Loading

P ara un galego, calquera 17 de maio é unha data especial. O día no que celebramos a nosa lingua. Unha celebración que ten moito de festiva, mais tamén de reivindicativa. Por desgraza aínda é preciso reivindicar a fala fronte ao desprezo activo e pasivo que recibe dentro e fóra de Galicia.

Os 17 de maio, tristemente, aínda hai que lembrar aquilo que dicía Castelao: Se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma. Por iso todos os 17 de maio son especiais.

Así que non cabe dicir que este 17 de maio é especial. E sen embargo, imos dicilo. Porque o é. É especial. En primeiro lugar, porque está dedicado a unha muller. E iso (tamén por desgraza) é unha novidade. María Victoria Moreno é a cuarta muller homenaxeada en 56 anos de celebración das nosas Letras. Un dato certamente desolador.

María Victoria Moreno
María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.

Mais non é a feminidade o único que fai especial á homenaxeada deste ano. Quixemos falar dela con alguén que coñece moi ben a súa figura. Montse Pena Presas é profesora na Universidade de Santiago de Compostela, e tamén é autora dunha biografía sobre María Victoria Moreno. Editada por Galaxia, A voz insurrecta é unha pequena xoia polo que conta e por como o conta.

Abordamos na nosa conversa con Montse a figura de María Victoria a través de cinco características que consideramos fundamentais para entender a homenaxe e á homenaxeada.

María Victoria, a escritora

Coa elección de María Victoria Moreno, a Real Academia Galega fixou a ollada nun campo que ata hai pouco escapaba deste tipo de recoñecementos: a Literatura Infantil e Xuvenil. Para Montse Pena, “celebrar a María Victoria é celebrar, con maiúsculas, a LIX”.

Celebrar a María Victora é celebrar, con maiúsculas a literatura infantil e xuvenil”

Non obstante, a RAG “xa o viña facendo nos últimos anos coas figuras de Manuel María e Carlos Casares, que tamén tiñan unha singular produción (e moi importante, por pioneira e por rompedora) de obras para a infancia”.

Anagnórise
Anagnórise é quizais a obra máis coñecida e valorada de MVM.

María Victoria, a galega

Outra das particularidades deste Día das Letras é o feito de que MVM non naceu en Galicia, senón en Valencia de Alcántara (Estremadura), e non chegou ao noso país ata a idade adulta.

[Este Día das Letras] debería aproveitarse para pór diante da mocidade un espello: se unha muller veu de fóra e aos poucos anos falaba galego cando o Estado era unha ditadura, por que ti non o fas agora?”

Mais aínda que nos sentimos tentados de considerala unha autora alófona, Montse nos explica que ela mesma non o vía así: “Nun texto de 1993, que xustamente escribe para un congreso de poetas alófonos en Galicia, MVM explica que ela non se considera tal, porque dende os seus primeiros anos no país expresouse só en galego. De feito, Moreno define a súa relación coa lingua galega como unha amorosa autofonía“. 

A autora de A voz insurrecta considera que a circunstancia de que a escritora do Día das Letras Galegas non nacera en Galicia “debería aproveitarse para pór diante da mocidade un espello: se unha muller nova veu de fóra e aos poucos anos falaba galego cando o Estado era unha ditadura, por que ti non o fas agora?”

María Victoria Moreno naceu en Valencia de Alcántara, Estremadura.

María Victoria, a muller

Dicíamolo anteriormente, a débeda da Real Academia Galega coas mulleres é tremenda. “Quero pensar que na RAG son conscientes de que faltan moitísimos Días das Letras para as mulleres. Moitísimos”, dinos Montse.

Un dos problemas cos que se atopa a RAG á hora de elixir a mulleres para o 17 de maio é a regra que di que teñen que transcorrer dez anos da morte, habida conta de que a máis vizosa representación de escritoras galegas correspóndese coas últimas décadas. Nese sentido, Pena considera que “se queremos unhas Letras vivas, unhas Letras un pouco máis reais, estaría moi ben ler e celebrar a autoras vivas”.

Se queremos unhas Letras vivas, unhas Letras un pouco máis reais, estaría moi ben ler e celebrar a autoras vivas”

Pero mentres tanto, “mentres [na RAG] o meditan, queremos a festa para Xela Arias, para Luísa Villalta ou para Pura e Dora Vázquez”..

María Victoria, a profesora

Outra singularidade da homenaxe a María Victoria Moreno é a tentación que nos percorre de facela extensiva a toda unha xeración de profesores galegos que mantiveron viva a chama da nosa lingua en momentos moi difíciles do tardofranquismo. 

Estas letras son as primeiras que celebran as e os profes de galego. Á propia María Victoria lle retiraron o pasaporte e lle fixeron pasar por un rexistro policial”

“Estas Letras son as primeiras que celebran as e os profes de galego. Neste caso, non a calquera profe, senón os que deron clase cando a lingua aínda non estaba no ensino e só as asociacións culturais mantiñan vivo o alento da súa aprendizaxe”.

Montse lémbranos o que lle ocorreu a MVM por abrazar o galego na ditadura: “As persoas que deron clase entón xogáronse moito. Como é sabido, á propia María Victoria lle retiraron o pasaporte e lle fixeron pasar por un rexistro policial. Non todas as persoas que ensinamos, aínda que nos apaixoe o noso traballo, nos atreveriamos a todo iso. Ela si”.

María Victoria Moreno
María Victoria Moreno tivo que enfrontarse ás consecuencias de ensinar o galego durante a ditadura.

María Victoria, a persoa

Cando un le A voz insurrecta, ten a sensación de estar ante unha biografiada moi próxima e moi real. Alguén con virtudes extraordinarias e unha paixón infinda pola lingua, a ensinanza e a literatura. Mais tamén alguén con defectos, como calquera ser humano. Ese é un dos grandes logros da obra de Montse Pena na súa obra sobre MVM.

“Eu tiña claro que non quería ser unha haxiógrafa, tentei ser unha biógrafa que fose capaz, polo menos nalgunhas partes, de retratar a vida dunha muller que deu moito pola xente que quería e pola literatura. Recoñezo que ao final, a persoa que retratei, a quen nunca coñecín, acabou por caerme moi ben. Admirei dela a súa valentía e a súa forza”, cóntanos Montse.

A voz insurrecta
A voz insurrecta é a obra na que Montse Pena aborda a figura de MVM

Valentía, forza, paixón, amor pola lingua. Motivos sobrados, nuns tempos tan escuros como os que vivimos, para festexar o 17 de maio. Para celebrar a unha autora que nos entregou a nós, os galegos e galegas, a súa vida e a súa obra. Para recuperar a súa figura e non esquecela xamáis.

Por iso, recomendámosvos encarecidamente que, se non o tedes xa, vos fagades cun exemplar de La voz insurrecta e disfrutedes do retrato que Montse Pena fai de María Victoria Moreno. A muller que amou tanto Galicia e o galego que nos obriga a moitos a dividírmonos na admiración por ela, e a vergoña por nós mesmos.