Loading
O Son do Camiño

Resúltanos complicado falar de O Son do Camiño, o festival prexacobeo que se celebrará no Monte do Gozo entre o xoves 28 e o sábado 30 de xuño, e deixar a un lado que a Xunta entregou 3 millóns de euros para a organización do evento dun xeito un tanto escuro.

En absoluto quere iso dicir que O Son do Camiño sexa un festival que careza de interese. Teno é moito. Co seu orzamento o complicado sería o contrario. A pregunta que nos facemos é outra. A pregunta que nos facemos e se está o cartel á altura do investimento público. Iso xa se presta a interpretacións. Nós non estamos seguros de que sexa así.

Vendo o elenco faise imposible non lembrar a Pérez Varela cando prometía traer a Leni Kragüit para o Xacobeo 2004. Quince anos despois seguimos loitando (e pagando) por traer a Lenny Kravitz. Cunha pequena apreciación, cando o creador de Carmiña Burana quixo traer a Lenny, Lenny era unha das grandes estrelas da música mundial. Agora xa non o é. 

Lenny Kravitz
Lenny Kravitz en 2004, cando aínda era unha das grandes estrelas da música mundial.

Que gran festival tería sido O Son do Camiño en 2006, con Lenny Kravitz, Jamiroquai, Franz Ferdinand e mesmo os primeiros The Killers. O problema é que non estamos en 2006, e a sensación que queda en 2018 é que a organización elixiu simplemente “os que se puxeron a tiro”. Ese, e non outro, parece ser o criterio dos que elaboraron o cartel.

Dito isto (que nos sentimos obrigados a dicir), imos falar das boas noticias deste festival, que as hai, e moitas. Por exemplo: O Son do Camiño daranos a oportunidade de escoitar en directo en Galicia a Two Door Cinema Club (venres, 21:15). O popular trío irlandés de electropop e indie-rock, que despois de tres anos sen falarse entre eles, editou novo disco en 2016. Gameshow, un álbum que engade electrónica ao seu son.

Two Door Cinema Club
Two Door Cinema Club actuarán por primeira vez en Galicia en O Son do Camiño.

Os suecos Mando Diao son outra das importantes entre as bandas internacionais que estarán no Monte do Gozo (sábado, 21:10). Clásicos dos festivais, ao contrario que Two Door Cinema Club, xa estiveron en Galicia noutras ocasións, a última delas este mes de febreiro na Sala Capitol, onde colgaron o cartel de non hai billetes. Indie de calidade e un bo último disco: Good Times.

Dentro da música urbana internacional destaca o portorriqueño Residente, un dos fundadores do mítico grupo Calle 13. Residente publicou en 2017 o seu primeiro disco en solitario, e converteuse de inmediato nun dos principais representantes da nova música latina. O rapeiro estará no escenario principal o venres ás 19:20. 

Residente
O rapeiro portorriqueño Residente, unha das actuacións máis interesantes do venres.

Representación galega

Barrendo para casa, podemos dicir que a representación galega está entre as mellores noticias de O Son do Camiño. Quizais as dúas bandas que máis están a medrar nos últimos meses no noso país sexan bandas compostas integramente por mulleres. Falamos, claro, de Agoraphobia e Bala. O cuarteto de Boiro segue a xirar co seu excelente primeiro longa duración, Incoming Noise, e ten moitas citas festivaleiras por diante: (Morrasound, Mad Cool, Resurrection, Arbo Rock, etc.). 

Pola súa parte, Bala, vén de realizar unha xira por California, como xa fixeran o ano pasado por Xapón e Australia. O dúo formado por Violeta e Ánxela ofrece unha proposta moi espectacular. Unha batería, a de Violeta; unha guitarra, a de Ánxela; es as voces das dúas. Con eses simples elementos consiguen encher calquera escenario co seu particular son entre o grunge e o stoner. Non nos cabe dúbida de que tamén o farán no Monte do Gozo.

En Inorantes nunca escondemos a nosa predilección por Bala e Agoraphobia, pero é obvio que os organizadores de O Son do Camiño non comparten esa inclinación. Programáronas o peor día, o xoves, e nas peores horas: Bala, ás 17:10; e Agoraphobia, ás 18:30.

Bala
Os organizadores de O Son do Camiño programaron a Bala o peor día á peor hora.

O xoves tocará no escenario principal outra desas bandas galegas que sempre nos gusta ver en directo: Triangulo de Amor Bizarro. Probablemente o cuarteto máis influínte da escena galega da última década ten novo EP: El Gatopardo. Son só catro cancións con nome viscontiniano, mais é un deses casos nos que a calidade vale moito máis que a cantidade. E ollo coa acidez nas súas letras.

Malia que a última hora a organización decidiu retrasar o concerto de Triángulo (pasárono das 17:50 do xoves ata as 19:10), non evita que o uso das horas máis tempranas para os grupos galegos deixe un amargo sabor de comparsa. De que os organizadores utilizan o mellor da nosa música como xustificación dos famosos 3 millóns.

Non podemos acabar este apartado sen mencionar entre a representación galega a Malandrómeda, (venres, 16:40), Novedades Carminha (sábado, 19:25), Terbutalina (sábado, 16:00) e Eladio y los seres queridos (17:20).

Triángulo de Amor Bizarro
Triángulo de Amor Bizarro interpretará os temas de El Gatopardo, o seu EP máis recente.

Entre os nomes estatais, salientamos a orixinal proposta de Toundra (venres, 22:25), a banda madrileña de rock instrumental, con reminiscencias de grupos como os escoceses Mogwai. Toundra ten redobrado a súa actividade nos últimos meses, xa que ademais de editar en 2018 o seu quinto álbum de estudio, Vórtex, levaron a cabo unha sonada colaboración con Niño de Elche formando o supergrupo Exquirla.

Debemos nomear tamén a León Benavente, un dos referentes actuais do indie español (sábado, 22:20); a mestura de rap, trap, hip-hop e música latina de C. Tangana (sábado, 1:00); ou os tintes psicodélicos dos madrileños Rufus T. Firefly (xoves, 22:05). Por grupos e variedade de estilos non será. Hai moitos… ¿Quizais demasiados?

  Recomendamos:

  Two Door Cinema Club

  Mando Diao 

 Residente

  Toundra

  Triángulo de Amor Bizarro

*Para coñecer os horarios completos do Festival, podedes premer neste enlace