Loading
Fisterra Blues Experience

Fisterra Blues Experience

Entre o venres e o domingo celebrarase en Fisterra a segunda edición do Fisterra Blues Experience, o festival de blues da fin do mundo. Un evento que imaxinou e que dirixe Javier Turnes, vocalista da Bakin’ Blues Band, e que no seu segundo ano de existencia adiantou un par de semanas a súa celebración para evitar a colisión con outros festivais.

Con todo, o Fisterra Blues Experience coincide co Surfing the Lérez de Pontevedra, de feito os boirenses The Lákazans estarán o venres na Praza da Constitución fisterrá e o sábado na Illa das Esculturas pontevedresa. 

No cartel do festival, cunha ducia de propostas musicais en total, destaca un nome por riba de todos. O de Corey Harris, unha das grandes figuras do blues mundial na actualidade, un nome que por si só xustifica a peregrinación do aficionado ata Fisterra.

Corey Harris
Corey Harris é a gran estrela no cartel do Fisterra Blues Experience 2018

O músico de Denver conta na súa traxectoria con colaboración con artistas da talla de Wilco, B.B. King, Tracy Chapman ou Ali Farka Touré. Harris explorou o blues clásico de Nova Orleans, mais tamén os sons africanos (viviu varios anos en Camerún). As 20:15 do sábado na Praza Da Constitución será a ocasión de escoitar o seu directo.

Previamente, o venres, primeiro día de festival, poderemos disfrutar da singular proposta do alemán Chris Kramer, veterano músico que sorprendeu no seu último proxecto xunto a Beatbox ‘n’ Blues combinando blues co beatbox. Un cóctel único, que segundo din dende a organización, impresiona moito en directo.

Kramer estará precedido polos cataláns Wax & Boogie, conxunto de blues moi clásico que basea a súa forza na voz de Ster Wax e a mestría de David Giorcelli ao piano. Pechan o día The Lákazans, que seguen a xirar co seu último álbum Sandwina, que representa o mellor do blues galego actual.

carla green
Carla Green & Demons, o proxecto que devolveu aos escenarios a Carla Green.

O sábado Corey Harris ameaza con eclipsar o resto de actuacións. Pero non debemos esquecer á banda residente do festival: a Fisterra House Band, na que atopamos a varios dos membros da Bakin’ Blues Band santiaguesa: David Tato, Fran Sanz, Ale Casquero ou o propio Javier Turnes. Tocarán tamén o sábado os madrileños The Trashtoes, e a Seydel Harp Attack Band ofreceranos o seu particular duelo de harmónicas.

O domingo a xornada será máis reducida, entre as 12:00 e as 18:00, celebrarase integramente no Semáforo de Fisterra, escenario privilexiado sobre o océano, e contará cunha actuación musical a salientar: Carla Green & The Demons. O proxecto que devolveu aos escenarios de blues a Carla Green. Fíxoo ademais cunha banda extraordinaria, con Lar Legido (Sumrrá) ou David Tato e Fran Sanz (Bakin’ Blues Band).
  Recomendamos:

  Corey Harris

  Wax & Boogie

  Chris Kramer and Beatbox ‘n’ Blues

  The Lákazans

*Para coñecer toda a información acerca do Festival, podedes premer neste enlace á páxina oficial do Fisterra Blues Experience