbitan no sistema creativo do pintor.

A outra inspiración explicábaa moi ben Luis Seoane. Afirmaba que, tanto el como Maside, aprenderon mais das feiras dos xoves en Santiago, ou do pórtico de Praterías, que de calquera outra referencia.

Pórtico de Praterías
O Pórtico de Praterías, fonte de inspiración para Maside e Seoane.

A realidade dos mercados e das formas do románico fúndese nestas mulleres que, se non están activas, están descansando das súas obrigas. Pero no seu alivio albíscase toda a dureza do traballo, grazas a uns volumes rotundos e angulosos. Ás desproporcións intencionadas de mans e pés. Formas pétreas que miran ao pasado e traen unha nova sensibilidade artística. Así é esta Muller Sentada que Maside pintou en 1930.

A muller sentada
A muller sentada é unha das obras mestras de Carlos Maside.

1930 é un ano crucial no que o artista incorpora novas técnicas e inicia un novo período. Para falar desta figura, nada mellor que aplicarlle as palabras do pintor: “Toda sensación de movemento, de instante e de tempo foron eliminadas. A mirada fría e frontal. A boca pechada e muda. Inmobilidade e silencio. Rigor e monumentalidade subliñan a súa forza”.

 

Carlos Maside
Carlos Maside, xunto a un dos seus autorretratos.

A muller sentada é a pintura que mellor define a estética do granito. É dicir, adaptar aos postulados da vangarda histórica a tradición plástica da Galicia popular, evidenciada en cruceiros e igrexas, que era parte consustancial da paisaxe. Pouco queda nesta obra do rexionalismo anterior, mesmo partindo de similares fluxos temáticos. Comeza a etapa máis importante da historia da pintura galega.

* Consultas:

  • VVAA. Carlos Maside. Auditorio de Galicia. 1992
  • Rodríguez Losada, E. Carlos Maside. Deputación da Coruña. 1993
  • Vilar, I. e Álvarez, N. Carlos Maside. Amor á arte nunha terra. Documental
  • Vega, X. M. Pintores de Galicia. Documental
A %d blogueros les gusta esto: