Loading
FICBUEU

Undécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU). Un evento de referencia para o audiovisual en Galicia que enche de cinema, música en directo e faladoiros esta localidade do Morrazo do 7 ao 15 de setembro. Máis de 2.200 curtas de ata 100 países presentáronse para participar nesta edición, un récord que indica a boa saúde da que goza esta cita co cinema de vangarda.

Un xurado curtido no Festival de Cine de Berlín vai avaliar as obras da sección principal, está formado polo director arxentino Alejo Franzetti, a xornalista neocelandesa Carmen Gray e o crítico Manu Yáñez. Eles serán os encargados de seleccionar as curtas gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos once premios técnicos.

Para escoller as mellores curtametraxes galega e española, o xurado estará conformado pola actriz canguesa Mónica Camaño, o actor vigués Antonio Durán ‘Morris’ e o director Jorge Coira, que nos próximos meses estreará a serie Hierro en Movistar+.

Público na edición do ano pasado do FICBUEU.

Un total de 22 curtas compiten na Sección Internacional do FICBUEU. E os directores, productores e os equipos artísticos destas pezas audiovisuais van estar presentes en Bueu para presentar o seu traballo antes de cada proxección e para manter un coloquio posterior cos asistentes. Do luns 10 ao venres 14 estarán no Centro Social do Mar haberá proxeccións ás 19:45 e ás 22:00. Severiano Casalderrey vai moderar a charla despois do visionado no chamado Punto de Encontro ás 21:15, e haberá traductores para facilitar a participación de todos.

Serán moitos os profesionais de todo o mundo que pasen a semana en Bueu, un bo momento para que tamén poidan ver o cinema que se está a facer en Galicia. O francés François Bierry participa con Vihta, o británico Phil Sheerin con Dependent e a chinesa Qiu Yang con Xiao cheng er yue (Unha noite tranquila), polo que recibiu a Palma de Oro á mellor curtametraxe na última edición do Festival de Cannes.

Tamén estará a directora de Ámsterdam Zara Dwinger, coa súa curta Sirene, sobre a confusión dun adolescente; a cineasta residente en Los Ángeles Aqsa Altaf con One Small Step, sobre unha rapaza que quere ser astronauta pese á realidade do seu arredor; o alemán Jannis Lenz vén competir con Wannabe, a historia dunha nena youtuber; e a sueca Niki Lindroth von Bahr participa coa súa curta Min börda (A carga), un musical de animación feito con stop motion polo que recibiu numerosos recoñecementos. 

 

O mito do matriarcado é falso, afirma o director vigués Álvaro Gago. Este cineasta, o primeiro en gañar o premio do xurado do Festival de Sundance cunha curta rodada en galego, ten claro que o patriarcado debe escoitar ás mulleres para que poidamos avanzar como sociedade. E disto fala en Matria, que participa na Sección Galicia R do festival.

As curtas Aysha, de Fon Cortizo, e Plus Ultra, de Helena Girón, tamén toman parte nesta sección. O sábado, día 8, poderán verse as curtas desta categoría ás 20:00, no Auditorio do Centro Social do Mar; e ás 21:30, no Punto de Encontro, os cineastas manterán un coloquio cos asistentes.

Na Competición Nacional haberá unha escolma de traballos feitos en España, ou por directores españois, no último ano. Todas estas curtas compiten polo Premio Fundación Novas á Mellor Curtametraxe Española e tamén poderán levarse o Premio do Público.

Nesta categoría vanse proxectar traballos como Madre, de Rodrigo Sorogoyen, unha curta que rodou coa súa parella, a actriz Marta Nieto, como protagonista e que lles inspirou tanto que a están a converter nun largo. La Inútil, de Belén Fuentes, e Los Desheredados, de Laura Ferrés, unha curta que retrata ao pai da directora, son outras das pezas desta categoría. 

Madre, de Sorogoyen, unha curta que o director converterá en longametraxe.

Volven Carne Cruda, Rodrigo Cortés e Carlos Blanco

O programa de radio Carne Cruda, conducido polo xornalista Javier Gallego “Crudo”, comezará a súa décima tempada o domingo, día 9, dende Bueu. Será ás 18:00 no Centro Social do Mar. O ano pasado xa estiveron no festival e esta vez repiten cun especial sobre o cinema con entrevistas a participantes no FICBUEU e a actuación en directo dos galegos Triángulo de Amor Bizarro. As entradas para asistir ao programa, que se emitirá en directo online, custan 5€ e xa están á venda na web do festival.

O cineasta ourensán Rodrigo Cortés, o escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos compartirán experiencias no espectáculo ao vivo De Galicia a Hollywood: salto ou esforzado arrastrarse?. Unha conversa cargada de humor na que analizarán o percorrido que acostuman a facer os cineastas dende as curtas ata a as longametraxes.

Juan Gómez-Jurado, Arturo González-Campos e Rodrigo Cortés.

Os ilustradores Luis Davila e Marc Taeger protagonizan a inciativa Debuxando coa luz e estarán creando xuntos ao son do jazz de Fuzzo, a formación de Virxilio da Silva, Xan Campos e Chus Pazos. Mestura de luz e cor o sábado 8 a partir das 23:00, unha proposta experimental na que o público poderá ver en tempo real o que vaian debuxando os dous artistas.

O FICBUEU vai acoller un dos poucos monólogos en solitario de Carlos Blanco este ano. Un 2018 ben completo para o actor de Vilagarcía, o bombazo da serie Fariña e a súa soberbia interpretación do narco Laureano Oubiña déronlle moitas alegrías, estivo de xira por Galicia con Luis Davila e percorreuse os teatros con Xosé Touriñán e o seu espectáculo Somos criminais. O domingo 9, ás 22:00, vaise reecontrar co público de Bueu para facer humor como só el sabe facer.

Premios de Honor

Os profesionais galardoados cos Premios de Honor este ano son aactriz Mabel Rivera e os realizadores Rodrigo Cortés e Juho Kousmanen. No FICBUEU queren que o público chegue a coñecer mellor aos premiados, por iso non fai unha simple entrega de distincións.

Mabel Rivera manterá un encontro aberto ás preguntas dos asistentes o día 9, ás 12:30 no Centro Social do Mar. A organización do festival explica que a conversa, tras a que a homenaxeada recollerá o Premio Cinema Galego 2018, completarase coa proxección de dúas curtametraxes protagonizadas por ela: Dantzariak (Bailaríns) e Ato San Nen (Despois). O audiovisual galego non se podería entender sen esta actriz ferrolá, así que os Inorantes celebramos esta homenaxe.

 

Rodrigo Cortés e o cineasta finlandés Juho Kousmanen son os outros dous premiados. O primeiro repasará a súa carreira nun coloquio a tres bandas e o segundo será entrevistado no programa radiofónico Carne Cruda. Este director, guionista e actor obtivo cinco nomeamentos da Academia Finesa de Cine polo seu filme de graduación, The Painting Sellers. Con The Happiest Day in the Life of Olli Mäki conseguiu o Un Certain Regard do Festival de Cannes e o premio ao Descubrimento Europeo do Ano da Academia Europea, entre outros.

Concertos

Xoel López levará a Bueu os temas do seu último disco, Sueños y pan, en formato trío acústico. Unha boa oportunidade para ver ao coruñés case na intimidade, pois só 200 personas poderán acceder ao seu concerto o venres 7, ás 22:30, no auditorio do Centro Social do Mar. Podedes mercar a vosa entrada online e recollela na taquilla.

 

O sábado 7 o festival conta co directo do cuarteto musical De Vacas. Será ás 13:00 nos exteriores do Centro Social do Mar. Estas artistas, cunha guitarrista e tres vocalistas, versionan temazos coñecidos polo gran público co seu particular estilo. Ademais, as gañadoras do Premio Martín Códax da Música, interpretarán o seu novo repertorio.

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.