Loading

Viñetas desde o Atlántico, o evento coruñés dedicado ao mundo da banda deseñada, cumpre vinte e un anos. Un completo conxunto de exposicións, charlas e presentacións editoriais van inundar a península herculina entre o 6 e o 12 de agosto. Na súa entrada na terceira década de vida, exhíbense traballos de “autores e autoras xa consagradas e que pasaron nas primeiras edicións do festival como noveis”, segundo a organización.

José Luis Munuera é o autor do cartel da actual edición.

Dous deses artistas son galegos. Trátase do ourensán David Rubín e da vilagarciana Emma Ríos, figuras internacionais da banda deseñada que contan no seu currículo con varios nomeamentos aos premios Eisner. Para facérmonos unha idea da súa relevancia, estes galardóns son, salvando as distancias, os Oscar da novena arte.

A carreira de Rubín é meteórica, con múltiples dimensións e unha produción incesante de a cabalo entre Europa e Estados Unidos. Todo isto complica a tarefa de seleccionar a súa obra. Nós destacamos La tetería del oso malayo, coa que foi premiado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2007. Tamén nos gusta o spin off de Battling Boy no que Aurora West ten todo o protagonismo. A novela gráfica Gran hotel Abismo e a serie Ether, tamén son moi recomendables. Este ano foi nomeado a catro premios Eisner.

Aurora West, de David Rubín.

Emma Ríos debuxou series do universo Marvel tan populares como The Amazing Spiderman, Doutor Estrano ou Capitana Marvel. Destaca, especialmente, o arco argumental Capitana Marvel. Anhelando volar, con guión de Kelly Sue De Connick. Con De Connick realiza, fóra de Marvel, Bella Muerte que foi nomeada a varios Eisner e resultou gañadora no apartado de mellor obra internacional na ExpoCómic 2015. Entre as súas obras máis recentes destacan I.D. e Mirror, a incursión de Ríos no campo do guión.

O catalán Josep Homs e o murciano José Luis Munuera son as outras dúas figuras que regresan ao salón convertidos en estrelas, logo dun período de desenvolvemento creativo. O primeiro colaborou, nos Estados Unidos, co guionista Christopher Hinz na serie Blade. Máis tarde, con Frank Cho e Doug Murray, tería un prolífico traballo na serie Red Sonja.

 

Bella Muerte, de Emma Ríos.

O encorsetamento do cómic americano faría que probase fortuna en Europa e, en colaboración con Giroud, publicaría unha obra máis madura e moi apreciada no mercado galo: El ángelus. O seu último traballo é a serie Shi, con Zidrou como guionista, que narra a relación de amizade de dúas mulleres de diferente nacionalidade.

O crecemento de Munuera vai ligado a importantes debuxantes e guionistas franceses. En especial a Joan Sfar, con quen creou a serie Merlín. Trece anos despois, en 2012, inicia a serie Sortilegios con outro guionista do hexágono, Jean Dufaux. Entre medias atopámonos o magnífico El juego de la luna, guionizado por Enrique Bonet e galardoado como mellor traballo nacional da ExpoCómic de 2009.

Shi, de Josep Homs.

Por certo, que José Luis Munuera é o autor do cartel de Viñetas desde o Atlántico 2018. A este respecto, cómpre salientar que a escaleira da Torre de Hércules, en palabras da organización, “servirá de excepcional lenzo no que colgará a colección de carteis das vinte edicións previas” do Salón. Entre os autores destacados están Miguelanxo Prado, Juan Giménez, Das Pastoras, Nicolás de Crécy, Manu Larcenet ou Max. O entorno patrimonial e o estupendo contido fan que a visita a este espazo sexa obrigatoria.

Ángel de la Calle

Un dos convidados a destacar nesta edición é Ángel de la Calle, teórico da banda deseñada, ilustrador, comisario e historietista. Esta prolífica figura é responsable das actividades de cómic dentro da Semana Negra de Xixón e codirector da revista Dentro de la viñeta. Unha das súas obras máis importantes é a fascinante Modotti, una mujer del siglo veinte, biografía de Tina Modotti, mítica fotógrafa e activista política.

Pinturas de guerra, de Ángel de la Calle.

Esta publicación tivo unha importante acollida en países como Brasil e Italia. Dela din desde o Viñetas que é “unha das novelas gráficas de referencia da moderna historieta española”. Pinturas de Guerra é o seu traballo máis recente, que foi premiado no último Salón Internacional do Cómic de Barcelona.  

José Ramón Sánchez

O Viñetas deste ano rende homenaxe ao ilustrador José Ramón Sánchez, un vello coñecido para as xeracións que estaban en plena efervescencia política e cultural durante a Transición. Aí están os seus memorábeis carteis coloristas para a campaña do PSOE nas primeiras eleccións municipais democráticas.

Moby Dick, de José Ramón Sánchez.

Segundo o historietista Miguelanxo Prado, director do certame, estamos ante un caso singular: “O dun ilustrador referente para decenas de profesionais nas últimas décadas que, aos seus oitenta anos, descobre a linguaxe da banda deseñada”. Sánchez sorprende coa magnífica adaptación do clásico de Herman Melville, Moby Dick.

A aposta feminina

Ademáis de Emma Ríos, outras tres mulleres teñen espazo neste evento de banda deseñada. Trátase de Cristina Durán, Belén Ortega e Mamen Moreu. Esta última é a autora de Resaca, pola que estivo nomeada como autora revelación no Salón do Cómic de Barcelona de 2015. Belén Ortega, doutra banda, atópase actualmente debuxando Millennium, a saga literaria do escritor Stieg Larsson.

La máquina de Efrén, de Cristina Durán

A valenciá Cristina Durán é responsable dunhas interesantes novelas gráficas como son Una posibilidad entre mil, La máquina de Efrén e El día 3, a súa última obra realizada coa xornalista Laura Ballester. Este ano exponse tamén O corpo de Cristo de Beatriz Lema, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2017. E no transcurso do Viñetas coñeceremos ao galardoado na edición de 2018.

Artistas galegos

Xa sinalamos, previamente, a importancia de David Rubín e Emma Ríos, pero o apoio á creación galega non se quere quedar neses nomes. O salón ofrece unha mostra adicada ao cómic independente en Galicia, que está comisariada por Rubén Romero.

Tamén se exhibirán obras de Xosé Tomás. Deste historietista destaca a novela gráfica Nómades que, estruturada en relatos breves, constrúe un tapiz das migrantes africanas e a súa loita por saír adiante. A súa serie Animalia “reflexiona sobre o xénero humano e a civilización desde a caracterización humorística do mundo animal”, afirman os organizadores.

La casa de los susurros, de Tirso Cons.

O último convidado será Tirso Cons, coñecido internacionalmente por debuxar La casa de los susurros, baixo guión de David Muñoz. Las crónicas de Legión, escrito polo francés Fabien Nury, é outro interesante cómic deste pontevedrés no que da un xiro á temática vampírica.

Poida que esta XXI edición do Viñetas desde o Atlántico non conte cos grandes nomes que si acompañaron ao certame noutros anos, pero non é exactamente así. A particularidade é que, nesta ocasión, eses artistas son galegos. Se quixeramos facer unha equivalencia artística coa música da nosa comunidade, sería imposible. Emma Ríos e David Rubín triunfan alén das nosas fronteiras, participan en festivais por todo o globo e están nomeados a algúns dos premios máis prestixiosos do mundo. Hai que aplaudir que este salón de banda deseñada busque que estes e outros artistas sexan profetas na súa terra.

O Corpo de Cristo, de Beatriz Lema.

Por se non fose suficiente, tamén temos a grandes nomes do panorama estatal que xa gozan de recoñecemento fóra das nosas fronteiras como Josep Homs, José Luis Munuera ou Ángel de la Calle. E, ao igual que sucede co Festival Noroeste, o Viñetas bríndanos a oportunidade de descubrir novos creadores e traballos. Imprescindible botar unha ollada aos recentes talentos femininos, ás novas aportacións galegas e as interesantes incursións dun clásico do cartelismo como é José Ramón Sánchez. Exposicións e conferencias de balde e para todos os públicos.

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.

*As exposicións estarán abertas ao público ata o vindeiro 9 de setembro.