Loading

Cortapega, de Santiago

Cortapega, o festival de música electrónica de Desconcierto Cultural, chega á súa quinta edición. O evento xa está máis que consolidado e, progresivamente, foi desprazando os seus postulados estéticos cara formas musicais máis extremas. O cartel que presentan este ano é, probablemente, a proposta máis arriscada non só do festival, senón de todo canto ten programado esta asociación sen ánimo de lucro. Digamos que, en termos xerais (e cos matices pertinentes), o evento virou do pop electrónico á electrónica con pequenas concesións á tradición pop-rock. Para os inorantes esta edición do 20 de outubro é a mellor de todas.

Container, a calma antes da treboada

Unha das cousas a ter en conta do festival é o ambiente que conseguen, cun público totalmente entregado á música. Insistimos: un público ao que lle encanta a música e que sabe de música. Se alguén pasou por alí o ano pasado, así o poderá testemuñar. Tamén hai que aplaudir un nivel de produción que mellora cada ano: neste caso, a calidade do son e a posta en escena das bandas están moi por riba do que ofrecen non só outras asociacións amateurs, senón incluso algunhas compañías profesionais. Nas pasadas catro edicións puidemos disfrutar de concertos tan espectaculares como os de John Grvy, Synth Alien, Sunny Graves ou Playback Maracas.

A principal novidade deste ano, alén da explícita evolución estética, é o cambio do espazo. Segue a ser en Santiago, pero nesta ocasión trasládanse á Malatesta. Unha sala máis grande e mellor localizada que a Fundación SGAE, o edificio que anteriormente albergaba o evento. Ademáis, nesta edición amplían o cartel e, por primeira vez, o Cortapega vai ofrecer seis actuacións. Tanto o traslado a un local con maior aforo como o incremento no número de artistas expresan a vontade de medrar, no marco das súas posibilidades, do festival.

Container, cabeza de cartel

Este ano o Cortapega ten un claro protagonista: o norteamericano Container. De nome real Ren Schofield, vén a presentar o cuarto volume da serie de álbumes LP. A achega á electrónica deste artista é absolutamente radical. Este novo traballo caracterízase polos ritmos frenéticos, os teclados disonantes e ruídos insistentes, de composicións como Drain ou Retractor, que parecen extraídos dunha reparación industrial a gran escala. Todo ese desbaraxuste tecnolóxico suavízase nalgunhas propostas máis moderadas, como os temas Leaker ou Peppered, que reciben un barniz de éxtase tribal. A súa actuación, definida polos organizadores como “abrupta e impactante”, promete poñer patas arriba a Malatesta

Allova, conexión ruso-galega co trip-hop

Allova, a artista rusa afincada en Galicia

Allova é unha artista rusa que está afincada na cidade da Coruña, aínda que as súas visitas a Madrid son habituais. O seu trip-hop está cheo de matices, e poderíamos afirmar que os seus temas encaixarían en álbumes tan célebres como o Soul Murder de Barry Adamson. Cantante, compositora e pianista, Allova abandonou a súa formación clásica e jazzística aínda que incorpora moitos destes elementos nos seus novos traballos electrónicos. Co single Get Away My Way é imposible non mirar no retrovisor ás experimentacións do Bristol de principios dos noventa. Os seus xogos vocais e os matices dos teclados dánlle o necesario toque personal ao proxecto.

Vangarda galega

Desconcierto Cultural caracterízase por dar apoio ás propostas que xurden en Galicia, ou aos autores e autoras galegos. Esta edición do Cortapega é un bo exemplo do traballo que, nese aspecto, desenvolve a asociación. Músicos de estilos moi variados e que se atopan en tramos moi diferentes nas súas respectivas carreiras son os incluídos na escolma do 2018.

Un dos nomes máis destacados da recente electrónica galega é Huma. Trátase dun proxecto en solitario de Andrés Satué, a metade do extinto dúo de dark ambient Esquelas. Ata certo punto, parece que continúa o camiño destes: universo de drones recargados, atmósferas opresivas e sons abrasivos. As súas investigacións cos subgraves e co volume (levade tapóns) achégano a grandes alquimistas do son como The Haxan Cloak, Sun O))) e á versión máis ruidosa de Aphex Twin. Para o festival, Huma virá acompañado de Interruptor, cuns visuais que teñen a vontade de dar imaxe a esta música.

Boneco non é un dos artistas máis coñecidos da electrónica galega, pero leva en activo desde 2006. É un proxecto no que Luís Hortas, guitarra e voz de Xenro, permítese investigar libremente. Entre as referencias máis alonxadas podemos citar o ambient de Brian Eno e as aportacións minimalistas de Steve Reich. As influencias más próximas quizáis as tome de artistas como Jon Hopkins. Sexan ou non eses os seus referentes escoitar a Boneco é sentir como se rinde homenaxe a corenta anos de vangarda musical. 

Músculo!, máis que un concerto

A conexión máis explícita co rock faise a través de Músculo!, nunha actuación que ten carácter de gran acontecemento. Segundo a organización, este concerto “será moi especial. Un live con temas que verán a luz por primeira vez e que, quizáis, nunca sexan editados”. Polo tanto, é unha ocasión a non perder para os fans da banda. Para aqueles que todavía non os coñezan, este conxunto ecléctico mestura con solvencia indierock e kraut con ingredientes da IDM.

Esta é a edición máis ambiciosa do Cortapega. Así se traducen medidas como o cambio a un espazo de maior aforo, o aumento no número de actuacións, a consolidación dunha liña estética e un concerto, o de Músculo!, que polas especiais circunstancias xa sería motivo de celebración por si mesmo. Os inorantes sempre agradeceremos iniciativas que aposten polo risco. Pola cultura sen ataduras. Pola natural evolución da música. O 20 de Outubro. En Compostela.

Escoita:

Container

Allova

Huma

Boneco

Músculo!

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.