Loading

Tras estrearse en Bos Aires e ser premiada pola crítica en Bruxelas, Dhogs preséntase nas salas de cine do país o 17 de maio, e a data non podía ser máis acaída. Porque a historia deste proxecto do director meirense Andrés Goteira é a historia de moitos galegos que teimaron en crear na súa lingua, que tiveron que emigrar e elixiron regresar.

Dhogs foi a primeira película en galego que participou una sección oficial do Festival de Cine Fantástico de Sitges. E posiblemente, a cinta co presuposto máis modesto da edición.

Dhogs
Dhogs, o filme de Andrés Goteira, a máis grata sorpresa do cinema galego en moitos anos.

De emigrar e modestia sabe ben Iván Marcos, un dos seus actores, que leva un 2018 frenético, de traballo e de recoñecementos, ao igualar a Luis Tosar gañando o mesmo ano o Mestre Mateo e o María Casares. “Os premios non son importantes pero… que vivan os premios! Fíxome moita ilusión recibilos, especialmente cando penso nos actores que os levaron antes. Formar parte dunha lista de profesionais que para min son referentes é unha satisfacción”.

Iván Marcos
Iván Marcos, o actor galego do momento.

Iván fala coa humildade daquel rapaz que con 19 anos marchou a Inglaterra a formarse como actor porque en Galicia non había onde e porque Londres era máis punky. “Pensaba botar un ano no Reino Unido e acabei botando nove. O primeiro ano foi unha tolemia, entre a escola e os traballos tiña dúas tardes libres ao mes que empregaba para facer a colada e escribir cartas”.

O protagonista de Dhogs aproveitou ben o tempo na emigración londinense: “Despois de estudar montei unha compañía de teatro, traballei en moreas de proxectos, mudeime cinco veces de cidade, empapeime da cultura británica, traballei nun videoclub como Tarantino, gañei algún que outro premio e sentei as bases do meu oficio como actor. Nove anos dan para moito. Ás veces sigo soñando en inglés”.

Iván Marcos e Javier Rey
Iván Marcos interpreta a Braulio en Fariña. Personaxe cun final particular…

Co que de seguro soñaba o actor cando regresou e case ter que volver empezar a súa carreira foi con ter a axenda profesional como a ten agora. En boa medida polo éxito da serie Fariña na que participa. “Son moi afortunado e desde hai tempo consigo enlazar traballos de forma continuada. Agora mesmo veño de gravar en Las Chicas del Cable, de Bambú Producciones, para Netflix, unha serie que se emite en 190 países. E teño uns cantos proxectos de tele e cine por diante que pintan moi ben… pero claro, aínda non podo desvelar nada, non vaia ser o demo”.

Netflix, Bambú Producciones,… soan moi lonxe do proxecto de Andrés Goteira, unha película independente, cun orzamento de 285.000 euros, que comezou cunha campaña de micromecenado entre amigos e familiares. Unha opera prima valente que narra unha sucesión de crímenes ante unha cidade que non fai nada por evitalos e na que é difícil discernir entre ficción e realidade.

 

“Que algo sexa orixinal non quere dicir que vaia ser un éxito. Tanto Andrés como Sara Horta e Suso López fixeron unha grande labor á hora de contaxiar entusiasmo e confianza no equipo técnico e artístico. Penso que esta confianza, este pulso firme nunha proposta arriscada é algo bastante palpable e digno de eloxio nunha opera prima. Hai moito talento e moita madurez nesta cinta. E hai que vela porque sae Morris”, bromea Iván.

Aparecen Morris, Carlos Blanco e Iván Marcos. Os tres comparten reparto tamén en Fariña. “É indubidable que Fariña puxo o foco de atención de toda España no panorama audiovisual galego dun xeito que non ten precedentes. E esta apreciación do cásting, da dirección, da fotografía, da arte, da ambientación…é ben merecida, porque son todas excepcionais”.

[A falta de apoio institucional ao audiovisual] é chocante, porque hai xa moitos anos que se producen cousas que teñen un éxito completamente desproporcionado co seu orzamento. Que poderiamos facer cun apoio maior? Para empezar, vivir cun pouco máis de dignidade”

Unha valoración que, afortunadamente, comparte cada vez máis xente: “Que son excepcionais non o digo eu, e algo que di todo o mundo. Os críticos, os espectadores e os profesionais tanto aquí como en Madrid e no resto do estado. As veces é difícil marcar liñas, pero outras veces é ben fácil. Fariña marcou un antes e un despois na televisión deste país. E menos mal”.

Co todo, o actor coincide nas críticas que fan moitos dos seus compañerios á falta de apoio institucional á cultura, pero que no caso do audiovisual considera máis “chocante, porque hai xa moitos anos que se producen cousas que teñen un éxito completamente desproporcionado co seu orzamento. Que poderiamos facer cun apoio maior? Para empezar, vivir cun pouco máis de dignidade, e para continuar… Quen sabe? Gañar records de taquilla? Por que non?”.

Iván Marcos
Iván recollendo o María Casares este ano. (Foto AISGE).

En inglés ou en galego, Iván Marcos soña en grande pero cos pés na terra, na súa, na que quere estar. “Encantaríame traballar con Haneke ou Gaspar Noé, claro! Pero tamén morro coa gana de currar con directores moito máis anónimos como Santiago Raimundi, un super talento da Coruña que moi pouca xente coñece (de momento). E estaría encantado de volver a coincidir con Carlos Sedes, con Roger Gual ou co propio Andrés Goteira. Sempre me gustaron as relacións entre actores e directores que evolucionan e gañan matices co tempo”.

A Europa que xa non existe

O actor, tamén director teatral, coreógrafo bailarín e artista marcial, non bota de menos os anos nos que percorría teatros dunha Europa que ve en perigo de extinción. “O que boto en falta é unha idea de Europa que penso que xa non existe. A compañía que formei estando no Reino Unido estaba integrada por un escocés, unha grega, un vasco… Tiñamos colaboradores de varios países europeos e a sensación de estar nun espazo compartido, cun multiculturalismo en plena evolución”.

“Esta é unha idea claramente colapsada. O Bréxit, o abandono dos refuxiados, o rexurdimento dos partidos de extrema dereita… Son só os sinais máis evidentes disto, pero hai moitos outros ámbitos que se viron afectados por esta guerra cultural que nos afecta dun xeito máis silencioso e diario”.

Igual de calada que a traxectoria deste gran actor que se foi abrindo paso a cóbados de esforzo e de talento. Como Andrés Goteira, capaz de escribir un guión como o que poderemos ver na gran pantalla o Día das Letras.