Loading

Dezanove espectáculos teatrais no Galicia Escena Pro 2018

Entre o luns 11 de xuño e o xoves 14 vaise celebrar en Santiago a sexta edición do Galicia Escena Pro, a feira das artes escénicas que ademais de achegar novos proxectos a produtores teatrais (este ano vaise afondar na relación entre a escena galega e a madrileña), permite (ao cabo é o que máis nos interesa a nós) achegar brillantes pezas teatrais galegas ao público. 

En só catro xornadas os escenarios compostelás acollerán 19 das obras máis interesantes que se estrearon en Galicia nos últimos meses. Estarán presentes case a totalidade das compañías máis brillantes do país. Por nomear só algunhas: Contraproduccións, Producións Excéntricas, A Panadaría, Sarabela Teatro, Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro ou Eme2 Producións.

Catro serán os escenarios santiagueses que acollan estas representacións: o Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e a Sede da Fundación da SGAE.

Elisa e Marcela, gañadora dos María Casares, estará o mércores no Auditorio Abanca.

Entre os espectáculos programados destacamos:

Elisa e Marcela (A Panadaría Teatro). A gañadora absoluta dos María Casares do último ano. Unha historia cargada de humor e tenrura que narra o primeiro matrimonio homosexual de España, que aconteceu entre dos mulleres galegas, e que agora vai contar Isabel Coixet en Netflix.

O servidor de dous amos (Talía Teatro). A compañía dirixida por Artur Trillo reinterpreta co seu particular estilo o texto de Carlo Goldoni, un dos clásicos da Comedia Dell’Arte. A diferencia é que aquí a trama subxacente no son amorío da Italia dezaoitesca senón un escenario actualizado dominado pola corrupción e os pelotazos urbanísticos.

O Servidor de Dous Amos adapta a obra de Goldoni.

A Leituga (Eme2 Producións). Xosé Barato adapta un texto do venezolán César Sierra. Cinco familiares reúnense para celebrar o aniversario do pai, que leva anos enfermo e rematan nunha crúa loita para eludir o seu coidado. Reparto de luxo con Morris, Fede Pérez, María Vázquez, Mercedes Castro e o propio Barato.

O Rei Morre (Sarabela Teatro). Unha excelente adaptación de Ionesco e unha interpretación sobresaínte por parte de Fernando Dacosta. Narra a historia do rei Berenguer I, que despois dunha noite de xoldra recibe a nova de que vai morre pero se nega a crelo.

O rei morre
Fernando Dacosta está sobresaínte interpretando ao rei de Ionesco.

Cranios Privilexiados: ou crítica da razón perralleira (Sarabela Teatro). Un espectáculo de Mofa e Befa sempre é unha garantía, e Cranios Privilexiados, o máis recente, non decepciona. Bótase de menos a Evaristo Calvo, que abandonou temporalmente o espectáculo por un compromiso profesional, pero Josito Porto esfórzase para que a súa ausencia non se note. 

Fillos do sol (Contraproducións). Cándido Pazó escribe e dirixe este texto sobre un Eduardo Pondal octoxenario consumido pola neurosis dos seus últimos anos de vida. Un proxecto nacido para celebrar o centenario da morte do poeta de Ponteceso que se celebrou en 2017. César Cambeiro interpreta a Pondal.

Fillos do sol aborda os últimos anos de vida de Eduardo Pondal.

Casa o Rei (Ibuprofeno Teatro). A adaptación máis galega do Rei Lear, aquí o protagonista, Manolo Rei, é rei só no apelido, e o seu reino é un mesón que ten que repartir entre as súas tres fillas. As envexas, a cobiza e as traizóns son universais, tanto en Shakespeare como en Ibuprofeno.

Programación.

Luns, 11 de xuño.

Fundación SGAE.   11:30  Gaia (Entremans).

Fundación SGAE.   13:00  Bathtime (Katarsis).

Auditorio Abanca.  17:30  Fillos do Sol (Contraproducións).

Teatro Principal.     19:30  O servidor de dous amos (Talía)

Salón Teatro.           22:00  Plastic (trasPediante).

Martes, 12 de xuño.

Fundación SGAE.  11:00  A galiña azul (Tanxarina).

Fundación SGAE.  12:15   Salvador (Borja Fernández).

Auditorio Abanca. 17:30  Cranios Privilexiados (Excéntricas).

Teatro Principal.   19:30  O rei morre (Sarabela).

Salón Teatro.         22:00 Procedimientos ante el vacío (Cia. Ensalle).

Mércores, 13 de xuño.

Fundación SGAE.  11:00  Planeta Ardora (Trompicallo).

Fundación SGAE.  12:15   Patapatúm (Elefante Elegante).

Auditorio Abanca. 17:30  Elisa e Marcela (A Panadaría).

Teatro Principal.   19:30  Lo nunca visto (La Estampida).

Salón Teatro.         22:00  Método negro (Javier Martín).

Xoves, 14 de xuño.

Fundación SGAE.  11:00  Soñando a Pinocho (La Tartana).

Auditorio Abanca. 17:30  La soledad de Wally (Elahood).

Teatro Principal.    19:30  A Leituga (Eme2).

Salón Teatro.         22:00  Casa O’Rei (Ibuprofeno).