Loading

O gran referente da música hardcore, punk e metal volve esta semana. Estamos seguros de que as lexións de fans do Resurrection Fest levan anticipando esta cita uns cantos meses. Xa non teñen que esperar máis: a partir do mércores comeza a festa.

O Chapter 13 do Resu chega avalado pola súa traxectoria, a súa ben coñecida capacidade de organización, a súa personalidade e, por suposto, por un dos carteis máis importantes que se pode atopar no escenario rock e metal actual. Estamos a falar de 100 bandas distribuídas en catro escenarios, un esforzo loxístico de primeira.

O sábado será un dos días máis fortes e mediáticos, cos archicoñecidos Kiss como cabeza de cartel: está claro que unha banda que sae nos Simpsons transcende os límites do seu xénero.

Kiss, banda lendaria e un dos grandes reclamos da nova edición do Resu.

Estarán acompañados por outros nomes ben coñecidos por todos os iniciados no rock e no metal: Prophets of Rage, Frank Carter, Zebrahead ou Exodus.   

Por suposto, aínda que a fichaxe dos Kiss ten acaparado titulares,  a presenza dos Scorpions e Megadeth para este venres non é tema menor: edición especial para nostálxicos. De seguro que se vai poder escoitar máis dun clásico durante a velada. O cartel complétano, entre outros, Paradise Lost, Leprous ou Angelus Apatrida.

O xoves os focos van para Ghost, con novo disco, e Stone Sour, que regresan a España logo de 10 anos. A xornada  contará tamén cos directos de At The Gates, Overkill e Suffocation. Acollerá tamén o (previsiblemente) último concerto da carreira dos Dawn of the Maya, o que promete ser unha cita moi emotiva.

Os pamploneses Dawn of the Maya iniciarán un parón tras o Resu que podería ser definitivo.

O mércores será o día para quentar motores, a festa de presentación do festival e que contará con Ministry, Jello Biafra ou Riot Propaganda. E o martes, mañá mesmo, haberá en na Praciña da Herba concertos gratuítos para ir entrando en ambiente.

Este repaso rápido por algún dos nomes do festival non lle fai xustiza, pero o Resu e a súa magnitude convérteno nun festival moi difícil de resumir (aínda que igual a lonxitude dun artículo da Jot Down si daría para todos os detalles e algo máis). Pero non vos preocupedes, os Inorantes pensamos en vós: aquí podedes consultar o seu horario e aquí o índice de bandas.

Para os pequenos.

Unha das grandes apostas do Resurrection Fest é o programa de atención aos máis pequenos, baixo o nome de Resukids. Nunha época na que non deixamos falar do importante que é conciliar, os de Viveiro poñen á disposición das familias as mellores opcións para poder gozar do espectáculo, sexa cal sexa a túa xeneración. E, de paso, asegurámonos de que a afluencia de fans do rock e do metal non deixe de medrar de cara aos anos vindeiros. Ollo! Xa teñen todas as prazas esgotadas. 

A iniciativa Resukids é unha das máis peculiares e salientables da organización do evento.

Ademais, este ano o Resu contará cun punto contra as agresións sexistas, ao igual que outros festivais galegos que se agruparon baixo a plataforma impulsada pola Xunta ‘Fest Galicia’. 

Non só iso, senón que o Resurrection Fest volve demostrar a súa capacidade de xestión para organizar unhas das acampadas máis coñecidas no panorama festivaleiro galego. O abano de opción é ampla: desde a opción gratuíta, ata a pensada para os que gustan máis da praia tanto ou os que se decantan polo luxo: o glamping. Na súa páxina web, tes toda a información sobre as posibilidades e os seus prezos.

Recomendamos:

Prophets of Rage

Stone Sour

Jello Biafra

Stick to your Guns

At the Gates

Cuchillo de Fuego

Trono de Sangre

Boneflower

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer  aquí.