Loading

Festival de Cans

Entre o  mércores 23 e o sábado 28 de maio, o Festival de Cans celebra o seu quince aniversario. Faino cunha nova programación audiovisual, pero estendéndose a moitos outros terreos culturais. Dentro dese primeiro ámbito, cabe salientar que, por primeira vez,  haberá unha competición de non-ficción (denominada Furacans) dentro da sección oficial de curtas, foco fundamental do evento. Nela proxectaranse documentais sociais que teñen diferentes tendencias formais. A ficción, a animación e os videoclips tamén ocuparán un espazo. E como vén sendo habitual, mantense o espírito de escaparate para cineastas debutantes.

As novidades para esta nova edición son Furacans, unha competición de non-ficción dentro da sección oficial de curtas; e Extracans, un espazo onde se busca establecer conexións entre profesionais galegos e doutras latitudes”.

Nesta edición inaugúrase a sección Extracans. Nela proxéctanse curtas nas que se busca visibilizar as conexións entre profesionais galegos e doutras latitudes. Os espectadores poderán ver filmes de Brasil, Italia, Líbano ou Portugal. Algúns deles chegan a Cans tras o seu paso por importantes festivais internacionais, como Venecia ou Locarno.

Momento da presentación do Festival de Cans 2018

En canto ás longametraxes, este ano Cans contará con dous filmes de apertura. Por un lado temos A estación violenta, ópera prima de Anxos Fazáns, e, doutra banda, British Winters, primeira aproximación á imaxe real de Roque Cameselle. Cúmprese con ambos o obxectivo do festival de facer un seguimento aos artistas que xa pasaron, en edicións anteriores, como curtametraxistas. Tamén se poderá ver Sevilla y Gomorra, un filme de espírito xuvenil do director Ángel Filgueira. Completa a selección de longas o “documental de creación” Versogramas, dirixido por Belén Montero e Juan Lesta: unha aproximación á videopoesía.

A sección Fillas e fillos de Cans, onde se poden ver o proceso e imaxes inéditas de filmes, conta con máis cineastas e guionistas que nunca. Este ano amosarán elementos de La sombra de la ley (de Dani de la Torre), Arima (de Jaione Camborda), Nación de muchachos (de Javi Camino), Trote (de Xacio Baño), Sad Hill Unearthed (de Guillermo de Oliveira), Tempo vertical (de Lois Patiño) ou 3 (de Blas Lamazares).

 

Encontros con Gracia Querejeta, Fernando Trueba e Borja Cobeaga

Unha das máximas de Cans é poñer en contacto ao público coa xente do mundo audiovisual. Este ano os Coloquios na Leira estarán protagonizados por dous creadores que son parte esencial da historia do cinema español: Gracia Querejeta e Fernando Trueba. Dentro do Café con CREA (Asociación de Realizadores e Directores de Galicia), poderase conversar con Borja Cobeaga, un dos directores máis populares da comedia actual. O donostiarra tamén participa na sección A que andas?, onde se descubren un guión en proceso seu e outros de Ángeles Huerta e Ignacio Vilar. En definitiva, os cinéfilos teñen unha oportunidade única para escoitar e intercambiar  opinións con figuras emblemáticas da cinematografía estatal.

Música

A programación musical deste ano, vista a variedade e número de bandas, podería considerarse un festival aparte. Burning, Kevin WeatherillTriángulo de Amor Bizarro e Depedro son os nomes máis populares. Familia Caamagno, un conxunto de garage-pop que xa ten consolidada a súa traxectoria, tamén actúa en Cans. Entre as bandas recentes galegas atópanse o folk das Tanxugueiras e a cumbia tune de Esteban & Manuel. Os interesados na electrónica teñen dúas alternativas de calidade: Mounqup e Pantis. Este último é o proxecto de Rubén Domínguez, de quen, ademáis, se fai unha retrospectiva como realizador de videoclips.

Exposicións, roteiros e concienciación contra os incendios

A programación do Festival complétana unha mostra das viñetas de O Bichero de Luis Dávila; a sección especial Contra o lume, con pezas que convidan á reflexión crítica sobre os incendios e o territorio; ou os roteiros conducidos por Xurxo Souto Carlos Meixide, o primeiro centrado na música e o segundo de carácter cinéfilo-literario.