Loading
Los Árboles

Oito anos despois da súa formación, Los Árboles veñen de lanzar no mes de abril o seu primeiro longa duración. Unha mostra da dificultade que supón facerse un oco na música na era de Spotify e os festivais.

Ensayo y error chega cinco anos despois de Los días que quedan son nuestros, o seu anterior EP, que contén o que quizais sexa o tema máis coñecido da banda galega: Un gran hijo de puta.

Teñen sido anos de moita actividade para Alexandro González, vocalista, compositor, líder e alma mater do grupo. Alexandro aproveitou o tempo para colaborar con músicos como Espiño ou Pardo (este último devólvelle colaboración en Ensayo y error). Pero tamén para prodigarse nas actuacións en vivo con Los Árboles, uns habituais das salas e festivais.

Con todo, chegou un momento no que o grupo comenzou a plantearse se tiña sentido seguir así. Eran árbores ameazando con acabar morrendo de pé, en salas de concertos, tocando os mesmos temas unha e outra vez. Quedaban dúas opcións: gravar un novo disco ou deixalo ir.

Ensayo y error é o produto desa encrucillada. A decisión de Los Árboles non foi só seguir adiante, senón afrontar o seu reto máis ambicioso: un LP, con dez temas, case os mesmos que sumaban os dous anteriores EPs da banda, o citado Los días que quedan son nuestros, e o que fora o seu debut en 2012, Catorce grados.

Ensayo y error
O mineiro astronauta que ilustra a portada de Ensayo y error.

Para sacalo adiante puxeron en marcha un crowdfunding; para gravalo, utilizaron os estudios de El Náutico de San Vicente. Converténdo así o seu novo álbum no primeiro saído deses estudios.

O resultado é un álbum moito máis coherente que os seus anteriores traballos. Alexandro e a banda tiñan claro que un LP é moito máis que un puñado de cancións, require dunha cohesión, dunha planificiación, dun sentido global. Ese é un dos acertos de Ensayo y error. Destaca entre os seus temas o que escolleron como primeiro single: A Marte.

 

O son do grupo consolídase nese estilo indie-pop que lembra aos traballos que hai uns anos editaron Iván Ferreiro ou Xoel López, os que quizais sexan os dous xigantes do pop galego. E é que a sombra de Ferreiro e Xoel é demasiado alongada. Mesmo para unhas árbores.

Venres, na Capitol.

O venres 4 de maio teremos a oportunidade de escoitar en directo por primeira vez este novo traballo. Será no concerto de presentación na Capitol (venres, 22:30, 7 euros anticipada, 10 euros taquilla).

Alexandro asegurou no Zigzag da TVG que escolleron a Capitol porque para eles é a mellor sala de España. Non coñecemos todas as salas de España, pero sen dúbida o de Santiago é un espazo excelente. Un lugar ideal para que Los Árboles volvan despegar. Que así sexa.