Loading
A sombra da lei

Operador de vídeo e realizador na TVG, guionista e director de curtas, miniserie, anuncios e longametraxes, Dani de la Torre (Monforte de Lemos, 1975) prefire definirse como un “currante do oficio”. O próximo xoves 11 de outubro estréase nos cines A sombra da lei, a súa segunda longametraxe. A primeira, O Descoñecido, foi un éxito de crítica e taquilla e sabe que público e críticos non lle permitirán baixar o listón. Vaille no oficio, que desenvolve cunha idea clara: “Eu fago pelis para entreter e encher as salas”.

Pero A sombra da lei é máis ca entretemento. É unha homenaxe ao cine clásico, ao cine negro, ao cine de acción, ao cine de época, a Sam Mendes, a Ridley Scott, a Sergio Leone. Ao mellor cine. Ao que ten unha moi boa historia, de Patxi Amezcua, marabillosamente dirixida, e magníficas interpretacións de Luis Tosar, Michelle Jenner, Ernesto Alterio ou Paco Tous.

Eu fago pelis para entreter e encher as salas”.

Entre sombras, fume de tabaco e fantásticos planos-secuencia, Dani de la Torre lévanos á Barcelona de 1921, na que convivían as luces dos cabarés e a escuridade dos enfrontamentos entre gángsters e anarquistas. “Reflicte unha época que se herdou, e como non acabamos de arranxar os problemas. Fala do sufraxio feminino, dos dereitos laborais, de como as decisións de algúns homes cambian as nosas vidas, e de que detrás de cada ideoloxía hai intereses”, explica o director.

A sombra da lei
Luis Tosar volve a protagonizar un filme de Dani de La Torre (foto cedida por Vaca Films).

Si, en España houbo gángsters. E si, en Galicia podemos facer pelis de gángsters. “O meu único medo era non cumprir co nivel de produción”, confesa Dani. “Fixemos cousas que non se fixeran antes en España, como recrear dixitalmente cidades dos anos 20. Para conseguir a apariencia de produción americana, cun orzamento de tres, catro millóns, necesitas ter moito apoio dixital. E estou contento co resultado. Era un reto moi difícil, podiamos caer no ridículo porque a posta en escea era moi potente. E creo que visualmente é moi bonita. Unha peli que se disfruta”.

Escollín Galicia para rodar porque hai espazos que están case igual que naquela época, e polos actores e técnicos boísimos que temos”.

E para os escenarios que son reais, o director tira para a casa. Rodou algo en Barcelona, pero a maioría das localizacións son no país: Monforte, Santiago, Pontevedra… “Escollín Galicia para rodar porque aquí hai espazos que están case igual que naquela época e alí xa non existen; e porque rodar alí é moi caro. Gústame, ademais, traballar aquí polos actores e técnicos boísimos que hai”.

Dani de la Torre repite co seu protagonista fetiche, o que ten que ver moito co éxito de O descoñecido e ao que dirixiu recentemente nos anuncios Apolo y Zeus para Voll Damm. “Luis Tosar supón todo na miña carreira, é un actor impresionante e unha persoa marabillosa, fai que o clima de rodaxe sexa bo; é xeneroso con todos. E é o que me gustaría ser a min dentro de cada peli. Nesta fala coa ollada”.

A sombra da lei
Dani de la Torre dá indicacións a Nacho Castaño nunha escena do filme. (Foto de Manuel Valcárcel).

En A sombra da lei tamén fala a música, a de Manuel Riveiro e Xavi Font, gravada coa Orquestra Sinfónica de Galicia e tema central interpretado por Ainhoa Arteta, que emociona ata as bágoas. “Nesta peli a banda sonora é moi Morricone. A música ten moita presenza, é un narrador máis. Unha das formas que máis me gustan para contar historias é a través da música”. Palabra dun amante do oficio.

Un oficio que Dani de la Torre lima de boato. “É unha industria para entreter e punto. As alfombras vermellas son parte do espectáculo; pero a xente do cine é xente currante, que se levanta ás sete da mañá coma calquera e intenta facer o seu traballo o mellor posible e deixar os clientes satisfeitos”. 

 

O monfortino fai autocrítica do sector. “Ás veces somos moi snobs e deberiamos ser máis respectuosos co público. Distáncianos da xente criticar os que ven determinadas películas. En moita comedia hai máis crítica social que nas pelis de Ken Loach. Haneke ou Koreeda abren camiños que aos do cine comercial non nos deixan abrir ou non nos atrevemos a abrir. Eles necesítanos a nós para que o cine exista como industria. Somos necesarios todos”.

E tamén critica os de fóra do sector, os que desprezan as producións españolas. “Non me gusta nada que se diga que o cine español é unha merda. Estou farto de escoitar a moitos políticos dicir que non están orgullosos do noso cine. Non imaxino un presidente americano dicir que o seu cine é unha merda”.

[No sector do cine] ás veces somos moi snobs e deberiamos ser máis respectuosos co público. Distáncianos da xente criticar os que ven determinadas películas”.

E os que desprezan traballos nas redes sociais. “Non concibo como alguén pode ser cruel cun director, con alguén que che conta un conto. Estamos demasiado crispados. Debemos relaxarnos e disfrutar. É unha peli, hora e media. Se non che gusta quítaa ou vaite. Ninguén che obriga vela. Neste sector todos traballamos moitísimo e dá rabia cando algo non funciona ou cando atacan. Levantar unha peli leva dous, tres anos. Temos que asumir a crítica, pero é moi duro cando a historia non funciona”.

O descoñecido deixou “descolocado” a Dani de la Torre, pola repercusión, polo percorrido por festivais, pola aprendizaxe que supón para calquera conseguir tanta sona coa primeira longa. Neste segundo asalto mantén os nervios daquela pero confía en sufrir menos. Tamén ten a cabeza máis ocupada.

O descoñecido
De la Torre debutou na longametraxe con O descoñecido.

A estrea, incluida premier no Festival de Sitges inaugurando sección de thrillers (o pasado 5 de outubro), terá que compaxinala cos seus próximos proxectos: unha serie que prepara para o ano que vén e outra película que está escribindo con Alberto Marini, guionista de O descoñecido, da man unha vez máis da produtora coruñesa Vaca Films.

“É a primeira vez que podo dicir que vivo do cine. A clave é enganchar proxectos. Ninguén se fai rico co cine, senón non estariamos facendo continuamente traballos. Hoxe en día entre cine, series e publicidade vaime dando para vivir”.

É a primeira vez que podo dicir que vivo do cine. Para min ese é o éxito”.

Dani sentenza: “Para min ese é o éxito, poder vivir do meu traballo. O éxito de A sombra da lei será que a xente vaia vela ás salas. E que poida seguir facendo cine ata cando eu queira”.