Loading
A estación violenta

A estación violenta, ópera prima de Anxos Fazáns

Xusto antes de que remate este mes de maio que se ten convertido nunha sorte de mensis mirabilis para o Novo Cinema Galego, grazas á exitosa de estrea de Dhogs nas nosas salas, chega ás pantallas outro filme dunha novísima directora galega: A estación violenta, de Anxos Fazáns.

Poucas veces os directores chegan ás longametraxes con só 25 anos, como lle sucedeu a Anxos. Cando é así é porque os produtores, sempre reacios aos riscos, detectan un talento fóra do común.

A estación violenta
Anxos Fazáns dirixindo A estación violenta.

A proposta rescata unha novela esquecida de Manuel Jabois, que editou en 2008 unha pequena editorial galega, Edicións Morgante, anos antes de que Jabois se convertera na estrela xornalística que agora é (e abandoara ¿definitivamente? a lingua galega para escribir sempre en español).

A idea de rodar unha versión cinematográfica de A estación violenta levaba anos rondándolle a cabeza a Daniel Froiz, produtor pontevedrés e amigo personal de Jabois. E foi el quen lle propuxo a Anxos Fazáns que puxera en imaxes a historia do regreso a Galicia do trío de amigos que conforman Nerea Barros, Alberto Rolán e Xosé Barato.

 

Talento galego a esgalla. Moi especialmente talento feminino, nas mans de Anxos, que xa asinara a interesante curta Area, seleccionada por varios festivais internacionais, e que ten algún puntos en común con A estación violenta; de Nerea Barros, que xa foi recoñecida co Goya a actriz revelación por La isla mínima; ou da responsable da montaxe, a pontevedresa Diana Toucedo, quen dirixiu o extraordinario filme Trinta Lumes, un dos máis aplaudidos na última edición do PlayDoc de Tui.

A estación violenta, o filme que abriu o Festival de Cans, supera por pouco a hora de metraxe (a novela de Jabois tampouco chega ás 200 páxinas) e narra unha historia tan concentrada como emotiva.

A estación violenta é unha película filmada preto dos personaxes. Interésanme os corpos pola súa beleza, pola súa degradación e pola honestidade coa que un espido pode representar o interior dunha persoa. Os medos, as feridas, todo pode verse na pel, no rostro, nos ósos”, di Anxos Fazáns acerca do filme.

A estación violenta
Alberto Rolán e Nerea Barros protagonizan o filme.

A música, música galega da escena underground pontevedresa, é moi importante no filme. Grupos como Pantis, Rabuda ou Contenedor de Mierda soan ao longo de filme.

Desexámoslle a A estación violenta unha estación chea de éxitos.