Loading

Do Monte do Gozo á carballeira de Caldas de Reis en tan só unha semana. Aínda tentando recuperarnos da resaca mastodóntica do Son do Camiño, o Portamérica xa está chamando á porta para reclamar o seu espazo como un dos grandes festivais galegos

A cita, que vai pola súa sétima edición e a segunda que se celebra a carón do Umia, é xa un verdadeiro clásico do panorama de festivais galegos, grazas á súa potente infraestrutura, capacidade mediática e o seu cartel de grandes nomes, a pesar de ser moitos deles os sospeitosos habituais de sempre neste tipo de eventos

Vetusta Morla, Izal ou Xoel López son cabezas de cartel. Podería ser o plantel de calquera outro festival. Aínda así, non podemos desbotar a capacidade de atracción destes grupos e a súa calidade. Por sorte, o Portamérica tamén garda espazo para outras bandas que poderán chegar ao público en busca de algo distinto.

O xoves o festival arrincará co rockabilly e jazz da irlandesa Imelda May, a festa de La Pegatina, e o activismo punk das Pussy Riot. Agardamos que Vladimir Putin estea o suficiente ocupado co Mundial para non prestar atención ao concerto das rusas. Cos ecos do 8-M aínda sonando no país, os Inorantes consideramos un gran acerto apostar por un grupo feminista, independentemente dos gustos musicais de cada un.  

O resto da primeira xornada configúrase como unha homenaxe aos nosos veciños de Latinoamérica, coas actuacións e ritmos fusión de Los Auténticos Decadentes (Arxentina), Chico Trujillo (Chile), Los Caligaris (Arxentina), Azul Violeta (México), Mitú (Colombia) e Carlos Méndez (Panamá).

O venres o Portamérica fai unha aposta segura e cédelle o protagonismo ao poderoso directo de Vestusta Morla. A banda, unha das máis importantes do escenario español actual, volve á Carballeira onde hai oito anos deu un concerto sorpresa que non esperaba ningún dos asistentes, Inorantes incluídos. Xa pasou moito tempo desde ese día. Hoxe volven co seu novo disco: Mismo sitio, distinto lugar, pero seguro que non se esquecerán dos seus grandes éxitos.

A segunda xornada completarase, entre outros, coa veteranía de La Habitación Roja, o shoegaze e post rock de Neuman, e a explosión do grupo indie Viva Suecia.

Vetusta Morla ou a omnipresenza.

O sábado o Portamérica volve xogar sobre seguro abrindo o cartel con Izal e Xoel López. Por certo, será a única data en todo o ano no que se poderá ver un concerto de Izal en Galicia, así que os seus seguidores seguro quererán aproveitar esa oportunidade.

En canto ao coruñés, chegará co seu novo disco Sueños y Pan, pero estamos seguros que deixará un oco á nostalxia de Deluxe. López completa, xunto a Alto Volta, InerttesHabitación Vudú (programadas para o venres) e Néstor Pardo (o sábado), a selección de bandas galegas. Unha escolma que se nos fai un pouco escasa.

O último día contará tamén cos personalísimos El Columpio Asesino, con ElyElla Dj’s e co arriscado experimento de Mexrrissey, banda homenaxe a Morrissey de espírito mariachi. Non estamos seguros de saber o que pensará o xenio británico desta reinvención.

El Columpio Asesino
O inclasificable estilo de El Columpio Asesino será un dos protagonistas da última xornada.

O festival ‘foodie’.

Portamérica non só se configura ao redor do seu cartel (bastante previsible, por certo), senón que a súa proposta técese ao redor dun programa moito máis amplo. Desde habilitar buses desde distintas cidades de Galicia para facilitar a afluencia e o uso de transporte público, ata sumarse á tan necesaria sustentabilidade: teñen planeada unha xornada de reforestación do monte con especies autoctónas tras o festival. Supoñemos que non atraerá a tanta xente como os concertos, pero agaradamos que teñan o suficiente éxito para que pague a pena. 

Aínda así, sen dúbida un dos principais elementos diferenciadores do festival e buque insignia é a súa aposta ‘foodie’, que xa foi recoñecida por premios tanto en 2015 como en 2017. Contan con escenario gastronómico (así o chaman), e aquí si haberá unha ampla representación de cociñeiros galegos de prestixio que se encargarán de preparar tapas gourmet. Se estás cansado dos bocadillos e hamburguesas de dudosa orixen da gran maioría dos festivais, igual esta é a túa oportunidade de resarcirte.

Recomendamos:

  Imelda May

  Vetusta Morla

  Jenny and The Mexicats

  Chico Trujillo

  Mitú

  Iseo & Dodosound

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí