Loading
DesOrdes Creativas

Cinco muralistas no DesOrdes

  DesOrdes Creativas

  Animalito Land, Miguel Peralta, A. L. Crego, Lidia Cao e Minia Regos

  Ordes

  Do luns 6 ao domingo 12 de agosto. Todo o día 

  Entrada de balde

Ordes é a capital galega do street art. Hai dez anos o colectivo Mutante puxo en marcha un festival de arte urbana nunha vila inesperada: era o primeiro DesOrdes Creativas. Na década transcorrida, os murais non só contribuíron a mellorar unha paisaxe urbana moi deteriorada, senón tamén a colocar o nome da vila ordense no panorama europeo do street art. Obras como a A greleira de 50 pés, que o galego Yoseba MP realizou na edición de 2016, convertéronse en referente artístico do país (non cremos que sexa esaxerado dicir que ningunha outra obra de arte galega tivo tanta repercusión coma A greleira no último lustro).

Cinco artistas participarán na nova edición. A arxentina Animalitoland levará a Ordes o seu universo de criaturas influído polos videoxogos, a banda deseñada e o manga. Miguel Peralta caracterízase por dedicarlle moito espazo ao rostro humano, especialmente o feminino, e darlle un toque lendario a súa obra. A. L. Crego é experto en street art animado e os seus murais xogan con reminiscencias de Banksy, pero tamén de Escher ou mesmo das animacións de Terry Gilliam para Monty Python. Lidia Cao amosa claramente no seu traballo súa formación como ilustradora. E, pola súa banda, Minia Regos definiu unha vez un traballo editorial seu como “misterioso e nocturno”, dous adxectivos que encaixan ben cos murais que lle coñecemos. Obradoiros, charlas, música con Mounqup ou Boyanka Kostova… O menú do DesOrdes é completo, pero o importante son os murais. Os novos irmáns da Greleira. 

Infórmate:

  Blog oficial do DesOrdes Creativas

  Web que expón o traballo de Animalitoland

Reproduce:

Mira: