Loading
Divinas Palabras Revolution

En 2017 o Centro Dramático Galego celebrou levando á escena Martes de Carnaval que ese ano caducaba a prohibición dos herdeiros de Valle-Inclán de representar en galego as súas obras. En 2018 a compañía pública galega volve apostar polo creador do esperpento nunha das montaxes teatrais máis esperadas do ano.

Reacción lóxica á “frustración e inxustiza histórica”, en palabras de Xesús Ron, de non poder acceder durante décadas a un dramaturgo tan noso na lingua propia.

A obra escollida para esta nova achega a Valle en galego é Divinas Palabras (Traxicomedia de aldea), escrita hai cen anos. E o director elixido é Xesús Ron, coñecido artisticamente como Xron, un dos fundadores de Chévere.

A Galicia idealizada de Valle, virxe e de cultura visceral, non existe. Estragámola”.

Valle-Inclán peneirado polo particular universo cheveriano dá como resultado Divinas Palabras Revolution (Traxicomedia de aldea global). A aldea 4.0 é un plató de televisión; e os veciños do texto de Valle, concursantes dun reality show.

“A Galicia idealizada de Valle, virxe e de cultura visceral, non existe. Estragámola. Temos as aldeas abandonadas e desapareceu a transmisión da cultura popular. Reconvertemos o universo pechado da aldea e as súas relacións viciadas nun plató. É diante das cámaras e non dos chismes dos parroquianos donde os protagonistas teñen que manter o tipo”, explica o director.

Xesús Ron
Xesús Ron, un dos fundadores de Chévere e director da obra.

A proposta de Chévere mantén a crítica á explotación infantil e á falta de moralidade da obra orixinal, temas vixentes nos nosos tempos, pero contada nun galego máis coloquial. “Fixemos unha operación Frankenstein co texto. Tratámolo como un cadáver ao que darlle vida, quitando partes, incorporando outras, limpando arcaísmos”

Xron recoñece o atrevemento da súa proposta: “Para os que o coñezan o texto de Valle [a adaptación] pode ser unha monstruosidade, pero o noso obxectivo é dirixila a un público non culto, que cando saia da sala se anime a ler a obra”.

Para os que coñezan o texto de Valle [a adaptación] pode ser unha monstruosidade, pero o noso obxectivo é dirixila a un público non culto que se anime a ler a obra”.

Chévere teima en conectar coa sociedade, darlle ao crecente número de espectadores nos trinta anos de traxectoria da compañía o compromiso que demandan. “O noso teatro está cada vez máis implicado políticamente, que non partidariamente. Se hai debate social, mollámonos. Iso é o que non ten o teatro galego en xeral e o que impide que chegue ao público”, defende Ron.

E metidos nas augas do vínculo entre o CDG e o sector, Xron non dubida. Esta representación é unha paréntese na relación de Chévere coa institución pública. “Nunca houbo conflito co CDG, simplemente vivimos á marxe da oficialidade e despois de Divinas Palabras seguiremos en universos paralelos”.

Divinas Palabras Revolution
Ensaios de Divinas Palabras Revolution. Todas as imaxes da obra son de Damián Varela.

Xesús Ron di que hai “demasiadas inercias” que impiden o diálogo entre o teatro galego e o Centro. “A culpa non é só da institución, ineficaz e ineficiente; a responsabilidade é compartida”. Pero deseguido engade que “fai falta vontade política para querer poñer o CDG na sociedade actual”.

O Premio Nacional de 2014.

A escena galega vive un bo momento, en grande medida polo pulo das vilas, cun forte tecido de compañías. Talento recoñecido, no caso de Chévere, co Premio Nacional de Teatro no 2014. De que lles valeu? “Como carta de presentación para poder actuar en salas de fóra do país. A cultura galega non significa nada para o Goberno, cando queres saír de Galicia estamos totalmente desamparados polas administracións. Temos que facelo pola nosa conta”.

E saír de xira fóra de Galicia non é un labor sinxelo: “Mover un espectáculo polo resto de España é moi custoso, ademais da barreira lingüística. Non se trata de cartos, falamos de mediación política de alto rango que nos permita acceder aos teatros importantes de España”.

En calquera caso, os Inorantes estamos desexosos de ver o xoves no Salón Teatro a estrea de Divinas Palabras Revolution, e ese cruce entre Valle Inclán e Chévere.

Divinas Palabras Revolution

Funcións de Divinas Palabras Revolution esta semana no Salón Teatro de Compostela:

 

Martes, 17 de abril. 10:30 (función escolar)

Mércores, 18 de abril. 10:30 (función escolar)

Xoves, 19 de abril. 20:30

Venres, 20 de abril. 20:30

Sábado, 21 de abril 20:30

Domingo, 22 de abril. 18:00