Loading
MITCFC Cangas

A organización da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas fala con moita claridade: “Ata no medievo os reis toleraban os bufóns satirizando sobre todo, incluídos os propios reis. Quen nos ía dicir que no 2018 teriamos que reprimir as nosas palabras (…)”.

Hoxe, nestes tempos escuros nos que intolerantes de todo signo marcan os límites de humor, hoxe que nos din do que hai que rir e do que non, hoxe que nos advirten de non ofender sen ter en conta que o que non ofende nin derruba convencións é calquera cousa menos humor, é máis importante ca nunca que haxa Mostras como a que o venres 29 de xuño empeza en Cangas.

35 anos cumpre xa esta festa do teatro cómico do Morrazo e faino cunha excelente programación, que inclúe algunha das grandes producións galegas máis recentes. Falamos, por exemplo, de Divinas Palabras Revolution, a adaptación que Chévere e o Centro Dramático Galego fixeron de Valle Inclán, levando os seus personaxes a un reality show do estilo de Gran Hermano.

Divinas Palabras Revolution
A escenografía é a parte máis impresionante de Divinas Palabras Revolution.

Entre as grandes producións hai que mencionar tamén A Leituga, de Eme2, que reune a un elenco inmellorable (Morris, Fede Pérez, Xosé Barato, Mercedes Castro e María Vázquez) para representar un interesante texto do venezolano César Sierra, que une comicidade con moita amargura, porque o mellor humor non só fai rir, tamén ispe as miserias humanas.

Na Butaca
Na Butaca, de Esther F. Carrodeguas, unha interesante proposta da MITCFC.

Sinalemos tamén Na Butaca (Fantasía Nº3 en Dor Maior), unha obra escrita e dirixida pola sempre interesante Esther F. Carrodeguas, con Pepa Barreiro como única actriz sobre o escenario, xunto a unha butaca sobre a que a protagonista se resiste a esquecer e ser esquecida.

Tres estreas absolutas.

A Mostra contará con tres estreas absolutas. Unha delas será Nómades, de Xarope Tulú, a xove compañía galega formada en 2015 pola actriz Atenea García e o músico Nicolás Zamorano. Nómades anúnciase como “teatro de obxectos, música, narración oral e traballo de actores para contar a beleza do diverso”.

E, sen dúbida, un dos momentos álxidos terá lugar o sábado 7 de xullo coa estrea mundial de Jazz Bodas de Fígaro, da prestixiosa compañía catalana Vania, fundada entre outros polo ‘tricicle’ Paco Mir. O propio Mir é quen dirixe esta adaptación da ópera de Mozart en versión jazz. Unha proposta tan arriscada como atraínte.

Jazz Bodas de Fígaro
A estrea mundial de Jazz Bodas de Fígaro, dirixida polo tricicle Paco Mir, é un dos pratos fortes da Mostra.

A terceira das estreas é a de Silda & Hadrián, peza cómica a dúo interpretada polos actores galegos Casilda Alfaro e Adrián Ríos, coa colaboración da propia MITCFC na produción. Quizais o máis interesante desta produción sexa a autoría do texto, que corresponde a todo un mestre da dramaturxia galega: Manuel Lourenzo. Con 75 anos, Lourenzo saltou á fama en 2018 grazas ao seu papel como Terito en Fariña, pero a súa importancia dentro do teatro galego das últimas décadas supera con moito ese papel televisivo de decano dos contrabandistas galegos.

Mulleres en acción.

Outra das (moitas) cousas que nos gustan da Mostra de Teatro de Cangas é o seu xa lonxevo compromiso co feminismo e o papel da muller non só nas artes escénicas, senón na cultura e na sociedade en xeral.

Boa proba diso é o premio Mulleres en Acción, que levan entregando dende 2012 e que xa gañaron entre outras Antía Cal, Mabel Rivera, María Xosé Queizán ou Aurora Marco. Este ano o galardón recae na Doutora Asunción Bernárdez Rodal, profesora de Comunicación e Xénero na Complutense e unha das máis importantes investigadoras de España en estudos feministas e de xénero.

Neste marco de reivindicación feminista atopamos tamén a exposición antolóxica dedicada á artista coruñesa María Mazás. Recentemente falecida, Mazás cultivou ao longo da súa vida multitude das artes: pintura, escultura, danza, teatro, xoiería, deseño de chapeus, poesía… A mostra recolle exemplos da súa traxectoria e pon en valor a súa vida e a súa obra.

María Mazás
A exposición sobre María Mazás, un dos exemplos da perspectiva feminista da Mostra.

Presentacións de libros, representacións en salas alternativas (interesante, por exemplo, a transgresión que propón Monstruación, de Enconarte Producións, na SalaSón o xoves 5 de xullo), monicreques, pallasos, premios, laboratorios… Na súa trixésimo quinta edición a MITCFC, que se prolongará ata o 8 de xullo, demostra que é un deses eventos culturais que temos en Galicia que deben pervivir mil veráns máis. 

*Para coñecer os programa completo da Mostra, podedes premer neste enlace.