Loading

WOS Festival, de Santiago

Unha das artistas do cartel do WOS Festival, na súa edición do ano 2016, comentou desde o escenario o seguinte: “encántanos estar aquí, porque este é un festival ao que lle importa a música”. Logo dunha breve pausa rematou: “ademais, de verdade”. A que se refería con esa declaración? Ao resto dos festivais non lles interesa a música? Por suposto que si, pero é igualmente certo que ningún evento asume riscos tan grandes en Galicia pola defensa da súa programación, musical e doutra índole, como este encontro compostelán. O público é unha comunión de vellos melómanos e recén chegados á música con ansia de descubrir. Con gañas de que a arqueoloxía desenterre aos clásicos e, tamén, de que flúa a savia nova nunha impredecible encrucillada artística. Este ano convócanos entre o 12 e o 16 de setembro. Sen azúcar, e en rigoroso branco e negro.

Agora que comeza a ser habitual espallar a influencia dos festivais nas cidades, con múltiples espazos implicados nas súas actividades, é xusto dicir que o WOS Festival foi pioneiro nisto. Polo menos, na nosa comunidade. E segue a ser o que mellor partido lle saca: proxeccións no NUMAX, conferencias e accións artísticas no CGAC, no Teatro Principal, no Salón Teatro e na Cidade da Cultura e, por suposto, música na Fundación Granell, na sala Malatesta, na Igrexa da Universidade, na Fundación SGAE e na sala Capitol. Tamén elevaron o concepto interdisciplinar destes eventos a unha nova cota: ademais de música, temos cinema, coloquios e performance. Se repasamos esta “incubadora de ideas” desde as súas orixes, constatamos que cada ano é máis extrema. Como mínimo, ou así o interpretamos nós, tratan de ampliar o concepto de música (de arte en xeral, se se quere) de vangarda.

Este ano, entre outras cousas, a electrónica virá acompañada da tradición exipcia, o ambient bulirá pola cordilleira balcánica e escoitaremos imposibles aliaxes do hip-hop co jazz, o noise e o dubstep. Atrevédevos a coñecer. Todo comeza o  mércores, con jazz contemporáneo, da man de Sumrrá e a videojockey Laura Iturralde. O último traballo deste trío experimental homenaxea a seis icónicas mulleres coas que renden tributo á loita feminista. Laura Iturralde ocuparase da videocreación ao vivo. Este espectáculo está planificado especificamente para o WOS.

Sonic Boom
Peter Kember, anti-heroe do pop moderno

Xoves

Se hai unha concesión á historia máis ou menos oficial do pop nesta edición do festival, esa é Spectrum. Historia viva, cómpre dicir. Esta é unha das formacións lideradas por Peter Kember, tamén coñecido como Sonic Boom, e que, xunto a Jason Pierce, formou a influínte banda de space-rock Spacemen 3. O son de Spectrum é persoal na produción e variable no estilo. Pódense detectar reminiscencias da súa antiga banda, aproximacións evidentes ao garage-rock dos anos sesenta e, tamén, investigacións con drones. Ten colaborado con bandas tan relevantes na actualidade como Silver Apples, grupo pioneiro da psicodelia electrónica. Antes da súa actuación, na Cidade da Cultura celebrarase un encontro con Kember. Os seus múltiples proxectos, as súas indagacións sonoras e o seu particular interese pola música subterránea fan desta charla un acontecemento tan necesario como o propio concerto. O seu directo dará paso á electrónica industrial, densa e opresiva do francés Territoire. O xoves finalizará con Rrucculla, o proxecto da baterista vasca que mestura electrónica, hip-hop e jazz coa mesma delicadeza que Four Tet.   

Venres

A figura máis destacada ou, polo menos, máis mediática do día é a estadounidense Laurel Halo. É responsable dun dos mellores álbumes de debut da presente década: o imprescindible Quarantine, que foi escollido álbum do ano 2012 pola prestixiosa revista británica Wire. Cun apelido artístico procedente dunha saga de videoxogos, a música de Halo trata de eliminar as barreiras entre a cultura clásica e a cultura pop.  A súa formación musical é académica. Aos seis anos de idade aprendeu a tocar o piano. Este feito permítelle construír estruturas que veñen tanto da clásica contemporánea e do jazz como dos clubes de Detroit, Berlín e Londres. Xefa mestra no emprego de baixos, nas constantes mutacións rítmicas e na particular idea da psicodelia electrónica. 

Laurel Halo
Laurel Halo, esculpindo a electrónica

Desde os balcáns chega Abul Mogard, compositor serbio de drone ambient que actúa por primeira vez en España. O seu contacto coa música é verdadeiramente xenuino: traballou nunha fábrica de aceiro a maior parte da súa vida e, logo da súa xubilación, comezou a facer música e construír os seus propios instrumentos. Trata de emular os sons de aquela industria. Vén acompañado polos visuais da artista brasileira afincada en Londres Marja de Sanctis.

Mirando polo retrovisor ao krautrock e a precursores da electrónica como Kraftwerk, os dusseldorfienses Kreidler son, segundo a organización do festival, “un colectivo que fluctúa entre as diferentes disciplinas artísticas”. A súa música é resposta á urxencia política que demanda a situación actual. Pero se de comportamentos interdisciplinares estamos a falar, ninguén se debe perder o show performativo e improvisado das xaponesas Group A. Os que non puideron velas na pasada edición do Festival Noroeste teñen unha nova oportunidade. As súas actuacións son epatantes e definidas desde o propio WOS como algo “fóra do común”: lectura de poesía, noise intenso, pintura ou o que xurda no momento.

Sábado

O día grande do festival é o día do hip-hop. Sentimos que, a pesar do encanto que ten a terraza da Fundación Granell, o espazo non é o ideal para unha das grandes figuras desta edición: Oddisee. O músico de Washington fala, nas súas rimas, de cuestións persoais e de temas políticos. A súa música, doutra banda, recibe influencias moi diversas que van do soul ao gospel, pasando polo jazz. Os seus arreglos semellan, en ocasións, achegas ao Dj Shadow de Endtroducing….. Traballador stajanovista, chegou a publicar máis de dous traballos ao ano, e de estilos moi diversos: desde experimentos instrumentais ata improvisacións líricas. 

O hip-hop continúa con The Bug. A figura que anda detrás dese nome é o británico Kevin Martin, que tanto pode xogar co heavy dub como destrozar intencionadamente o dancehall. Recentemente, o dubstep e un shoegaze lixoso danse cita nos seus traballos. A súa lista de colaboracións é das máis envexables do panorama musical actual. Entre outros artistas, intercambiou ideas con Kevin Shields, Death Grips, EL-P, John Zorn ou Nine Inch Nails. A Compostela vén acompañado da israelí Miss Red, impactante MC que se convertiu, recentemente, en parte fundamental dos directos incendiarios de The Bug. 

Oddisee, hip-hop heterodoxo e compromiso político

Abandonamos a música urbana e vemos como o festival tende unha nova ponte. Nesta ocasión co próximo oriente. A programación deste ano conta coa exipcia Nadah El Shazly, recente descubrimento para os inorantes que nos ten impresionados. Desde a organización din que “pertence a unha nova xeración de músicos que está a renovar o ideario músical árabe”. Un vínculo a celebrar entre a tradición, o jazz e a música electrónica. 

Para aqueles aos que lles aguante o corpo, o día non pode rematar de mellor xeito: no WOS Clubbing Skee Mask vai ofrecer unha sesión de dj. A calidade dos seus traballos de estudio podería facer lamentar que non veña en formato ao vivo, pero as boas referencias sobre o músico na mesa de mezclas non fan presaxiar, en absoluto, un espectáculo menor. O alemán Bryan Müller, de tan só 25 anos, é o neno terrible da nova música electrónica. Así o confirma o magnífico Compro, un disco que é un perfecto tratado de techno ambiental e break.

The Bug
The Bug e Miss Red, incendio na gran cidade

Performance

Por primeira vez en Galicia e en España presentaranse dous espectáculos performativos. Un deles é Continuum, desenvolvido polos artistas de a cabalo entre Sri Lanka, Holanda e Arabia Saudí Paul Jebanasam e Tarik Barri. Hai dous anos a xente saiu fascinada do espectáculo de Roly Porter. A experiencia audiovisual proposta nesta ocasión disque mantén ese altísimo nivel. Moi recomendable para aqueles escépticos que só ven mediocridade na creación contemporánea. En segundo lugar temos ao artista sonoro xaponés Asuna Arashi. A súa acción, titulada 100 keyboards, “explora os efectos físicos e psicolóxicos inducidos polas diferentes profundidades de son que forman parte da xeografía dun espazo”, segundo a organización.

Resúltanos imposible, por múltiples razóns, falar de todos os eventos que inclúe o programa do WOS Festival. Isto é algo que lamentamos profundamente. O cariño que mostra este festival pola busca da novidade, por captar a un público que pide cousas diferentes, por resituar a artistas que merecen unha alta consideración, por fuxir da anglofilia cultural e por mil cousas máis, pide a berros unha responsabilidade extrema á hora de escribir. Para nós é imprescindible esta aposta pola música, pola arte e pola cultura non edulcorada. Extrema, cruda e arriscada. Que continúe por ese camiño. O outro aburre.

Recomendamos:

Laurel Halo

Spectrum

The Bug

Oddisee

Skee Mask

Group A

Nadah El Shazly

Abul Mogard

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.