Loading

O Noroeste é, sen dúbida, un dos mellores festivais urbanos de Galicia. Para nós, o mellor. Entre as súas credenciais están o espallamento das actuacións por todo o plano da cidade, apostar polas mulleres, apoiar sen miramentos á escena galega, situar A Coruña no mapa de festivais a ter en conta dentro da xeografía española e lograr un difícil equilibrio entre o underground e o mainstream.

Belle and Sebastian, o espellismo.

Neste último aspecto, na instantánea do gran concerto en Riazor para as multitudes, sentimos que queda algo limitado. Belle and Sebastian leva, sendo xenerosos, un lustro parafraseando aquela fantástica banda na que Isobel Campbell tiña tanto que dicir.

Con respecto a The Pretenders, os Inorantes estamos divididos. Unha parte pensa que, se no seu momento ironizamos sobre a contratación de Leni Kragüit para o Monte do Gozo, algo similar poderíamos dicir nesta ocasión. Outra parte de nós considera á banda de Chrissie Hynde un clásico que dificilmente poderá parecernos tan rancio como nos sucede con Lenny Kravitz ou Jamiroquai..

No que non temos ningún tipo de debate interno é en que se o Noroeste está acadando sona alén da nosa comunidade autónoma non é polos concertos que poidan ofrecer na praia conxuntos como Belle and Sebastian, Pretenders ou Temples ou Viva Suecia. É pola magnífica diversidade da súa oferta. Durante seis días (do 7 ao 12 de agosto), máis de oitenta artistas e bandas actuarán en catorce localizacións da cidade.

Glitchgirl, vangarda galega

Tal é o número de bandas que resulta imposible (e ilexible) mencionalas todas nun artigo. Nós imos destacar varias tratando de facer un bo percorrido polos diferentes estilos que nos agardan no festival. A súa variedade confirma que é un evento inclusivo que ten en conta o rock, o pop, o folk e o blues máis tradicionais. Pero tamén o jazz, o hip-hop, o metal, a electrónica e as novas músicas. 

Martes

O festival comeza paseniño. O martes Bea a de Estrella fará disfrutar aos amantes do bolero e do swing. Dentro da tradición musical, tamen é moi interesante o percorrido polo blues, con influencias do gospel, do soul e da música brasileira que ofrecen The Limboos.

Para os que anden a buscar unha proposta máis alonxada das convencións, poden achegarse á Fundación Luis Seoane para ver a Glitchgirl, magnífica performer compostelana que combina diferentes elementos da música electrónica.

Rocío Márquez, maxia flamenca no castelo de San Antón

A xenialidade de Trilitrate para mesturar músicas alén da influencia anglosaxona, como o folk balcánico, tradición autóctona e música contemporánea constitúe, para nós, unha das actuacións máis interesantes do festival. Za! é outra desas bandas inclasificables. Nós, en lugar de facer un comentario descriptivo, aconsellamos encarecidamente incluír no itinerario festivaleiro o seu directo. Aseguramos, sen temor aos trolls, que é un dos mellores de España.

No marabilloso emprazamento do Castelo de San Antón temos outra das actuacións da xornada e de todo o evento: Rocío Márquez. Ela é unha das cantaoras con máis proxección da súa xeración. A súa voz, chea de matices, explora novas posibilidades mantendo un pé na tradición flamenca. Por certo, ollo coa retirada de entradas e o acceso aos concertos nesa fortaleza.

Mércores

O mércores ninguén se debería perder o show de Nathy Peluso. A arxentina puxo patas arriba, hai unhas semanas, a Cidade da Cultura.  A súa mestura vangardista de soul, rap, jazz e salsa destaca pola súa personalidade. A todo iso, hai que unirlle a teatralidade dunha artista de 23 anos cun futuro prometedor.

O xamaicano Roy Ellis é outra das figuras do día. Historia viva do reggae, con discos tan populares na súa carreira como Skinshead Moonstop, está a vivir unha segunda xuventude creativa aos seus 72 anos. En San Antón é o turno de Dona Rosa, actuación imprescindible para os amantes do fado. Esta artista invidente iniciou a súa carreira nas rúas portuguesas.

Roy Ellis, historia do reggae.

Xoves

As nosas recomendacións para o xoves son integramente femininas. Comezamos con dúas propostas para nostálxicos. En primeiro lugar, temos a Ana Curra. A que foi líder de Parálisis Permanente vai quitarlles 25 anos do lombo aos que se acheguen a escoitar os temas da mítica banda da movida madrileña.

En segundo lugar, temos a Laetitia Sadier Source Ensemble. Esta artista foi a voz francófona da influinte banda de post-rock Stereolab. Ao estilo típico da súa antiga formación hai que engadirlle elementos do kraut, da bossanova e da electrónica.

Damos un salto xeracional para destacar o pop electrónico de BFlecha e Maika Makovski, que evolucionou desde un rock alternativo con claras influencias de PJ Harvey a novos proxectos con achegas á cultura macedonia, andaluza e balear.

Mursego: clásica, pop e experimentación sonora

As navarras Kabbalah van poñer patas arriba a praza das Bárbaras. O seu son discurre entre o hard-rock dos setenta e a psicodelia máis guitarreira de fins dos sesenta. De Mursego opinamos algo parecido ao que dixemos de Za! Os que nunca asistiron ao seu directo, xa están tardando: perfecto equilibrio entre a experimentación e o pop. E aínda que estivo en Galicia nunhas seis ocasións no último ano, nunca e tarde para disfrutar da cançó, pop e arreglos electrónicos que ofrecen María Arnal i Marcel Bagés.

Paseo das Pontes (sábado e domingo)

O Paseo das Pontes é un lugar ideal para as familias con nenos e o domingo terá unha programación que ocupa todo o día. Antes, o sábado Xosé Manuel Budiño e o portugués Luiz Caracol porán en común as súas músicas. O folklore galego do primeiro, empapado en vangarda, vai ligar cos sons portugueses tinguidos de multicultura afroasiática de Caracol. Tamén o sábado actuarán alí os madrileños Mäbu, que teñen a súa base nos cantautores anglosaxóns, fan un indie-rock que finta con elegancia os terreos máis recurrentes dos últimos anos.

O domingo este emprazamento acapara todo o protagonismo con seis actuacións e varios DJ’s. Alí estará Ángel Stanich, que continúa a exprimir o seu traballo Antigua y Barbuda.

Ángel Stanich, pop lúcido para todos os públicos

Un disco ecléctico que fai unha revisión lúcida por máis de 30 anos de canción pop. As súas letras irónicas, e tan persoais como a propia voz do artista, coroan unha obra de madurez. Antes actuarán La Plata, conxunto de cancións rápidas, frescas e directas que actualiza os sons da New Wave. Este domingo tamén inclúe o proxecto DJ Inclusivo, que pretende ensinar, en diferentes talleres, nocións musicais e técnicas de DJ a persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Matinais

Entre o xoves e o sábado, baixo o nome de Matinais, a asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural comisaria un completo cartel en horario de mediodía. Conta con dezaoito actuacións entre as que destacamos a Los Nastys, contundente conxunto madrileño de garage-punk que fai apoloxía da baixa fidelidade. Dentro desta sección tamén se atopa Núria Graham, que en tempos recentes amósanos unha vertente máis madura do seu indie-folk con tintes psicodélicos.

Mohama Saz, a achega aos sons tuaregs.

É de obriga, tamén, ir a descubrir a relación entre copla, flamenco e punk-rock que leva a cabo a vallecana Juana Chicharro. Pero se de combinar estilos se trata, a ninguén vai deixar indiferente Mohama Saz, un grupo que recolle a herdanza de Smash ou Triana e establece un fecundo diálogo entre a música tuareg e o rock progresivo. As galegas Esposa, Selvática, FAB e Marem Ladson, entre outras, tamén están programadas nesta sección. 

Selección Noroeste

Ao igual que na pasada edición, o Noroeste inclúe tres concertos de pago repartidos en dous teatros da cidade. A oferta, como non podía ser doutro xeito, é variada e de bo gusto. O martes teremos a Neneh Cherry no teatro Colón. Exceptuando Homebrew, a sueca nunca foi creadora de grandes álbumes pero, pola contra, ten un repertorio de singles deslumbrante que recolle hits de todos os estilos. Os seus trinta anos de carreira dan para o rap e R&B de Buffalo Stance, estupendas colaboracións con Massive Attack e Yossou N’Dour e para o jazz de Dream baby dream.

María del Mar Bonet, unha vida de cançó.

O mércores é a quenda dun dos símbolos máis destacados da nova cançó: María del Mar Bonet. Voz sublime para disfrutar nun auditorio, a mallorquina sempre tivo interese por conectar con artistas de diferentes estilos. Esta inquedanza a leva, no último disco, Ultramar, a vencellar as tradicións musicais de Mallorca e Cuba. Unha artista sublime que é moito máis que L’Aguila Negra.

Rematamos esta sección falando de James Holden. Actualmente, é unha das figuras máis destacadas da música electrónica a nivel mundial. O seu último traballo, The animal spirits, é un dos mellores discos da década. Aí atopamos composicións magníficas e infalibles, propias dun xenio capaz de crear sinfonías marabillosas. Os afeccionados a este estilo musical están contando as horas para que chegue o seu espectáculo.

James Holden, neno terrible da electrónica.

O Noroeste non é un evento que busque grandes nomes comerciais, aínda que si os ten en conta. No canto diso, busca que o festival sexa a propia cidade e que a xente descubra espazos, novos artistas e bandas. Que o público nos atrevamos a coñecer, que poñamos da nosa parte. Por iso, agardamos que teña moito éxito esta iniciativa, que se repita e se consolide.

Os Inorantes temos claro que son moito máis necesarios este tipo de proxectos que a morea de festivais clónicos para lexións de zombis con pulseira. E agardamos que a perversidade coa que algún medio sacude ao Noroeste, con noticias sesgadas e enquisas dirixidas, non afecte ao traballo que están a facer.

Recomendamos:

Trilitrate

Za!

Rocío Márquez

Nathy Peluso

Dona Rosa

Roy Ellis

Mursego

La Plata

Mohama Saz

Los Nastys

Marem Ladson

María del Mar Bonet

James Holden

Neneh Cherry