Loading
Cineuropa 32

O mércores 7 de novembro comeza unha das citas cinéfilas máis importantes do calendario galego. Cineuropa, o festival de cinema non competitivo compostelán, alcanza este ano a súa trixésimo segunda edición. Ao longo destes mes de novembro no Teatro Principal (centro de operacións), Salón Teatro, Numax, a Sede Afundación, os Multicines Compostela ou o Auditorio de Galicia, o festival traerá a proxección de 300 filmes repartidos en 21 seccións.

O programa fíxose esperar (demasiado, para o noso gusto, a comunicación é un apartado a mellorar por parte da organización), pero ao fin está aquí e dános a posibilidade de analizar o que estas tres próximas semanas de cinefilia darán de si. E tamén de facervos algunha ca outra recomendación.

A Laranxa Mecánica
A Laranxa Mecánica, un dos filmes que forman parte da sección Escándalo.

Escándalo

A 32 edición de Cineuropa centrará unha parte da súa programación no escándalo. Son cincuenta filmes que causaron controversia no seu día polos temas que abordan ou polo xeito de abordalos. En principio, cando soubemos que isto ía ser así, pareceunos que a sección Escándalo ía ser un pouco vintage, por non dicir rancia. O certo é que co paso dos días, vendo a traxedia que supón limpar os mocos cunha bandeira ou pintarraxear a tumba dun ditador, foinos parecendo máis acaído que a xente se parara a lembrar que antes os escándalos ían máis aló do que escribira un tuitero ou dos chistes dun humorista. 

Esta sección conta con obras mestras maiúsculas que forman parte de calquera lista cinéfila. Véxase: A Laranxa Mecánica, de Stanley Kubrick; Viridiana, de Luis Buñuel; ou O Fotógrafo do Pánico, de Michael Powell.

Viridiana
A arquifamosa escena da última cena en Viridiana.

Outros filmes moi interesantes adornan a lista (aínda que un ou varios chanzos por debaixo das anteriores): A Venus Loura, de Josef Von Sternberg; Éxtase, de Gustav Machaty (o papel que fixo eterna a Hedy Lamarr); Cans de Palla, de Sam Peckinpah; Cotovías no Arame, de Jiri Menzel; De súpeto, o último verán, de Joseph L. Mankiewicz; A Última Tentación de Cristo, de Martin Scorsese; ou A Raíña Kelly, de Eric Von Stroheim. 

Un pouco máis envellecidas, pero parte indubidable da historia da transgresión na gran pantalla, son cintas como Eu Saúdote, María, de Jean-Luc Godard; Porteiro de Noite, de Liliana Cavani; As Margaridas, de Vera Chytilova; ou O Gran Banquete, de Marco Ferreri. 

Porteiro de Noite
Inesquecible e icónica Charlotte Rampling en Porteiro de Noite.

Temos obviado nesta lista O Último Tango en París. Non ten sido un erro, senón algo completamente voluntario. En primeiro lugar, porque non nos parece un bo filme. Como moitos outros de Bertolucci, peca dun barroquismo e un esteticismo vacuo e tedioso, pero non é esa a única (nin a maior) razón para desaconsellar o regreso a este título.

Os Inorantes estamos a favor da transgresión, gústanos a provocación. Mais unha cousa é a transgresión e outra o abuso e a violación. O que fixeron Marlon Brando e Bertolucci na famosa escena da manteiga con Maria Schneider é intolerable. Antes de morrer a actriz recoñeceu que se sentira humillada e un pouco violada. O director italiano dixo que non quería que a actriz finxira humillación, senón que sentira humillación. Despois tratou de aclarar que Schneider sabía que o seu personaxe ía ser violado, o que non sabía era o uso da manteiga que decidiron el e Brando pouco antes de rodar. Incriblemente isto parecíalle unha defensa, cando a nós parécenos a confesión dunha violación real oculta tras unha violación de ficción.

Silvio e os outros
Antonio Servillo interpreta a Berlusconi en Loro, de Sorrentino.

Sección Oficial

Dentro da Sección Oficial, que conforman 35 filmes europeos e 26 internacionais actuais, destacan varios nomes. O primeiro, o de Paolo Sorrentino, o cineasta italiano máis influínte da actualidade, que chega a Cineuropa con Loro, un biopic sobre Silvio Berlusconi, que nos retrotrae a aquel primeiro Sorrentino que asinou Il Divo (2008) sobre outra figura esencial da Italia moderna, Giulio Andreotti. Seica con esta primeira entrega de Loro (chamada aquí Silvio e os Outros) Berlusca respirou tranquilo, porque Sorrentino se centra máis nous outros que en Silvio.

Tamén estrea filme o alemán Florian Henckel von Donnersmarck, que levantou o Oscar ao mellor filme estranxeiro coa interesante (aínda que un chisco sobrevalorada) A Vida dos Outros, e logo firmou unha das peores películas da década, e mesmo da historia, O Turista, con Johnny Depp e Angelina Jolie. Tras o fiasco, con Obra Sen Autor regresa a territorio coñecido, a Alemaña dividida polo Muro, e á terrible herdanza dun país a cabalo entre a Gestapo e a Stasi.

Un Home Fiel
Louis Garrel dirixe e protagoniza Un Home Fiel.

Louis Garrel, máis coñecido como actor que como director (fíxose popular aos vinte anos en Soñadores, de Bertolucci; e recentemente ofreceu un gran retrato humorístico de Godard en Le Redoutable), participará en Cineuropa coa súa segunda longametraxe, Un Home Fiel, que el mesmo protagoniza e co que vén de gañar o premio a mellor guión en San Sebastián. O xogo de tríos amorosos que nos propón Garrel ten unha garantía detrás: o guión está coescrito por Jean-Claude Carrière, un dos mellores novelistas galos contemporáneos.

Lars Von Trier regresa á gran pantalla cinco anos despois de levarse un batacazo cos seus dous volumes de Nymphomaniac (que deu continuidade a certa costa abaixo iniciada con Anticristo e Melancolía). Faino presentando A Casa de Jack, unha comedia negra sobre un asasino en serie algo torpe, interpretado por Matt Dillon, que a cada asasinato vai volvéndose máis chapuceiro. Esta escusa sérvelle tamén a Von Trier para burlarse de moitas das acusacións que pesan sobre el: ser de estrema dereita, negacionista, maltratador de actrices, etcétera. 

A Casa de Jack
Matt Dillon interpreta a un asasino en serie en A Casa de Jack, de Von Trier.

Dentro da sección oficial internacional destacan La Noche de Doce años, do uruguaio Álvaro Brechner, que narra a reclusión e tortura de tres políticos e intelectuais do Uruguai, Pepe Mujica, Mauricio Rosencof e Eleuterio Fernández Huidobro nos meses anteriores ao golpe de estado do 1973. Un dos grandes atractivos do filme é poder ver a Antonio de la Torre metido na pel de Mujica. 

Curiosa, cando menos, será a proxección de La Flor, do arxentino Mariano Llinás, que se realizará en tres actos (tres días sucesivos 21, 22 e 23 de novembro) no Numax coa presenza do realizador e un coloquio. Non pode ser doutro xeito porque o filme dura trece horas (si, leron ben, ¡trece!). Unha película que tardou case unha década en rodarse.

La Noche de 12 Años
Antonio de la Torre interpreta a Pepe Mujica en La Noche de 12 Años.

Ferreri, Romanía, Xadrez

Resúltanos case imposible abordar nunha soa reportaxe todos os filmes que nos propón Cineuropa. Ademais da Sección Oficial e Escándalo, o festival ofrece unha gran cantidade de pequenas seccións, algunhas delas un pouco marcianas, como a dedicada os cen anos de Cine Romanés, un cine do que, quitando a Cristian Mungiu e un par de filmes soltos recoñecemos a nosa máis fonda ignorancia.

Tamén teñen o seu apartado os traballos como guionista de Azcona en Italia, unha pequena retrospectiva de Claude Lanzmann (coa súa monumental Shoah, traballo de referencia sobre o Holocausto (proxectada en dúas partes no Centro Sociocultural Agustín Magán de Santa Marta), ou unha selección de filmes de Eloy de la Iglesia.

Haberá, así mesmo, unha sección dedicada a cine e xadrez, da que destacamos Os Xogadores de Xadrez, unha pequena xoia do mestre indio Satayajit Ray. Proxectarase unha única sesión, o martes 13 de novembro ás 11:30 da mañá no Museo das Peregrinacións.

Shoah
Un dos fotogramas máis icónicos de Shoah, o gran testamento fílmico de Claude Lanzmann.

Isaki Lacuesta

Non podemos rematar a nosa ollada ao festival sen referinos aos Premios Cineuropa 2018, que recollerán Isaki Lacuesta (xoves 8 no Principal), Ángela Molina (sábado 17 no Principal) e Morris (mércores 28 tamén no Principal). Deixando a un lado o merecido recoñecemento a Morris, que sorprendentemente o mundo semella ter descuberto por ser Charlín en Fariña despois de corenta anos de excelente traxectoria actoral, queremos salientar o recoñecemento a Lacuesta.

Isaki é un dos cineastas máis personais e interesantes do panorama español, a medio camiño entre o documental, a ficción e a realidade, que sorprendeu hai doce anos con La Leyenda del Tiempo, de nome e inspiración camaroniana no que narra as historias do xitano Isra e a xaponesa Makiko, unidos pola súa arela de cantar a Camarón.

Entre dos Aguas
Isaki Lacuesta volve a achegarse a Isra en Entre dos Aguas.

Cineuropa estreará o xoves 8 de novembro Entre dos Aguas, o novo filme de Lacuesta, co que gañou a Concha de Ouro en Donosti (a segunda no seu haber, pois xa a conseguira con Los Pasos Dobles en 2011), no que regresa a Isra, aquel neno xitano que quería seguir os pasos de Camarón. Un Isra que agora sae do cárcere e se reencontra co seu irmán Cheíto. Sen dúbida, un dos pratos fortes desta 32 edición de Cineuropa.

*Podedes consultar aquí a programación completa de Cineuropa.