Loading
Iván Ferreiro

I ván Ferreiro pecha o círculo no persoal e no profesional con Cena Recalentada. Este disco, como el asegura, é “unha sorte, un luxo e un privilexio”. Non son versións dos temas de Golpes Bajos. O que el quería realmente era poder cantar esas cancións, o resto foi encaixando a medida que pasou o tempo. E o resultado son os dezanove temas que gravou o mítico grupo da Movida –“eviteime ter que seleccionar gravando todo”, di o de Nigrán– con pinceladas novas pero a mesma intensidade.

“Este disco chega dun xeito natural. Preparamos un show de Golpes para o PortAmérica hai catro anos e foi xa un traballo moi grande porque había que programar unha boa cantidade de cousas. Realmente metémonos moito traballo para aquel concerto e despois puxémonos a outras cousas e cheguei a esquecerme do tema”, lembra Ferreiro.

Golpes bajos meteron en min unha semente, un xeito de comprender o mundo, que creo que levei comigo todo este tempo sen darme conta”

Hai uns meses aquel traballo realizado para o PortAmérica regresou á vida de Iván: “Hai cousa dun ano din coas miñas pistas de Golpes na miña sesión do estudo de gravación e falei con Pablo [Novoa] e díxenlle que creía que era o momento de facelo. Andabamos máis tranquilos porque estabamos coa xira. Parecíame que era bo momento porque nos permitía facer o disco con calma, sen que fora estresante; máis ben ao revés, iamos poder disfrutalo”. 

Golpes Bajos é o grupo que marcou a un Iván Ferreiro que aínda non tiña aspiracións musicais. “Meteron en min unha semente cun xeito de entender as cancións e de comprender o mundo que creo que levei comigo sen darme conta todo este tempo”, sinala.

Iván Ferreiro
Dende sempre Iván foi un grande admirador de Germán Coppini.

O disco ten que ver cun círculo persoal meu. Realmente, cando o penso a un nivel persoal, máis alá do ámbito do traballo, creo que é unha sorte ter a oportunidade de poder gravar un disco así e que unha compañía o vaia editar. Poder traballar con Pablo [Novoa], con Teo [Cardalda], con Luis [García]… iso é pechar un círculo no persoal. Igual ao final si que son músico…”

Depois de case trinta anos na música, semella extraño que o propio Iván dubide se é músico. Si, non sei se a palabra músico é moi gorda pero a verdade é que me dedico á música así que si, vale, son músico. Pon aí que son músico” [risas].

De feito, como queda reflectido no libro Iván Ferreiro. 30 canciones para el tiempo y la distancia, da xornalista Arancha Moreno, el non quería ser cantante, quería ser teclista como Teo Cardalda en Golpes: “Estiven a buscar un cantante para Piratas durante moito tempo pero non encontramos ningún. E a verdade é que o resto non quería buscar máis. Pero ser cantante non entraba nos meus plans dende un principio. Gustábame cantar, pero pensaba que eu era o tipo que tiña que estar detrás, facendo os coros. E agora son cantante, mira ti como é a vida”

 

Moitos poden sentir que Ferreiro lles fala directamente a eles mentres escoitan as súas cancións. A el, iso pásalle cando escoita a Germán Coppini. Comparten un xeito de afrontar os temas, ese contar sen contar o que lles pasa… Un punto no que o do Val Miñor está de acordo, pois co paso dos anos decatouse da influencia que ese grupo exerceu sobre el, mais sempre dunha forma natural.

“Teñen moito que ver comigo e con como fixen as cousas. Facendo o disco si me decatei do que eu chamo o dramatismo coppiniano. Supoño que eu estou bastante aí nese rollo, nesa maneira tráxica de ver a vida. Aínda que eu son máis optimista que Golpes Bajos. Incluso o meu tema de máis bajona é máis optimista. Pero eu aprendín todo deles”, asegura.

Facendo o disco decateime do que eu chamo o dramatismo coppiniano. Supoño que eu estou bastante nese rollo, nesa maneira tráxica de ver a vida”.

“Aprendín que na dor e na soidade tamén hai beleza. Golpes tiña algo que eu sentía como moi vigués cando era un chaval. Tiña a sensación de que os seus textos se escribían dende as mesmas rúas nas que eu vivía. E á hora de facer o meu traballo, eu sempre intentei facer as cancións dende onde vivo, onde estou; e creo que hai algo de Galiza todo o rato niso”, engade.

Iván Ferreiro
Ferreiro está a atravesar unha etapa moi produtiva a nivel musical.

Ferreiro asevera que con este grupo aprendeu a non ter medo de falar das emocións e os sentimentos. “Coppini era un valente”, afirma, non tiña medo a mostrarse fráxil e atemorizado fronte ao mundo”. Chegou a coñecelo en persoa: “Ola, que tal, como estás e pouco máis”. Pero puido dicirlle que o admiraba moito, iso si. Todo o contrario sucedeulle con Pablo Novoa, co que leva máis de dez anos colaborando e que foi o seu aliado dende os inicios deste Cena Recalentada, cando aínda nin sabían que poderían gravar un LP. 

“De Golpes Bajos aprendín que na dor e na soidade tamén hai beleza”

Cando escoitas este disco homenaxe non tes que mirar os créditos para saber que a man de Pablo Novoa está aí. Hai guitarras que soamente podía tocar el, e Iván vai máis alá cando di que “hai cousas que só Pablo Novoa pode tocar na vida”“Aparte do seu valor musical, que é infinito, creo que é moi importante para min a súa figura a nivel persoal. Ademais, penso que a música vai da man do mundo persoal, non son quen de separalos. E Pablo é imprescindible na miña vida e vaino ser sempre”, asevera. 

Portada do LP Cena Recalentada.

“O que máis ilusión me faría sería que haxa xente que descubra a Golpes a través deste disco. Que a xente que non os coñece se achegue a eles, que compren o meu disco para darse conta de que é unha merda e que teñen que escoitar os discos orixinais deles. Ese sería o éxito absoluto deste proxecto”, di Iván.

Cena Recalentada é unha reinterpretación dos temas do grupo vigués polo Iván de agora, con moito respecto polos orixinais. “Ás veces fago versións e destrózoas un chisco. Cámbiolles o tono, a velocidade e incluso a harmonía. Pero parecíame que isto non era unha homenaxe ás cancións de Golpes, senón ao grupo en si mesmo. E creo que de Golpes, aparte de que as cancións eran marabillosas, o xeito no que eles as tocaban… a velocidade que tiñan, a forza, o impulso… quería tener iso aí”, sinala.

Que a xente compre o meu disco para darse conta de que é unha merda e que teñen que esocitar os discos orixinais de Golpes”.

“Ao final, o que fixen foi voar un pouco por enriba das cancións e meter as miñas propias obsesións nesas pistas. Era moi importante que mantiveran esa rabia e esa intensidade”, salienta.

Na gravación contou con Teo Cardalda (que toca a guitarra nun tema) e Luis García, o baixista de Golpes Bajos, que levaba máis de vinte anos retirado da música. Ferreiro di que lle parecía “importante” que tocara el o baixo, e pensa incorporalo á banda coa que interprete en directo este disco. “Contar con Teo e Luis é un luxo extremo”, confesa. Hai unhas semanas puido ensinarlle o resultado a Cardalda e o conta así: “Foi un momentazo incrible. Sentar no meu sofá con Teo e ir poñéndolle o disco en orde. A verdade é que foi unha experiencia fermosa e penso que a el lle gustou moito”

Iván Ferreiro
Iván comezará en febreiro a xira de Cena Recalentada.

Golpes Bajos está vencellado á adolescencia de Iván e probou a que o seu fillo de dezaseis anos os escoitara. “Lonxe de mirarme como cando lle poño algo de señor maior (que é o que el sente coas miñas cancións), de pronto estaba escoitando Fiesta de los Maniquíes e estaba alucinando e movendo a cabeza”, celebra. A verdade é que o que din as súas cancións segue estando moi ao día. “A ver se conseguimos que máis xente os coñeza”, apunta Ferreiro.

O músico está bastante sorprendido coa acollida deste novo disco porque, confesa, pensaba que isto non lle ía interesar a ninguén. “Fíxeno como un capricho. Pero o certo é que xa levo dúas semanas en Madrid facendo promo, así que a cousa vai bastante ben. Vexo bastante expectación e á xente con ganas de escoitalo. Estou moi contento porque pensei que só mo ían poñer no Spotify”, ironiza

Iván Ferreiro toca o sábado, 22 de setembro, no Caudal Fest en Lugo. A xira de Cena Recalentada comezará en febreiro ou marzo do ano que vén e promete que terá moita presencia en Galiza.

Unha entrevista de Ana González Liste