Loading
Caudal Fest

Nace un novo festival en Lugo. O Caudal Fest comeza este venres e sábado a súa andaina cun cartel ambicioso. Cabería preguntarse se era necesario un festival como este (un máis da longa lista de festivais como este), e máis aínda coincidindo cun evento ben consolidado na capital lucense como o FestiBlas.

A cuestión dá para unha longa reflexión que non é o obxectivo deste artigo, pero apuntemos unicamente que a burbulla dos festivais parécenos demasiado obvia, case insoportable. Todos sabemos o que pasa coas burbullas: que acaban explotando. O noso temor é que iso vaia prexudicar ás bandas, especialmente ás emerxentes, que agora fan boa parte do seu percorrido anual nestas citas.

Pero falemos do que viñemos falar: o Caudal Fest. Serán dous días de festival no Xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo: o venres 22 de setembro (a partir das 18:30), con entrada de balde; e o sábado 23 (ás 15:00), o día grande, con entrada a 35 euros máis gastos. Empecemos polo final e falemos do sábado.

Vetusta Morla
Vetusta Morla é a proposta máis atraínte do Caudal Fest.

Sábado (35 euros)

Vetusta Morla é quizais (con permiso de Iván Ferreiro) a aposta máis grande do cartel que nos regala o Caudal. O grupo de Tres Cantos está instalado no seu cénit de popularidade, grazas ao seu disco máis recente, Mismo sitio, distinto lugar, que moi probablemente sexa o mellor da súa carreira, con temas tan redondos coma 23 de junio, Consejo de Sabios ou La vieja escuela. 

Veñen de reunir este verán a un auditorio de 38.000 persoas na explanada da Caixa Máxica en Madrid. Todo un fito para a música indie española (que en realidade de indie xa só ten o nome). O seu directo é excelente e son unha aposta segura, aínda que é certo que (é o que teñen as burbullas) puidemos velos dúas veces en Galicia en poucos meses: no Coliseum de A Coruña e no Cultura Quente (Non hai que ser un xenio para adiviñar por que de todos os festivais galegos os madrileños acoderon a eses dous. Unha pista: comparen a súa axencia de representación e quen organiza ambos festivais).

Mais se tivesemos que escoller, diríamos que temos máis ganas de ver a Iván Ferreiro que a Vetusta. O artista vigués subirá ao escenario un día despois de editar disco. Cena recalentada, o esperado álbum de versións de Golpes Bajos verá a luz esta semana, pero o propio Ferreiro confirmou a Inorantes que non tocará temas dese novo traballo para o que está a preparar unha xira especial. Tiñamos a ilusión de poder escoitar esas versións en directo por primeira vez, pero haberá que seguir esperando.

Iván Ferreiro
No mires a los ojos de la gente é o primeiro single do novo álbum de Iván Ferreiro.

Mala Rodríguez exercerá de terceira cabeza de cartel. Tamén a puidemos ver hai pouco na Praza da Quintana, nas festas do Apóstolo en Santiago, nun concerto que foi de máis a menos e que rematou dun xeito un tanto abrupto deixando sorpresa e un sabor agridoce no auditorio. A rapeira gaditana, que supuxo un sopro de aire fresco ao panorama musical estatal hai xa quince-vinte anos, meteuse recentemente nunha polémica estéril (e algo absurda) sobre o apropiacionismo cultural con Rosalía. A polémica deixounos unha sensación semellante á do final do concerto da Quintana. Unha dolorosa sensación de declive.

A aposta do Caudal Fest polas bandas galegas, en liñas xerais, vai ao seguro. Triángulo de Amor Bizarro e Novedades Carminha dan boa fe do que estamos a dicir. A banda liderada por Isabel Cea chega directa do Festival do Leite e segue a presentar El Gatopardo, un EP moi a ter en conta, con só catro temas, letras brillantes, compromiso político e boa música pop. Novedades Carminha non se ten prodigado tanto este verán, pasaron dous anos dos seu traballo de estudo máis próximo, Campeones del mundo, pero son sempre unha banda interesante (representada tamén polos organizadores do festival).

Berta Franklin
Os lucenses Berta Franklin, unha das apostas locais do Caudal Fest.

Completan o menú do sábado, o de pago, os lucenses David Prado e Berta Franklin (esta é unha recomendación particular dos Inorantes, gústanos a súa mestura de psicodelia, rock fronteirizo e soul); unha das nosas mellors djs, a sadense Eme DJ; e o acústico de DePedro.

Venres (De balde)

Non vos imos enganar, os concertos de balde son, en termos xerais, bastante menos suxerentes que os do sábado. A principal aposta do festival para ese día é Rulo y la Contrabanda, o proxecto nado da escisión de La Fuga. A realidade é que a nós nunca nos convenceu a súa música, nin cando eran La Fuga, nin agora.

Máis interesantes son os murcianos Viva Suecia, que continúan xirando co seu segundo LP, Otros Principios Fundamentales, traballo no que se achegan o indie e o slowcore. O cartel do venres complétase cos pontevedreses Igloo, o ferrolán Andrés Suárez en acústico, e o cantautor catalán Joe Crepúsculo.

  Recomendamos:

Iván Ferreiro

Vetusta Morla

Mala Rodríguez

Triángulo de Amor Bizarro

Novedades Carminha

Viva Suecia

*Se queredes saber máis información sobre o festival ou os seus horarios, podedes premer aquí