Loading

Volve Mequetrefe, unha das bandas primixenias e impulsoras da nova escena galega. Antes e agora, a súa enorme personalidade fainos tan inclasificables como fáciles de identificar. Así o testemuña Infraground, o novo LP que se mantén fiel a un estilo propio e intransferible, pero que decide simplificar o seu son en favor dunhas composicións máis directas.

Non é moito un lustro de silencio (Gobi, a súa anterior publicación, é de 2013) se o resultado é tan redondo. Falamos deste traballo con Xan Molina, voz, guitarra e líder deste proxecto. Coméntanos a dificultade de facer música á marxe das modas das canles oficiais.

Despois do segundo disco, o grupo deixou de existir como tal. Non nos saían oportunidades para facer concertos nin tocar en festivais. Iso acabou queimándonos”.

De feito, habería que considerar Infraground como unha resurrección. “Despois do segundo disco, o grupo deixou de existir como tal. Non nos saían oportunidades para facer concertos nin tocar en festivais. Eso acabou queimándonos. Entón decidín seguir eu só, como nos principios de Mequetrefe”.

Resulta un tanto incomprensible que salas e programadores galegos non tiveran en consideración a Mequetrefe. Polo menos, non tanto como se debería agardar. Sortear os estilos dominantes do momento, ás veces, ten estas consecuencias. Curiosamente, si acadaron certa relevancia fóra de Galicia: foron semifinalistas do Proyecto Demo do FIB no ano 2008, soaron en emisoras de todo o mundo e People don’t smile foi incluida no recopilatorio da web Matchdose.

Mequetrefe: Infraground castrexo

E por que se chama Infraground este disco? “É un título moi adecuado. Significa estar aínda por debaixo do underground. En Galicia e España hai grupos underground que teñen actividade e fan concertos. Pódese dicir que pertencen a certa escena, pero Mequetrefe nunca estivo en ningunha escena (…) nin sequera chegamos ao estatus underground”.

Na resposta advírtese moita retranca e humor negro, sinais de identidade da banda. E aínda dando por boas as palabras do vocalista, hai que sinalar que Mequetrefe e outras cantas bandas facilitaron o desenvolvemento dunha escena galega máis ou menos consolidada desde unha óptica cultural. No plano económico todavía queda moito por facer.

En Galicia e España hai grupos underground que teñen actividade e fan concertos (…), pero Mequetrefe nunca estivo en ningunha escena (…) nin sequera chegamos ao estatus underground”.

Non sempre van ligadas popularidade e calidade. Disto último hai abondo en Mequetrefe. Non o decimos os Inorantes. Dío Ian Crause, un xenio indiscutible do sampleo e líder da banda de culto Disco Inferno, que é o encargado de producir e mezclar o disco. “Eu mandáballe as pistas individuais dos instrumentos dos temas e dinlle a liberdade de que fixera con elas o que quixera”. Así expresa Xan cal era o método de traballo entre ambos artistas.

Sempre pode intimidar traballar cun ídolo, e non debe resultar doado manifestar os desacordos creativos. Pero é necesario. Finalmente, Molina comezou a “falarlle como se fora terrestre e, como é unha persoa  superhumilde, a comunicación foi facilísima”. Abride ben as orellas porque o resultado é excelente.

 

O son do disco é netamente mequetrefiano, pero existen varios cambios que o converten na súa obra de madurez e, posiblemente, no seu mellor traballo. Polo menos en canto á concreción e, tamén, na coherencia que ten a suma de todos os temas. En Infraground “hai menos capas. Son cancións máis curtas, máis claras e menos recargadas de elementos sonoros. É un disco máis directo que non require de tantas escoitas como os anteriores”.

En pouco mais de media hora son capaces de moldear unha morea de influencias: psicodelia, electrónica, heavy e dub discorren polos surcos do vinilo de xeito máis ou menos evidente. O vocalista non oculta os referentes e destaca varios “grupos que marcaron unha gran influencia, como os primeiros Mercury Rev, My Bloody Valentine, Flaming Lips, Aphex Twin, Beastie Boys ou Disco Inferno”.

Todos eles figuras esenciais para entender a música dos 90. A valía de Mequetrefe é apoiarse neses xigantes para crear un material tan particular e actualizado. Apropiacionismo posmoderno ben interpretado.

A temática das novas cancións xira en torno a tres temas: os extraterrestres, a falta de liberdade e a escravitude na que vivimos”.

Se sumamos as letras a todo o sinalado, poderíamos falar, en palabras de Molina, de “post-retranca”. “A temática das novas cancións xira en torno a tres temas: os extraterrestres, a falta de liberdade e a escravitude na que vivimos. É unha reflexión sobre os modelos culturais actuais. E curiosamente estes tres temas están bastante relacionados”

Se nos poñemos profundos, podémolo enlazar con Pierre Bourdieu, que defendía que a distinción cultural era unha forma encuberta de dominación. Se o pensamos en termos cotiás parece que alude ao consumo descontrolado de cultura rápida no que estamos inmersos.

Xan destaca varias cancións non por ser as súas favoritas, senón polo que disfrutan tocándoas. Son Sálvame, Bastard’s party e Nine. “Vemos que en directo van funcionar e non sempre é fácil trasladar as cancións ao vivo e que sigan soando ben. Ou incluso mellor que no disco”, afirma o músico.

Respecto aos directos, de momento non teñen nada pechado. Aínda que agardan que “nas próximas semanas nos vaian saíndo concertos”. E así debería ser, porque os cinco anos de traballo que supón Infraground pagan a pena. Veñan vestidos de apicultores ou con Xan enfundado nunha camiseta de La Bomba Navarro, non desconfiedes destes alieníxenas. O seu evanxeo da post-retranca merece ser escoitado. Lázaro revive en Galicia, entre Candamil e Fonfría. E agora faise chamar Mequetrefe.