Loading
Alejandro de la Sota

A Cidade da Cultura é a apoloxía máxima do arquitecto estrela. Neste caso, o estadounidense Peter Eisenman. Canto do cisne do derroche institucional, da primacía do deseño sobre a funcionalidade e do impacto visual finisecular sobre o proxecto reflexionado.

Este ano 2018, o Día das Artes Galegas -que se celebra este 14 de abril– adícaselle, por primeira vez, a un arquitecto contemporáneo e que se sitúa no extremo oposto: Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996).

Goberno Civil de Tarragona

As  obras de De la Sota están moi lonxe da ostentación megalómana de Eisenman. Tanto que en 1988, ao recoller a Medalla de Ouro Nacional de arquitectura, xa lanzou unha advertencia contra a edificación espectáculo que se estaba a fomentar. O pontevedrés preferiu vincularse, polo menos en concepto, co funcionalismo máis programático: o dos Le Corbusier e Mies Van der Rohe dos anos 20 e 30 da pasada centuria.

Alejandro de la Sota é, sen lugar a dúbidas, un dos arquitectos clave para entender a modernidade e contemporaneidade da arquitectura española e galega”.

Para falar de todo isto, conversamos con Juan Ignacio Prieto, doutor arquitecto e profesor de Proxectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña dende 2008.

Convén comezar por explicar quen é o homenaxeado. “Alejandro de la Sota é, sen lugar a dúbidas, un dos arquitectos clave para entender a modernidade e contemporaneidade da arquitectura española e galega. Pola súa aposta decidida pola abstracción conceptual, a experimentación material e a súa sobriedade compositiva, así como pola súa influencia en xeracións posteriores de arquitectos”, dinos Prieto.

Sobriedade e abstracción son dúas ideas incondicionais deste arquitecto, sexa en proxectos ou en construccións como o Goberno Civil de Tarragona. O recurso aos novos materiais pode verse na utilización dos paneis prefabricados de hormigón da Casa Varela.

Casa Varela, en Collado Mediano (Madrid).

De la Sota, ademáis, era docente. E, por suposto, un pensador da forma e do espazo arquitectónico. Contan que faleceu mentres estudaba uns planos. A súa máxima estética, o que se pode ensinar non merece ser aprendido é, en realidade, unha cita a Le Corbusier.

O xenio suízo “era un dos poucos arquitectos aos que recoñecía como o seu mestre”. Segundo Prieto, “ambos refírense á dificultade de entender a formación da arquitectura como un catálogo de respostas, cando o que debe aprenderse é a formular as preguntas adecuadas. Construír un itinerario persoal de investigación que permite aproximarse a solucións universais”.

[Le Corbusier] era un dos poucos arquitectos aos que [de la Sota] recoñecía como o seu mestre (…) Ambos refírense á dificultade de entender a formación da arquitectura como un catálogo de respostas, cando o que debe aprenderse é a formular as preguntas adecuadas”.

Nun sentido estrito, o primeiro arquitecto en recibir o galardón foi o mestre Mateo, co que se inaugurou o Día das Artes Galegas no ano 2015. “Sen embargo, este ano resulta especial pola relevancia do arquitecto elixido e pola necesidade de comunicar e dar visibilidade ás obras da vangarda arquitectónica moderna e contemporánea”.

O certo é que, en Galicia, aínda que poidamos identificar algúns edificios proxectados en tempos recentes, en contadas ocasións lles sabemos poñer nome e apelidos aos seus arquitectos. Podería ser anecdótico nalgún caso, pero De la Sota é unha das figuras que máis influíu na arquitectura española da segunda metade do século XX. Foi Medalla de Ouro das Belas Artes en 1986. E mestre de mestres. O seu estudo deu formación, entre outros, a Víctor López Cotelo, Manolo GallegoCarlos Puente ou Juan Navarro Baldeweg.

[Alejandro de la Sota é relevante no marco da arquitectura galega] por ser unha das figuras referenciais do século e pola súa presenza viva como mestre e referente intelectual de xeracións posteriores de arquitectos galegos”.

E onde podemos situar a De la Sota no marco da arquitectura galega contemporánea? Para Prieto, a súa relevancia neste contexto está fora de toda dúbida por dous motivos principais: “Por ser unha das figuras referenciais do século e pola súa presenza viva como mestre e referente intelectual de xeracións posteriores de arquitectos galegos como Manuel Gallego ou Alberto Noguerol, e, a través deles, de tantas outras xeracións posteriores”.

Ximnasio do Colexio Maravillas, en Madrid.

Obras destacadas.

Entre as obras destacadas de De la Sota, Prieto diferencia entre construción e proxección non construída. No primeiro caso, o profesor da UDC destaca “a rotunda abstracción do Goberno Civil de Tarragona (1957), a fantástica concepción da sección e espazos do Ximnasio do Colexio Maravillas de Madrid (1961) ou a experimentación construtiva e material doutros proxectos como a Casa Varela (1964)”.

Todas elas, son, actualmente, obras modélicas dentro da historia da arquitectura española contemporánea. O citado ximnasio, posiblemente a súa obra máis popular, foi eloxiada por Mies Van der Rohe, un dos referentes de De la Sota, na súa visita a Madrid en 1965. En outubro de 2017 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Comunidade de Madrid.

Casa Domínguez

En canto aos proxectos non realizados, “deberían incluírse nesta lista o Conxunto Residencial Bahía Bella (1965), a Sede de Aviaco (1975) ou a Urbanización en Alcudia (1984)”. Ningún artista se valora na súa totalidade se non se ten en conta a súa obra efímera, inacabada ou non consumada. Nalgúns casos, como o do Artes Galegas 2018, esta produción ocupa un lugar preponderante.

Proxecto para o conxunto residencial Bahía Bella no Mar Menor (Murcia).

Se nos centramos en Galicia, Prieto di que “sobre todos os proxectos destacaría a Casa Domínguez na Caeira (1976)”. E engade dúas máis: “o Pavillón Polideportivo (1966) e as Vivendas na rúa Gondomar (1972), da súa Pontevedra natal”

Pontevedra estimulou a súa creatividade. Alí realizou as súas primeiras caricaturas, que non abandonaría en toda a súa vida, e trabou unha intensa amizade con Alfonsiño Rodríguez, fillo de Castelao. O de Rianxo foi quen de ver as cualidades do futuro arquitecto, e a distancia xeneracional non impediu a fascinación mútua entre ambos xenios. Ao pé do Lérez. Onde comezou a historia do mellor arquitecto moderno de Galicia.

Un croquis da urbanización en Alcudia (Mallorca).

Exposición no museo de Pontevedra.

Coa exposición Alejandro de la Sota. Construirse/Construir o Museo de Pontevedra súmase á celebración do Día das Artes Galegas. A mostra ofrece unha visión completa da súa traxectoria vital, desde a infancia ata a madurez. Os proxectos exhibidos representan, segundo os organizadores, “diferentes etapas do seu traballo arquitectónico, non moi extenso, pero si fundamental”.

Croquis da sede de Aviaco (Madrid).

A exposición complétase con material bibliográfico, debuxos e mobles deseñados polo propio artista. Estará aberta ao público ata o próximo 27 de maio, na sala de exposicións temporais do sexto edificio, e xa se pode visitar.