Loading

Catro días, un barco, auga. Difícil continuar a noticia cando hai que falar dun festival que ten como máxima non facer público o cartel. Bueno, está a illa. Si. Tamén temos a illa. Saltamos de Arousa e o seu Atlantic Fest ao Sinsal de San Simón.

Porque a fantasía humana ten asociado a illa coa utopía, coa lenda, co espazo transformador e magnético. Ávalon ou a Creta arcaica. E algo diso ten unha cerimonia á que se chega tras atravesar, en barco, as brétemas da ría de Vigo.

A Illa de San Simón, privilexiado escenario do Sinsal.

A poética da illa, fermosa e chea de esculturas de grandes artistas galegos como Cristino Mallo, Silverio Rivas ou Manuel Coia, fai que resulte moi difícil explicar os horrores do pasado. Hai anos foi un campo de concentración da guerra civil. O “vértigo da historia” diría Agustín Fernández Mallo, a quen este espazo inspirou unha parte da súa novela Trilogía de la guerra. O seu uso actual, como festival, non invalida en absoluto a memoria sobre un pasado terrible. Todo o contrario. Permite que moita xente lembre ou descubra o que este espazo foi. O que non se debe olvidar nin repetir.

Pero, por que a xente acude a un festival sen coñecer o seu cartel? Tan bo é o continente como para arriscar co contido? Por suposto, San Simón é un lugar máxico, pero non se arrisca ninguén a unha mala programación se detrás está Sinsal.

Seguro que, nos 22 concertos que este ano se distribúen entre o xoves e domingo, nos atoparemos con grandes nomes. Ao tempo, tamén descubriremos novas bandas. Para nós un dos aspectos máis interesantes do evento. Neste punto, xa é historia do festival o impresionante directo dos coreanos Jambinai na edición de 2014.

Tamén, moi a favor da súa selección, é que sería estrano atoparse coa Sagrada Familia do indie-pop patrio. Nada en contra dos Lori Meyers, Love Of Lesbian, etc. Pero agradecemos que, de cando en vez, algún programador renuncie e eles e deixe espazo para outras propostas.

Para facernos unha idea do criterio á hora de confeccionar o cartel, cómpre sinalar algúns dos nomes máis destacados doutros anos. Decídenos que non é para querelos un pouco. Na illa, en diferentes edicións, estiveron Alela Diane, Alt-J, Ariel Pink Haunted GraffitiDan Deacon, Deerhoof, Of Montreal, Owen Pallet, Systema Solar ou Wire.

Isto confirma, aos que nunca foron, a variedade estilística e o bo gusto que ten este proxecto. O vello e o novo, catro por catro e compases imposibles, electrónica e folk. Todo é posible nesta utopía que se fai realidade.

Actuación de María Arnal en 2017.

Fronte á deriva gargantuesca dos grandes eventos, tristemente próximos á sacralización de logos comerciais con música en directo de fondo, Sinsal é un “modelo de formato pequeno, diúrno e co aforo marcado polo espazo no que se celebra”, tal e como afirman desde a organización. A illa é Ben de Interese Cultural e require protección. Por iso, os responsables insisten na súa sostibilidade e na actitude de respecto que demandan aos asistentes. Xa levan nove edicións e hoxe, como o primeiro día, son “conscientes da enorme fortuna que supón convocar música, paisaxe, historia e público”. Unha marabilla. Coa xente, cos artistas, sen multitudes.