Loading
Miguel Noguera

Miguel Noguera (As Palmas de Gran Canaria, 1979) é consciente de que se lle vende como “bicho raro”. E é que a súa obra, totalmente sui géneris, é, como el a define, “un artefacto que caeu en gracia”. Humorista, debuxante, escritor e cantante, afirma que “en ningún de eses oficios”“a talla” e reduce a súa actividade á arte de “anotar, debuxar e falar” de cousas. O próximo mércores 26 estará co seu Ultrashow en Ferrol, dentro do festival Fóra do mapa

A “forza” do que fai Noguera, explica el mesmo en conversa con Inorantes, reside “na insistencia e na repetición”, moitas veces dunha forma obsesiva. De aí que, polo menos de primeiras, descarte un xiro a súa traxectoria, que nin tan sequera ve como carreira, senón como algo que “dá sentido” a súa existencia.

Estudante de Belas Artes, este catalán de adopción (reside en Barcelona) recoñécese coma un “moderno no peor sentido da palabra”, e iso que é amante do canto gregoriano, o cal adoita introducir nos seus espectáculos. Estes, os Ultrashows, manteñen sempre a mesma estrutura: comeza con canto, segue con unha intro a base de imaxes, continúa con unha parte máis oral, prosegue con máis imaxes e termina cun apartado orientado ao texto.

 

“A forza é nadar sempre no mesmo caldo. Amosar que non se esgota”, reflexiona, antes de recoñecerse na “inmadurez”, no “cinismo” e no “livián”. O contacto do público cos seus contidos, que varían máis ou menos cada cinco meses, é, segundo admite, “moi infantil”. “Non se pode afondar neles”, subliña. E vai máis aló: “O meu é postmodernismo da peor calaña”.

“O meu é postmodernismo da peor calaña”

A súa obcecación ten algúns elementos, ou “formas”, en palabras súas, especialmente recurrentes, coma os curas ou Cristo, no relativo á relixión. “Tampouco é que estea interesado en investigalos, simplemente son aspectos formais que me atraen e utilízoos”, expón. De feito, Noguera, ateo, non entende “en que se cre cando se cre” dende a fe. Outros personaxes moi presentes nas súas historias son os vellos, a xente “revellida”. “Outros arquetipos non me atraen”, explica. 

Un dos debuxos de Miguel Noguera.

Estes días, Miguel Noguera viviu a polémica do verán, a dos lazos en Cataluña, dende unha marcada distancia, pese ao conceptual do asunto, que podería dar pé a diferentes bromas sobre o escenario. “Enténdese o que buscan uns, os que os poñen, e o que buscan os outros, que os quitan. Penso que está moi claro”, sinala. El, pola súa parte, asegura non pertencer “a ningún deses vectores”. 

Sobre outro dos debates dos últimos días, o cambio de hora, adhírese ao que indique a “razón física”, se é que a hai. Mentres tanto, “egoistamente”, aposta polo horario que permita que se faga de noite máis tarde, xa que el non madruga. 

 

E en canto a pregunta inevitable, os límites do humor, e no contexto no que Rober Bodegas foi obxecto da ira do colectivo xitano despois dun monólogo, filosofa: “Por si mesmos, os límites do humor non existen. Neles mesmos non están”, para acabar aseverando que “cada un é responsable do que fai”. Pero “a cuestión penal”, sóbralle.

Isto é, rexeita a actitude do que, sen máis, amenaza con “demandas”. “Se por unha cuestión humorística, un individuo sofre ata o punto de que resulta seriamente damnificado, por calumnias ou insultos, ata o punto de ser destruido, entendo a actividade legal”, sostén. Agora ben, ve distinto o caso no que “colectivos e tal” se sinten ofendidos. “Cada un deféndese”, opina. 

Con todo, e con este posicionamento en contra do “castigo exemplarizante”, asume que el non pode “erixirse en defensor” deste tipo de cuestións. “Son un home blanco que non tivo que sufrir en absoluto nada e non podería…”, destaca, tras recordar que nunca foi “un humorista coñecido polo seu compromiso, máis ben polo cinismo e a negrura”.

Agora, Noguera está a traballar xa nun novo libro, e tamén unha vez á semana colga o seu podcast Infrashow.