Loading
Esteban y Manuel

Ao remate deste verán quedará pouca xente que pisara un festival que non saiba quen son Esteban&Manuel. O dúo tropical de cumbiatune que vén de revolucionar aos indies (e incluso aos máis rockeiros) con eses ritmos pegadizos cheos de versos con autotune. La Banda Sonora de tu Día a Día [La Melona, 2017] é o seu primeiro disco.

A cumbia é unha síntese de melodías indíxenas precolombinas e de ritmos dos africanos que poboaron o Caribe colombiano. Centos de anos despois, os galegos collen eses ritmos e mestúranos coa verbena tradicional das aldeas galegas. Et voilá, aí temos o hit Ela namoroume facendo estragos nas pistas de baile.

O Chicho do Funk (Santiago, 1994) ou Manuel, a metade de Esteban&Manuel, non para. Esteban está aos teclados e el dálle ao de cantar con autotune. “Eu son Chicho para todo o mundo e Manuel é como a miña personalidade cumbia”, aclara.

Leva facendo música como hobby dende os trece anos, cando tiña unha banda coa que só ensaiaba, e xa facía temas. “Toquei co cantautor de Santiago Luis Fercán un tempo, despois estiven coa xente de Galope Mestizo, coñecín a Esteban [tamén coñecido como Sportfresh Casual] e a Cibrán [ou Saibran Yiyi, co que fai dúo en Boyanka Kostova] noutra banda… Creo que nunca estiven máis de seis meses sen tocar”, explica.

O dúo de cumbiatune compostelán Esteban&Manuel.

-Que estilo dirías que fas con Esteban&Manuel? Cumbia para millennials?

-Non, a nosa cumbia é para calquera que a queira abrazar. O que pasa é que existe o compoñente millennial do autotune, pero non foi algo deliberado. Non pensamos en que fariamos cumbia millennial e entón faríamos así, así e así. Non. Eu, que son o que usa esas cousas, canto bastante mal e con iso fágoo mellor. En calquera outra música que faga, eu sempre vou cantar con iso.

-Sempre?

Hoxe por hoxe creo que si. Non polo autotune senón porque me sinto cómodo. Igual na cumbia chama máis a atención porque non o fixo ninguén, pero coas miñas outras bandas tamén o uso e ninguén se sorprende.

-E botas de menos o autotune na túa vida diaria?

-Ás veces facemos a coña de que igual en vinte anos nolo implantamos no pescozo para que se quede para sempre, para non deixar o autotune xamáis. [Risas]

 

Esteban&Manuel, Boyanka Kostova e Bulto son os tres proxectos musicais nos que está inmerso á vez Chicho. A cousa é non saír do local de ensaio e, como di el, estar no coche todo o día dun lado para o outro. Pero sempre aprendendo e probando cousas novas. “Isto non para”, di. Agora ten vinte e tres anos e asegura que o seu obxectivo é chegar a vivir da música, pero recoñece que aínda lle falta moito para iso. 

A nosa cumbia é para calquera que a queira abrazar. O que pasa é que existe o compoñente millennial do autotune, pero non foi algo deliberado”

Na banda con ecos punk e metaleros Bulto están Chicho, Charlie (de Galope Mestizo e Rótula) e Martiño, que é o batería de Disco Las Palmeras. Agora mesmo están máis parados pero no 2017 editaron o cassette Supermercados Buitre. “Como Esteban&Manuel estamos xirando tanto e Disco Las Palmeras tamén, porque sacaron o disco este ano… pois é bastante complicado compaxinalo todo. E bueno, eu tamén toco solo ás veces para aprender cousas. Fago os meus temas e igual os saco nalgún momento, aínda que non me corre présa”, comenta.

Cibrán e Chicho, o dúo de trap en galego Boyanka Kostova.

-Cal é o segredo do éxito do voso cumbiatune?

-Nós pasámolo guai tocando e iso penso que se nota. O que mola do rollo este é que é moi aberto, ten bastantes elementos que tocan á xente de idades moi distintas. Aos que lles interesa a música urbana actual escoitan o autotune e interésalles, a xente á que lle mola o rock ve que tocamos instrumentos e tamén lle mola, aos que lles gusta a jarana e tal como lles da para bailar pois tamén lles mola… Entón o noso público pode ser dende os vinte ata os corenta e moitos.

Que me suden encima, me apreten, me abracen… a min iso é o que me gusta”

Os composteláns fan a música que escoitaban nas festas cando eran uns mozos. “O que escoitabamos nas verbenas é o que nos mola, pero bueno, si que está guai facer unha reinterpretación e tal; aínda que sen ningún tipo de ánimo de nada. A nós fainos gracia e sabémolo facer… tampouco queremos ser nada”, sinala. Pero se revela contra as imposicións e as etiquetas: “Non imos dicir agora que a nova verbena somos nós. Somos dous paisanos de Santiago que facemos uns temas e xa está”.

-Sodes un grupo de festivais ou pensas que a fórmula funciona en salas?

-Para min onde funciona guai é máis en salas que nos festis. No Noroeste ou no Sinsal que son rollos bastante íntimos e cercanos pois si mola, pero tocamos unha vez nun festival moi tocho e foi un pouco máis pesado. Mola moito porque te ve moita xente, pero á primeira persoa tela a case trinta metros de ti. Como somos dous, que ademais estamos estáticos no escenario, así é un pouco máis aburrido de tocar aínda que á xente lle mola moito igual.

-Prefires os concertos pequenos coa xente ben pegadiña?

-Si, si. Así e que me suden encima, me apreten, me abracen… a min iso é o que me gusta. 

 

Conversando con Chicho queda claro que lle ve futuro a isto do cumbiatune, de feito o dúo compostelán xa ten gravado prácticamente todo un disco novo. “Eu supoño que entre finais deste ano e principios do que vén haberá novo material de Esteban&Manuel. Ademais temos unha colaboración estelar cun amigo noso co que coincidimos moitas veces por aí e co que decidimos xuntarnos. O que pasa é que aínda non se pode dicir, aparte mola moito porque el non é para nada do noso circuito. Despois, tamén temos por aí unhas colaboracións con algunha xente que verán a luz antes de que remate o ano… Igual oito ou nove temas de aquí a seis meses xa saen”, avanza.

“Somos amigos de moito tempo e o que nos mola é facer grupos entre nós y tal y cual, afirma Chicho, que con tanto traballo (“se un camarero e un fontanero curran dez horas pois nós, o mesmo”) soamente puido ir a unha verbena das de verdade este verán: “Fun á Festa da Fraga de As Pontes e recoméndolle a todo a mundo que vaia por alí. Aparte fun ver aos nosos amigos de O Sonoro Maxín que tocaban alí”.

Nós con Boyanka Kostova para os traperos somos xente rara e para a xente que non son traperos e tal, pois somos traperos. Entón eu que sei, estamos aí nun limbo que ninguén sabe o que vai pasar”

Ao final, o que lle move é “o pracer de estar xuntos facendo cousas guais”. Boyanka Kostova [que colle o seu nome dunha levantadora de pesas búlgara] é outro síntoma disto. Cibrán, Chicho e a colaboración de Esteban conseguiron co tema Leiraz unha fusión perfecta do rural e dun dos xéneros máis modernos: o trap. Pero, é correcto falar de trap para referirse ao dúo Boyanka Kostova? “A nivel de son ao mellor si. A nivel ideolóxico, temático e así… pois seguramente non. Pero que máis dá? É simplemente para que alguén se poida facer unha idea aproximada do que hai. Ao que lle interese máis xa verá os vídeos e o que pasa realmente”.

 

Transcender os xéneros musicais é algo moi millennial, según Chicho é algo que se fixo sempre. “Nós con Boyanka Kostova para os traperos somos xente rara e para a xente que non son traperos e tal, pois somos traperos. Entón, eu que sei, estamos aí nun limbo que ninguén sabe o que vai pasar”, relata, “temos un disco gravado e cando o soltemos a ver a quen lle gusta”.

“Eu o que quero é que a xente escoite a miña música”, resume. Polo de agora non vai por mal camiño, nos próximos meses terá dous discos novos no mercado e se lle preguntas polas bandas coas que lle gustaría colaborar a lista faise interminable. “Gustaríame moito tocar con Los Mirlos, que son ‘a peña de cumbia’. Todo o mundo que escoitou cumbia escoitou dez temas deles e un doutros. Tocar con esa xente sería unha honra”, asegura.

“En realidade molaríame moito facer temas con todo o mundo. Obviamente con Novedades Carminha e xa falei cos de Carolina Durante para facer unhas cousas. La Plata é un grupazo, Pedro LaDroga é a hostia, Mueveloreina tamén. Con Trifulca, que é un novo grupo que só leva un concerto e vai a rebentalo. E encantaríame facer algo con Malandrómeda”, di, por citar algúns dos nomes que ten na cabeza.

Unha entrevista de Ana González Liste