Loading
Arteficial

Desde Inorantes non imos lamentar a situación de saturación cultural na que nos atopamos actualmente. Máis ben, todo o contrario. É unha sorte poder seleccionar, dentro dunha ampla oferta, aquelo que máis nos interesa. Bastante mellor iso que pasar polos longos períodos de hibernación que se daban, en décadas precedentes, entre Xacobeo e Xacobeo. Pero tratando de ser ecuánimes, cómpre dicir que ese despertar do marmotismo cultural traduciuse, cos anos, nun amoreamento de opcións no que programar algo orixinal ou novidoso para o público resulta complexo.

Labaq, electricidade e textura sonora

O festival Arteficial de Ribadavia parece atopar, dentro das posibilidades que ten o evento, un preciso punto intermedio entre nomes recoñecidos por crítica e público e outros que paga a pena descubrir. O evento está organizado por unha asociación da vila. Celébrase en varios espazos do seu fermoso casco histórico. Compleméntase con outras actividades, como exposicións. Foi pioneiro no despegue da actual escena galega. Esta é a súa XII edición.

O hype co que contan este ano cádralles preto da comarca do Ribeiro. Son Esteban & Manuel, que insisten en convencernos de que a cumbia non é “para os vellos” senón que é, ou así debería ser toda a música, algo universal e interxeneracional. Nós vímolos hai unhas semanas no Noroeste e o seu directo foi magnífico. Pero non só do bombo deste dúo vai vivir un evento que é moito máis que a revitalización da verbena. Nin tampouco do interesante pop áxil, de baixa fidelidade e coros sixties dos composteláns Oh! Ayatollah. Así o poderán comprobar os que se acheguen a Ribadavia o 1 de setembro.

As apostas internacionais

Dentro da selección internacional para este ano, a asociación organizadora ten programadas tres bandas: trátase dos portugueses Whales, o luso-angoleño Chalo Correia e a brasileira LaBaq. A definición de Whales como música electrónica non desbota, en absoluto, as influencias do indie-rock. Son magníficos á hora de construir atmósferas, tal e como demostran en temas como Ghost. O seu LP homónimo é do mellor que ten saído do país veciño recentemente.

Chalo Correia, música sen fronteiras

O traballo de Chalo Correia combina o seu persoal método coas músicas da Angola dos anos 60 e 70. No seu país de orixe é unha estrela recoñecida con importantes premios musicais. Está a presentar o álbum Akuá Musseque, un disco no que chega ás “raíces do semba, da kazucuta, da rumba, da rebita e do caduque”, segundo afirman desde o Arteficial. Espectáculo imprescindible para os que lamentan o exceso da anglofilia nos carteis dos festivais. 

A interesante proposta que trae Labaq é a de maior relevancia desta edición. A súa obra é unha sorte de comunión entre a tradición tropical de Brasil, o indie-folk de raigame norteamericana e os arreglos electrónicos. A artista destaca pola sensibilidade á hora de matizar as sonoridades da súa voz, darlle espazo á guitarra eléctrica e envolver o conxunto cos arreglos dos sintes. As súas actuacións xa a levaron a festivais tan destacados como o South By Southwest.

Artistas nacionais

Neste caso poderíamos falar de tres propostas e media, porque a violinista Sara Fontán é unha galega que leva moitos anos facendo música desde Barcelona. O seu violín fixo unha viaxe de aprendizaxe por multitude de estilos: música clásica, rock experimental e ata electrónica. De todo isto xurden as improvisacións da artista. Segundo a organización, “o seu violín amplificado, loopeado e pasado por decenas de efectos ten o talento de emocionar a través da abstracción”. Os que a vimos no WOSINC de 2015 confirmamos estas palabras.

Os granadinos de adopción Guau!, en realidade un dúo cántabro-galaico, aférranse á vertente máis chamánica da psicodelia. Ainda que isto é soamente a base dunha música que se achega ao funk, ao country, á música mediterránea e ao rock progresivo. O seu traballo Dilemas espaciales rende homenaxe a máis de corenta anos de mutacións da cultura popular. Agárdase un directo intenso e de difícil clasificación.

Big Ok, a confluencia impredecible.

Desde Madrid veñen Ambre. Son un complexo conxunto de rock progresivo e música de vangarda. Están a presentar o seu EP de debut Mercury Man. Neste traballo nótanse as influencias do kraut e as referencias á electrónica primitiva. Probablemente seducidos polas súas panorámicas oníricas e os seus xogos de ritmos, Subterfuge Records acordou recentemente un contrato con eles.

Cando dicimos que o Arteficial trata de descubrir a artistas que verdadeiramente pagan a pena, Big Ok constitúen un bo exemplo. Son un supertrío formado por Sara Fontán, Edi Pou (a metade de Za!) e Paul Fuster. Da descrición que fai a organización do seu directo concluímos que vai sair a proposta máis extrema deste ano: “Paul Fuster toca a batarra (instrumento deseñado por el mesmo), Sara procesa o seu violín a través de múltiples efectos e a batería de Edi leva pratos rotos e tixolas de cociña”. Improvisacións que parten do noise, do hardcore e do post-rock. Acudide. Logo non digades que os Inorantes non vos avisaron.   

Animamos á xente a que visite a vila de Ribadavia o vindeiro 1 de setembro. A entrada é simbólica e solidaria. Por se alguen ten dúbidas de todo o que contamos. Por se alguén non nos cre. Comprobade ao vivo onde está posicionado este colectivo. Para nós bastante preto das prazas coruñesas do Noroeste, da Melona e, tamén, do WOSINC. E que continúen por ese camiño.

Recomendamos:

Big Ok

LaBaq

Esteban & Manuel

Whales

Chalo Correia

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.