Loading
Morrasound

Unha semana despois de O Son do Camiño chega a Domaio o Super Bock Morrasound, e ofrécenos unha espléndida oportunidade para a comparación. Fronte ao xigantismo de alimentación transxénica do evento do Monte do Gozo, o Morrasound reconcílianos coa esencia (ou a que debería ser a esencia) dos festivais.

O Morrasound é un festival modesto, mais está concibido e armado dende o traballo serio e o amor á música. Chamádenos raros, pero adoitan gustarnos máis eses festivais que os que se forxan nos despachos de San Caetano.

É digno de louvanza o labor que o Morrasound leva meses facendo para acadsar o mellor cartel posible (tendo en conta ademais a desafortunada coincidencia no tempo co Portamérica, a menos de 60 quilómetros de distancia). Cómpre sinalar tamén o extraordinario traballo que teñen feito dende a organización na páxina web, nas redes sociais, no deseño gráfico, etc.

Guadalupe Plata
Guadalupe Plata, un dos cabezas de carteis en Domaio.

Os xienenses Guadalupe Plata e os cántabros Los Deltonos preséntanse como cabezas de cartel do Morrasound nunha aposta rockeira pola veteranía. Os primeiros son unha banda con máis dunha década ás súas costas, moitos concertos, festivais e quilómetros de estrada, cun son moi particular, mestura de blues sucio e psichobilly: blues pantanoso como lle teñen dado en chamar. Están a presentar o seu disco máis recente, Guadalupe Plata 2017, o seu quinto álbum de estudio.

Los Deltonos, pola súa parte, son unha banda veteranísima de rock, con certo sabor a blues e mesmo a funk, liderada polo carismático Hendrik Röver. Máis de 30 anos ten xa o grupo, máis de 50 conta Röver, o tempo pasa despiadadamente, mais a súa música conserva en directo unha envidiable frescura (así como no seu último álbum, editado en 2017 co mesmo nome da banda). 

Los Deltonos
Los Deltonos levan máis de tres décadas sobre os escenarios.

O sábado, sen dúbida día grande do Morrasound, ademais de Deltonos e Guadalupe Plata, estará sobre o escenario o groso da aposta galega do festival. Empezando por Agoraphobia. Nesta páxina xa dixemos máis dunha vez que, para nós, xunto co Noró de Xabier Díaz, o cuarteto de Boiro ten firmado o mellor disco dun artista do país en 2018. Falamos do magnífico Incoming Noise, LP que as consolida na vangarda do rock galego.

Interesante é tamén a proposta que fai The Soul Jacket, sexteto vigués de rock and roll clásico con influencia na súa música de nomes tan grandes como a Creedence, Dylan ou Fleetwood Mac.

Pecha a excelente triloxía galega Sés, unha artista diferente ao resto do cartel do festival (realmente Sés é única). Chega María Xosé Silvar coa forza que a caracteriza, e co seu Readmirando a Condición baixo o brazo, revisitación do seu álbum debut, co que Sés nunca acabou de estar satisfeita.

The Soul Jacket
A proposta do sexteto vigués The Soul Jacket emparéntaos co rock and roll máis puro.

Antes diso, o venres o punk liderará a xonrada. O punk dos portugueses The Parkinsons, banda afincada en Inglaterra que conta cun directo moi potente, e o tamén o punk dos composteláns Ruxe-Ruxe, con reminiscencias do bravú. 

Pero o Morrasound é moito máis. O festival conta cun apartado de artes escénicas, con presenza do humor irreverente do italiano Leo Bassi, unha competición de bikes de speed & style, sesión de DJs, mercado, foodtrucks… Un menú moi completo no que, insistimos, reloce un intenso traballo. Un intenso traballo que asoma nos festivais modestos, nos festivais que conservan a esencia, e ante o que nós só podemos quitarnos o sombreiro.

  Recomendamos:

  Guadalupe Plata

  Los Deltonos 

  Agoraphobia

  The Soul Jacket

  The Parkinsons

*Para saber máis do Festival, podedes premer neste enlace á web oficial