Loading

Boimorto é un pequeno concello da comarca de Arzúa, de menos de 2.400 habitantes, que continúa a perder poboación por mor da emigración. O mal do rural, seica. Algo que ningunha das autoridades competentes parece saber curar. Como paliativo temporal o Festival da Luz, ainda que non logra invertir esta tendencia (por suposto, tampouco é esa a súa función), si é capaz de multiplicar por dez a poboación desta localidade da Coruña interior durante tres días. Faino cun cartel que congrega, entre o 7 e o 9 de setembro, a unhas corenta bandas se sumamos os artistas galegos, nacionais e internacionais. 

Mordem, a voz ingrávida do R&B galego

A escolma é ampla e variada. Máis se temos en conta o reducido prezo das súas entradas de día e dos seus abonos. Ademáis, desde o evento afirman que “este ano a recadación de taquilla destinarase á loita contra os lumes e á construción e equipamento de salas de rehabilitación na residencia de centro de día para persoas maiores do concello de Boimorto“. Loable iniciativa que busca deixar os beneficios recadados nesa vila. Sen máis, imos co que nós consideramos o máis interesante deste ano.

Venres

Non pode ter mellor xeito de comezar o festival: os dous grandes momentos da música pop (engadide aquí o matiz que queirades) feita na nosa comunidade danse a man. Representando á célebre Movida Viguesa están Os resentidos, conxunto pioneiro á hora de integrar o rural e o urbán que conta con algún dos himnos máis destacados non só en Galicia senón no ámbito estatal. Difícil comprender todo o sentido das súas letras sen saber o que é a retranca. Souberon ver o multicultural ao mesmo tempo, e desde diferente óptica, que outros grandes como Kiko Veneno ou Pata Negra.

Da recente nova escena galega temos dobre representación feminina. Por un lado están Agoraphobia, quinteto de garage-rock e grunge que seguen a amosar, concerto a concerto, que aínda non tocaron teito a pesar de rozar a excelencia. Doutra banda temos a Mordem, novo proxecto de Elba Fernández que recolle a herdanza, moi ben traída, do trip-hop e o R&B máis escuro. Todo elo envolto na ingravidez ambiental da súa voz.   

Elliott Murphy, pai do fantástico Aquashow.

Sábado

Tal vez o feito de ser máis coñecido polas súas colaboracións con artistas da talla de Bruce Springsteen, Mick Taylor ou Phil Collins ensombrece un pouco a carreira de Elliott Murphy. Pero que ninguén se equivoque, o cantautor de Milwaukee é responsable de álbumes tan magníficos como Aquashow, que mestura as influencias de Dylan e Lou Reed. Vén acompañando do guitarrista francés Olivier Durand. Ambos están a presentar o disco Notes from the underground.

O antigo líder de Los Enemigos, Josele Santiago, é outro dos artistas destacados do día. Continúa a presentar o seu quinto traballo en solitario, Transilvania. Fantástico disco que mantén as constantes do madrileño: existencialismo no cotiá, relixión e apocalipse. Desde Madrid tamén chegan Sex Museum. Trátase dun enérxico conxunto de hard-rock, psicodelia e garage que vai ofrecer en Boimorto o mellor que ten: o seu impresionante show en directo.

Se falamos de bos concertos, non nos podemos olvidar da Vargas Blues Band. Un grupo capitaneado por Javier Vargas, que se rodea dalgúns dos mellores músicos de blues do panorama estatal. Este día tamén actuarán o ex Heredeiros da Crús Javi Maneiro, o cuarteto de dixie, jazz, swing e blues The Dawlins e a banda de hard-rock viguesa Los Motores.

Domingo

Da tradición blues e rock do día anterior saltamos ao hip-hop da man do zaragozano Kase.O. O compoñente máis popular de Violadores del Verso destaca pola versatilidade da súa métrica e, tamén, pola capacidade para xogar co ritmo. O seu rap-hardcore contén versos cargados de compromiso político. Con El Círculo, o seu último traballo, acadou o seu maior éxito de público.

O pop electrónico con achegas ás músicas non occidentalizadas que caracteriza a Brisa Fenoy, pon un punto de modernidade no cartel. Pouco a pouco, a artista de Algeciras, trata de atopar o seu espazo alén das modas televisivas e das pasarelas. Os seus temas son eclécticos e pegadizos.

Sr. Chinarro, artesanía pop.

As orixes do indie neste país tamén estarán moi ben representadas este día. A cantautora Christina Rosenvinge é un bo exemplo. Deu os seus primeiros pasos musicais no marco da movida madrileña, nun momento onde escaseaba a muller artista. Agora xa é toda unha referencia á que citar. Continúa a presentar Un hombre rubio, no que se pon na pel de distintas figuras masculinas.

Sr. Chinarro é outra desas bandas que sempre hai que ter en conta se falamos das orixes do indie español. Este grupo é, en realidade, o proxecto persoal de Antonio Luque, único membro permanente da formación. Conta con 20 anos de carreira ás costas e temas como Esplendor en la hierba, El rayo verde, Quiromántico ou Del Montón que xa son historia do pop estatal. 

En definitiva, este é o noso itinerario polo Festival da Luz. Pero os Inorantes, tal e como o nome indica, non somos portadores de verdades absolutas. Tedes moito onde escoller e a vosa escolma pode ser diferente e mellor que a nosa. En calquera caso, o evento ofrece moito e moi variado: blues, pop, hip-hop ou folk. Na programación hai bandas consolidadas e outras tantas a descubrir que tamén pagan a pena. Ademáis está o seu prezo reducido. E, ainda por riba, a recadación vai ser entregada para unha causa solidaria. 

Recomendamos:

Agoraphobia

Mordem

Elliott Murphy

Josele Santiago

Christina Rosenvinge

Sr. Chinarro

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.