Loading

O 5 de outubro inaugúrase, na Cidade da Cultura, Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra. Trátase dunha exposición que pretende ligar a importancia das mestras e mestres no período republicano co interese do rianxeiro pola docencia. Guste ou non, todo este concepto xeral queda subordinado pola peza máis destacada da exposición: A derradeira leición do mestre.

Unha pintura que nunca antes estivo en Galicia, ainda que sí forma parte do patrimonio galego a estampa número 6 da Galicia Mártir (propiedade do Museo de Pontevedra) na que se inspirou este óleo. Temos claro o circo mediático, protagonizado polos nosos representantes políticos, que foi o unboxing desta peza: como El Rubius desembalando a nova videoconsola do mercado. Tampouco nos gusta a definición de Gernika galego que a prensa pretende garabatear sobre o traballo de Castelao.

Desde logo, para min non é un Gernika galego. Creo que comparalo non é xusto, nin para esa obra nin para A derradeira leición do mestre”.

Para ver se a nosa teima ten fundamento e, sobre todo, para analizar a obra e a exposición falamos con Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación Castelao e comisario da mostra. O das etiquetas sinxelas tampouco é do seu agrado: “Desde logo, para min non é un Gernika galego. Creo que comparalo non é xusto, nin para esa obra nin para A derradeira leición do mestre. O Gernika é un atentado militar contra civís e a obra de Castelao expresa como un home trata de pagar o máximo que ten, a súa vida, por defender unhas ideas”.

A derradeira leición do mestre. Óleo sobre lenzo. 1945

Hai un longo percorrido antes de chegar a esa pintura do ano 1945. Castelao é nacionalista, federalista e republicano, polo tanto é unha obviedade sinalar que se opón ao bando franquista que iniciou, en 1936, unha represión violenta contra un réxime legalmente constituído. El non pode loitar no campo de batalla polos seus problemas de visión, así que “o debuxo convértese na súa arma. Vai apoiar á república facendo unha serie de debuxos. Desde Valencia ponse ao servizo da propaganda e co que lle van contando que pasa en Galicia, convírtese nun Goya dos Desastres da Guerra. Con todo iso que el oe, convírtese na imaxe deses axustizados”.

Traballa en tres álbumes sobre a temática da Guerra Civil Española: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos. Van ser distribuidos pola República pedindo solidariedade internacional e “incluso hai unha edición en chinés, que está na exposición”. No primeiro deles aparece a primeira versión da obra, do ano 1937. Trátase da estampa número 6 do álbum e consérvase no Museo de Pontevedra. Loxicamente, foi cedida para a mostra. Seixas destaca que “por primeira vez vamos a ter un cadro en fronte do outro”.

A derradeira lección do mestre. Augada e tinta negra sobre papel. 29,8 x 22 cm. 1937. Museo de Pontevedra

A derradeira leición do mestre ten un elevado valor simbólico que funciona a varios niveis. Segundo Seixas, o debuxo de Galicia Mártir, “volve reproducilo en Bos Aires [xa como pintura] porque quere recuperar dúas datas: unha é o 28 de xuño para lembrar que Galicia ten un estatuto de autonomía pendente e a outra, para lembrar aos mártires galegos, o 17 de agosto, día do asasinato de Alexandre Bóveda”, considerado polo propio Castelao como o motor do Partido Galeguista.

[A obra de Castelao] é unha lección maxistral: a do mestre dando a súa vida por unha idea”

Doutra banda, esa obra pintada por un artista moi maior, con dificultades para elaborala, é “unha lección maxistral: a do mestre dando a súa vida por unha idea”, insiste o comisario. “Quen é o mestre que está aquí?”, pregúntase, “calquera persoa que teña unha conducta exemplar”. En definitiva, esta pintura e a súa irmá maior (en idade) do Museo de Pontevedra escapan da análise illacionista do feito estético (aínda que para ser xustos convén sinalar que Castelao é mellor debuxante que pintor) e destacan polo valor contextualista do feito histórico.

Mesmo chega a trascendelo polo seu valor universal. “Os debuxos de Castelao sitúalos en China ou en Rusia e teñen sentido igualmente. A mostra titúlase Castelao maxistral, pero podería ser Castelao Universal”. Unha rebelión contra a inxustiza alén dos territorios.

Portadas de Galicia Mártir, álbum que contén a primeira versión da obra

Hai unha anécdota fantástica que exemplifica este traballo e, en xeral, toda a obra de denuncia de Castelao. Nunha ocasión preguntáronlle porque facía personaxes tristes, pobres e cheos de dor mentres que Álvarez de Sotomayor exemplificaba a solemnidade e as costumes rexionalistas galegas. A resposta do médico non puido ser máis axeitada: Eu non teño vocación de estupefaciente.

A exposición

Cando a Xunta de Galicia contactou con Miguel Anxo Seixas, a institución xa tiña xestionado todo o relativo a A derradeira leición do mestre. O comisario afirma que “é a primeira vez que fago unha exposición onde xa teño o artista seleccionado. O que fixen foi construir o relato arredor dela”. Un discurso que fala da situación do ensino nunha república en guerra buscando unha coherencia para “non meter cousas de máis que afoguen [o cadro], nin deixalo nú”.

Seixas traza un interesante paralelismo con Crónica de una muerte anunciada, a novela de García Márquez. Na exposición, como no libro, sábese que mataron a alguén e, a partir de ahí, o receptor comeza a formular preguntas: que pasou en Galicia? Por que mataban aos profesores e non aos cregos? “A mostra vai dar resposta a esas cuestións: como era a escola, como son os debuxos que ten Castelao sobre o ensino, a ausencia da pedagoxía na época, cal era a situación do galego…”.

Rossellini

Seixas arríscase a relacionar Roma, città aperta, a obra mestra do neorrealismo italiano que dirixe Roberto Rossellini, con ambos cadros de A derradeira leición do mestre. Os cadros do galego amosan a terrible dor de dous meniños ante o corpo sen vida do seu profesor. É así, tamén, como o cineasta, nunha das escenas máis duras da historia do cinema, nos presenta a un crego fusilado diante dos seus nenos. “Rossellini case se inspirou en Castelao, porque a primeira versión da obra de Castelao é de 1937 [o filme é de 1945]”, reflexiona. Noutras escenas relacionadas coa guerra, a obra de Castelao pode ter unha inspiración máis goyesca, pero aquí, segundo di o comisario, o artista “crea unha iconografía propia, que ao final é a que usa Rossellini”.