Loading
Festival Ribeira Sacra

O Festival Ribeira Sacra alcanza este ano a súa 17 edición. É este un evento especial pola contorna natural na que se ubica e polo feito de estar descentralizado: os concertos teñen lugar tanto en Sober, como en Monforte ou Chantada, e dentro destes concellos tamén se diversifican os espazos.

Non sabemos se hai moitos festivais do mundo que inclúan concertos en catamaráns (seguro que si, no mundo hai de todo en todas partes), pero seguro que ningún o fai por un lugar tan espectacular como os Canóns do Sil. 

Festival Ribeira Sacra
Virginia Maestro xa actuou no Catamarán de Doade na pasada edición. Foto de Cris Andina.

Sen dúbida, o prato forte do evento será o festival dentro do festival que terá lugar o sábado no Parador de Monforte e que a organización (con escasa orixinalidade) deu en chamar Festival Parador de Monforte. Comezará ás 20:00 e contará coas actuacións de Fuckaine, Coque Malla, Woods, Puerto Candelaria e Freedonia.

Coque Malla é o nome máis popular de todo o festival. O ex líder de Los Ronaldos está a vivir unha segunda xuventude musical e apoiado en himnos como o No puedo vivir sin ti consegiu reunir unha nova xeración de fans. 

Pola súa banda, Woods, é a nosa aposta persoal no festival. Recomendámosvos encarecidamente o directo da banda de Brooklyn, que está a xirar cun disco deste mesmo ano, Myths 003, que segue ao Love is Love, inspirado pola reacción que no grupo causou a victoria de Donald Trump nas eleccións. Os Woods practican un folk piscodélico que ás veces abraza o clasicismo, pero outras veces abraza a experimentación cunha calidade poucos habitual para os grupos actuais.

Woods
Woods é a aposta persoal da redacción de Inorantes para este festival.

Ademais dos colombianos Puerto Candelaria, que tratan de darlle unha volta á cumbia e aos ritmos propios de Colombia, dúas bandas madrileñas completan o menú do Parador de Monforte: Freedonia, coa súa aposta polo soul e o funk, e Fuckaine, un dúo de pop bailable con bases electrónicas.

Outra das apostas do festival son os británicos Ten Fé, que tocarán o sábado ás 17:00 nas adegas Algueira de Doade, en Sober. O seu álbum Hit the Light (2017) acadou un éxito notable para unha banda case nova. Ao nome Ten Fé vai ligada inevitablemente a historia de que o dúo hai pouco tocaba no metro de Londres. O salto, por suposto, ten sido extraordinario, pero o seu son a pop clásico, un pouco Simple Minds do novo século, non acaba de emocionarnos.

Ten Fé
Os compoñentes de Ten Fé pasaron de tocar no metro ao éxito con Hit the Light.

Sen dúbida, somos máis fans da americana de Elvis Perkins, que tocará nun escenario espectacular: o Mirador de Santiorxo, en Sober, o sábado ás 12:30. E se falamos de cantautores americanos, moi recomendable é tamén Holly Miranda, que o domingo pechará o festival na adega Via Romana de Chantada.

Pola súa banda, será Tulsa quen teña a oportunidade de encher de música o catamarán de Doade nesta edición. O grupo que lidera a vasca Miren Iza regresou en 2015 tras un parón provocado pola marcha de Miren a Estados Unidos. O seu son ten como base as texturas electrónicas e a suave voz da súa indiscutible líder.

Outro grupo encabezado por unha muller, Morgan, será a banda estrela do venres nas adegas Regina Viarum (21:00). Con tan só dous LPs no seu haber (North, de 2016, e Air, de 2018) tanto Morgan como Nina de Juan, a súa cantante, estanse a converter nos últimos meses no maior boom do indie pop español recente.

Morgan
Morgan e Nina de Juan téñense convertido nun dos booms da música española actual.

Se falamos de bandas galegas, a representación quédasenos un pouco escasa. O domingo haberá actuación conxunta de De Vacas e Bifannah. E o venres os vigueses Ghost Beat, a banda liderada por Pachu Doblas, que está a presentar o seu primeiro (e excelente) álbum Winter’s Horn.

É certo que a próxima semana o festival terá unha segunda parte, á que chaman Patrimonio (4 e 5 de agosto), que contará con Sés, Mounqup, Nastasia Zürcher e, ademais, con Ele e Los Hermanos Cubero, pero gustaríanos ver máis galegos no miolo do festival, que está claro que sucederá, sobre todo, este sábado 28 de xullo.

Recomendamos:

Woods

Elvis Perkins

Holly Miranda

Tulsa

Ghost Beast

*Se queredes saber máis información sobre o festival ou os seus horarios, premede aquí