Loading
Pailós

Arte, emigración e orixe galega

  A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración

  Colectiva

  Sede Afundación. Ferrol

  De luns a venres, de 17:00 a 21:00.  

  Sábados, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. 

 Ata o 5 de xaneiro. 

  Entrada de balde

A emigración, por razóns políticas ou económicas, forma parte da idiosincrasia de Galicia. A cultura galega non escapou a ese rasgo demográfico. Máis ben, foi algo que a marcou durante un amplo período do século XX e moitos artistas así o expresaron nos seus traballos. Ese é, precisamente, o leit motiv desta exposición. Comisariada por Carlos L. Bernárdez, a mostra, unha escolma dos fondos de Abanca e Afundación, conta con moitos dos grandes mestres do Movemento Renovador entre outros. A nós, polo recurrente do tema, gustaríanos centrarnos nos nomes máis descoñecidos para Galicia: Manuel Pailós (na imaxe) e Ángel Botello.

O primeiro chegou moi novo a Uruguay e converteuse nun importante representante da corrente torresgarciana. A súa obra caracterízase polo refinado emprego de cores puras e polo recurso aos signos, que lle confiren un aspecto xeroglífico ás súas pinturas. O segundo, nacido en Cangas do Morrazo, foi alcumado o Gauguin Caribeño polo uso de cores chamativas e polas súas representacións da vida isleña. Desde a década dos vinte formouse entre España e Francia. Logo, co estalido da guerra civil, simpatizou co exército repúblicano. Este feito levaríao, finalmente, a América. Alí levaría unha vida nómada, desprazándose por República Dominicana, Cuba, Haití e México. Finalmente, instalaríase en Puerto Rico. As súas paisaxes haitianas e os seus estudos de figuras son o mellor dunha produción que combina indixenismo con influencias francesas. Sempre é un bo momento para descubrir a estes magníficos artistas con raíces na nosa terra.   

  Infórmate:

  Ángel Botello no Museo de Arte de Puerto Rico

  Manuel Pailós en Afundación