Loading

FIV de Vilalba

Esta fin de semana, o venres e o sábado, celébrase o FIV de Vilalba. Lori Meyers, Carlos Sadness, El Columpio Asesino e Xoel López encabezan o cartel. Póker de ases do indie máis popular. O festival, que sempre destacou a nivel organizativo, esgotou os abonos e entradas de día por terceiro ano consecutivo.

As cifras de venda das últimas edicións consolidan unha marca á que se lle comeza a facer pequena a Praza da Constitución, o recinto principal desde as súas orixes no marco das festas patronais.

Postergel
A banda local Postergel.

O venres 27 inaugura o FIV 2018 a banda local Postergel. Son un conxunto de power pop solvente, con moitos anos de experiencia, que se notan no seu directo. A continuación actuarán os vascos Shinova, emerxente grupo de rock alternativo. Tomará o relevo o pop épico, caramelizado e lustroso de Carlos Sadness, que está a presentar Diferentes Tipos de Luz.

Finalmente, Xoel López insiste en amosarlle ao público que está no mellor momento da súa carreira. O seu traballo máis recente é Sueños y Pan, no que continúa a destilar as influencias que lle brindaron as súas viaxes por Latinoamérica.

 

A xornada do sábado 28 comeza en horario de sesión vermú. Ás 13:00 actúa a Banda Municipal de Vilalba, cunha actuación que xa é tradición no festival. A continuación, os asistentes poderán ver o directo dos murcianos Nunatak. Ambas actuacións terán lugar no Auditorio Municipal da capital chairega.

Xa na Praza da Constitución, pola noite, abren Escuchando Elefantes. Esta banda de folk-rock é coñecida polas súas actuacións espontáneas na rúa. Poderíase especular con esa posibilidade no FIV. A continuación, para substituír a La Habitación Roja, debido a unha doenza pulmonar do seu cantante, actúan El Columpio Asesino. Os navarros sintetizan atmósferas ambientais co revival post punk.

Os compostelanos Novedades Carminha, que combinan humor, melodías pop e o garage máis ortodoxo, daranlle paso a Lori Meyers. O dos granadinos é, posiblemente, o concerto máis agardado polo público. Están a presentar En la Espiral, o seu último álbum.

Concerto sorpresa.

Un dos eventos que máis expectación está creando entre o público é o concerto sorpresa. A organización anunciouno para o sábado ás 22:50. Queda saber se serán capaces de manter o segredo ata o momento da actuación, tal e como teñen previsto. Vilalba é unha vila pequena e non debería sorprendernos  un anticipo de algún asistente a través de redes sociais. Sexa como for, os seareiros do festival xa levan días especulando.

 

Cine, conferencias e exposicións.

Seguindo a nova moda dos festivais de pequeno e mediano formato, o FIV de Vilalba amplía a súa oferta cultural cunha dobre sesión de cine, dúas conferencias e unha exposición. Todos estes actos terán lugar no Auditorio Municipal.

As películas que se van a proxectar son Idol, do director Hany Abu-Assad, que conta a vida do cantante palestino Mohammed Assaf, e Mi vida entre las hormigas, de Juan Moya Chema Veiga. Esta última é un documental sobre a banda Los Ilegales e o seu peculiar líder, Jorge Martínez.

As conferencias tratarán, respectivamente, sobre o papel da radio nos festivais e sobre a vida de David Bowie. Os fans do camaleón do rock poderán, ademáis, visitar a exposición homenaxe que lle adica o pintor Carlos Luxor.

Recomendamos:

Postergel

Xoel López

El Columpio Asesino

Lori Meyers

Mi vida entre las hormigas