Loading

V olve o Atlantic Fest, un festival que alén da música destaca polo seu emprazamento nunha contorna de extraordinaria beleza: a Illa de Arousa. Así que, ademáis de escenas de concertos e imprescindibles recomendacións de outfits, os festivaleiros poderán encher as contas das súas redes sociais con marabillosas postais de paisaxes e praias desta reserva natural.

A escolma desta nova edición, como ven sendo habitual, é moi aberta. Algo que é de agradecer. Deste xeito, dan cabida a todo tipo de intereses musicais. Esa amplitude de miras na selección, o apoio ás bandas galegas e a aposta por un mainstream de calidade, que o hai, é un dos grandes atractivos do festival.

O mainstream

Ainda que, tal vez, sexan dous grandes que comezan a desinflar, Kaiser Chiefs e The Vaccines son o principal reclamo desta edición. Os primeiros son, sen dúbida, unha das maiores influencias para o indie-pop español da última década, algo que queda claro con himnos da modernidade (e das tendas de roupa xuvenil) como son I predict a riot, Every day I love you less and less ou Ruby.

The Vaccines acadaron enorme sona en España ao amparo dunha campaña publicitaria. O seu revival post-punk contén unha boa representación de singles ramonianos para berrear en multitude. Sirva de exemplo disto Wreckin Bar (Ra Ra Ra).

The Vaccines, un dos principais reclamos desta edición

A nivel estatal temos a Iván FerreiroLa Casa Azul. O vigués está nun momento de forma espectacular, como o demostra o fantástico concerto que ofreceu en Compostela nas pasadas festas da Ascensión. E, os que o viron recentemente en acústico, tamén dan boa conta do ben que se desenvolve nese formato.

Pola contra, La Casa Azul vai amosar que o seu electropop é moito máis que o single La Revolución Sexual, un tema resultón que xa comeza a rozar o sempre ambivalente terreo da nostalxia.

La Casa Azul
La Casa Azul, autores do coñecido tema La Revolución Sexual.

Outro dos nomes que corre o risco de ser devorado polo seu propio éxito é o brasileiro Rodrigo Amarante. Tuyo fíxose viral por ser o tema dos créditos iniciais de Narcos, unha estupenda canción que non é a única. Das súas colaboracións con Devendra Banhart ou Marisa Monte resultan magníficas composicións.

Clásicos e modernos

Un dos rasgos do festival é apostar por artistas consolidados, e con longa traxectoria, dentro da música independente española. O clásico deste ano é Christina Rosenvinge. A madrileña deu os seus primeiros pasos na música sendo só unha adolescente nos anos da Movida, mais ten sabido reinventarse mil veces. Está a presentar Un hombre rubio, disco no que se pon na pel de distintas figuras masculinas.

Dúas das últimas sensacións a nivel estatal, María Arnal i Marcel Bagés e Yung Beef, tamén forman parte do cartel. Para quen todavía non os coñeza, María Arnal i Marcel Bagés son un excelente dúo de cançó, pop e arreglos electrónicos. Apóianse en cancións antigas baseadas na transmisión oral. É dicir, procuran unha achega ao pasado desde a cultura libre. Algo cada vez máis enterrado na era dixital. Todo un manifesto artístico. 

Yung-Beef, a conexión coas novas xeracións

O compromiso político-cultural tamén está na esencia de Yung Beef. O músico granadino xa rematou os seus acordos con Sony, a quen lles vendeu (segundo di) as cancións que menos lle gustaban, e agora está centrado en La Vendición, o seu selo discográfico. Unha parte de Inorantes considera a este artista demasiado grande, e que incluso a novidade do trap é unha cárcere que limita a súa creatividade.

As súas referencias musicais proveñen de diferentes partes do planeta e barnizan os seus temas cunha capa apátrida. Membro fundador dos seminais PXXR GVNG, revitalizou a música urbana e logrou conectar rápida e masivamente coas novas xeracións.

Bandas galegas

O festival conta cunha boa representación de grupos de Galicia. Algúns xa míticos, como Caxade, que continúan a explorar nos seus traballos os sons do folklore balcánico. Tamén actuarán no Atlantic Fest Esteban & Manuel, que nesta tempada non se perden unha. Arousa poderá bailar cos ritmos orquesteiros deste dúo que inventou o cumbiatune.

Outros dous habituais en tempos recentes son Presumido e Bifannah. Synth-pop e psicodelia tropical son, respectivamente, os estilos destas dúas bandas.

Rosenvinge, máis de trinta anos de indie estatal

Por último, os vigueses Jay son unha excelente banda en constante revisión e transformación. Baixo un certo canon do indie norteamericano dos anos 80 son capaces de combinar spoken word, noise, psicodelia, electrónica e ritmos latinos. A súa última referencia discográfica é o álbum Fuimos Nosotros, o seu mellor traballo. Os seus directos son do mellor que pode ofrecer o panorama galego.

Recomendamos:

Iván Ferreiro

Rodrigo Amarante

María Arnal i Marcel Bagés

Yung Beef

Christina Rosevinge

Jay