Loading
Mostra Teatro Galego Cariño

Entre o sábado 11 e o venres 17 de agosto celebrarase a 40 edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño. Un evento que non só conta cunha programación excelente, senón que recibimos como auga de maio (ou mellor, de agosto) habida conta da escasez de programación teatral estival. Saír un anaco dos festivais de música e abrazar as táboas sempre axuda a osixenarnos.  

Con todo, será esta unha Mostra que o teatro galego celebre cunha fonda sensación de tristura. Non pode ser doutra forma. Na semana na que perdemos a Ernesto Chao, un dos grandes referentes da interpretación en Galicia, o loito cobre a escena e a cultura galegas.

É posible que non haxa mellor maneira de pasar o loito que sobre un escenario (ou na platea dun teatro). Especialmente emotiva será a representación de A canción do elefante, de Redrum Teatro (programada para o xoves ás 22:15), a última obra na que traballou Chao antes do seu pasamento. O papel de Ernesto Chao será ocupado por Machi Salgado neste thriller psicolóxico sobre a desaparición dun psiquiatra baseado nun popular texto do canadiano Nicolas Billon.

A canción do elefante
A canción do elefante foi a última produción na que traballou Ernesto Chao.

Aínda que ningunha vai poder superala en emotividade, A canción do elefante é só un exemplo do puñado de obras interesantes que vai ofrecer a Mostra cariñesa. Dende aquí recomendámosvos as que seguen:

Río Bravo 3.1

Chévere sempre é Chévere. Son historia do teatro galego, historia moi viva. O pasado ano celebraron o seu 30 aniversario revisitando algunhas das súas mellores producións. Entre elas esta Río Bravo, que estrearan no Principal de Santiago alá por 1990. Un musical que ten ao western clásico como referente para parodialo e rirse de todos os seus estereotipos. Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés e Patricia de Lorenzo sobre o escenario. Toda unha garantía. Será a obra que peche a Mostra o venres 17. 

Río Bravo 3.1
Chévere pechará a Mostra con Río Bravo 3.1.

Elisa e Marcela

Pouco queda por dicir a estas altura do Elisa e Marcela, de A Panadaría Teatro, (martes, 14 de agosto) que non estea dito. A gran triunfadora dos María Casares deste 2018, que ten feito tanto por reivindicar a historia destas pioneiras galegas, que protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, e que agora levará Isabel Coixet ás pantallas de Netflix. Unha obra que consolida esa forma tan particular e fermosa de facer teatro que teñen en A Panadaría. Destacar a forza cómica e interpretativa de Areta Bolado

Elisa e Marcela
Elisa e Marcela, de A Panadaría, é unha aposta sobre seguro.

Commedia

Antes falabamos da revisitación que fai Chévere de Río Bravo. Algo semellante ten levado a cabo Cándido Pazó coa súa Commedia, un xoguete para Goldoni, (luns, 13 de agosto) que estreara na MIT de Ribadavia hai xa 25 anos. O que foi o meirande éxito teatral de Pazó (entón aínda na extinta Ollomoltranvía, actualmente á batuta de Contraproducións) volveu na pasada MIT hai un mes con practicamente o mesmo elenco de hai un cuarto de século. Ver a Marcos Orsi ou César Goldi sempre é unha experiencia gozosa. A obra quizais peque de ser demasiado fiel a si mesma, pero os amantes da Commedia Dell’Arte e do humor máis puro disfrutarana ao máximo.

Commedia
A Commedia de Cándido Pazó regresou aos escenarios hai un mes en Ribadavia

Cranios Privilexiados

Cranios Privilexiados (mércores, 15 de agosto) é o espectáculo máis recente dun dos dúos cómicos galegos de máis lonxeva traxectoria: Mofa e Befa. Nesta ocasión, como vén ocorrendo nos últimos meses, non saltará ao escenario o do dúo orixinal, xa que Evaristo Calvo non pode participar por cuestións profesionais e está a ser substituído por Josito Porto. O espectáculo abraza o humor absurdo que caracteriza ao dúo, e o perralleirismo que define a súa carreira (a obra subtitúlase Crítica da razón perralleira). As reflexións sobre a filosofía dan espazo ao peculiar humor de Mofa e Befa.

Cranios Privilexiados
Josito Porto substitúe a Evaristo Calvo en Cranios Privilexiados.

Fóra dos espectáculos teatrais, xa no plano musical, unha recomendación especial de Inorantes é que vos pasedes o domingo ás 13:15 a escoitar á Ukestra do Medio no Parque do Concello. A Ukestra é unha banda que servíndose de ukeleles e unhas voces fantásticas fan versións únicas de temas que poden ir dende Neil Young a Andrés do Barro. 

*Se queredes coñecer o programa completo da Mostra, podedes premer neste enlace.