Loading
MIT Ribadavia

De entre todas as mostras teatrais, ningunha ocupa un lugar tan destacado na historia cultural de Galicia coma a MIT de Ribadavia. Non somos orixinais ao salientar a súa significación para a dramaturxia do noso país, mais, con todo, cremos na importancia de seguir poñendo en valor aos pioneiros. Que sería da cultura de Galicia sen eles? E que sería da nosa pobre Galicia sen a cultura?

A MIT, que entre o 14 e o 22 de xullo celebra en Ribadavia a súa XXXIV edición, é herdeira directa das Mostras de Teatro Abrente, que se celebraron na capital do Ribeiro entre 1973 e 1980. Impulsadas pola Agrupación Cultural Abrente nos estertores da ditadura, estas mostras cumpriron co papel fundamental de normalizar o teatro galego e a nosa lingua.

Non é estraño, pois, que os eventos teatrais organizados por Abrente se consideren como o punto de partida do teatro galego contemporáneo. Nas oito edicións celebradas agromaron as figuras de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo ou Eloxio R. Ruibal, entre moitos outros.

Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia
Detalle do cartel da Mostra de Teatro Abrente de 1976.

A moderna MIT é completamente distinta. Falamos hoxe dunha mostra internacional que trae a Ribadavia obras dende Portugal, Italia, Uruguai, México e o Reino Unido, mais algo conserva da primeira: segue a ser un referente ineludible para o noso teatro.

E continúa tamén a defender valores necesarios. Así, o programa inclúe a perspectiva de xénero, coa celebración das Tempadas da Igualdade que non só fomenta a presenza de dramaturgas (como A Panadaría, Marianella Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll, Cristina Collazo, La Nórdika ou Lali Álvarez), senón tamén a inclusión de pezas que convidan á reflexión e analizan ás mulleres dende a perspectiva das mulleres (algo tan sinxelo e á vez tan difícil de ver decote).

Elisa e Marcela, de A Panadaría, está programada para o sábado 21 no Auditorio do Castelo.

Metidos xa estritamente no que é o programa da MIT, hai catro ou cinco espectáculos destacados, que outorgan brillo a esta 34 edición. Falamos, por exemplo, do espectáculo que abrirá a Mostra o sábado 14 no Auditorio do Castelo (a hora da obra principal de cada día será sempre as 23:00). 

Commedia, un xoguete para Goldoni será ese espectáculo inaugural. Cándido Pazó, un dos froitos máis novos daquelas mostras iniciais de Abrente, revisita o seu primeiro éxito teatral (e quizais o meirande). A estrea da obra orixinal, co Arlecchino da Commedia dell’Arte como protagonista, tivo lugar na MIT de 1993 cando Pazó dirixía a extinta compañía Ollomoltranvía.

A peza colleitou un enorme éxito, converteuse nun dos grandes fitos da MIT e percorreu España, Portugal e Francia, con máis de 200 representacións. Un cuarto de século despois daquela ocasión, Cándido Pazó Contraproducións, coa colaboración da propia MIT, retornan ao texto tratando de conservar no posible o equipo creativo de 1993.

Commedia
Cándido Pazó revisita 25 anos despois Commedia, un xoguete para Goldoni na apertura da MIT.

Cómpre tamén sinalar en vermello a produción que pechará a Mostra ribadaviense: The Table, de The Blind Summit Theatre (domingo 22). The Table é teatro de títeres (de títere neste caso, porque é soamente un: Moisés, manexado por tres persoas), pero parécese moi pouco ao teatro de títeres ao que estamos acostumados.

Moisés non só discute cos titiriteiros, tamén ten ocasión de ligar coas espectadoras e mostrarse receloso coa súa condición de títere. Un personaxe único para un dos mellores espectáculos do mundo, segundo The Guardian. Din no programa da MIT que The Table é un espectáculo de marionetas inspirado en Beckett, a Biblia e IKEA. Se con esa frase non vos entran as ganas de velo, nós xa non sabemos que podemos facer!

The Table
Moisés, a peculiar Marioneta que protagoniza The Table.

Un nome propio da 34 edición da MIT de Ribadavia é o da uruguaia Marianella Morena, unha das dramaturgas máis relevantes do seu país. Ademais de protagonizar un obradoiro teatral, Marianella levará á Mostra de Ribadavia a súa obra Ella sobre ella (luns 16). Isto vai supor a estrea da peza en España.

Ella sobre ella é un monólogo sobre Carlota Ferreira, un personaxe cun oco importante no imaxinario do Uruguai. É a protagonista dun dos cadros máis populares do país, e tamén protagonista de romances e escándalos. Unha muller que desafiou a conservadora sociedade uruguaia do século XIX deconstruída nun innovador monólogo que rompe cos cánones utilizando as técnicas máis modernas: música, performance, artes visuais, referencias ás redes sociais…

Ella sobre ella
ELla sobre ella, o rompedor monólogo da uruguaia Marianella Morena.

O outro nome propio internacional é o do italiano Pippo Delbono, o creador do Teatro da Rabia, un dos dramaturgos máis inclasificables da actualidade. Moi influído por Pasolini, tense dito de Delbono que a súa é unha compañía de amigos e non de actores, xa que como lle sucedía a Pasolini prefire fuxir da profesionalidade actoral.

Delbono levará a Ribadavia a súa peza máis recente, La Gioia (A alegría), que se poderá ver o domingo 15 por primeira vez en España. Neste espectáculo a compañía lanza suxestións ao público, conta fragmentos de histoias, crea novas imaxes. Deseña, en definitiva, un teatro vivo que se nutre da contribución do espectador. 

Pippo Delbono
Pippo Delbono estreará en Ribadavia La Gioia, outra mostra do seu teatro inclasificable.

Son moitas máis as obras interesantes que nos ofrece a MIT (imprescindible é Elisa e Marcela, de A Panadaría, gañadora do María Casares á mellor produción teatral do ano), o programa inclúe un total de 21 producións con a comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade como liñas mestras.  

*Para acceder ao programa completo da MIT, podedes premer neste enlace.