Loading

Lourdes López Goce, coñecida publicamente como Lula Goce, é na actualidade unha das artistas galegas máis internacionais. E, tamén, das máis versátiles. As obras desta baionesa de corenta e dous anos non só cobren os muros de cidades de Irlanda, Alemaña, Bélxica, Italia, Estados Unidos ou Acerbaixán, senón que tamén se exhiben en galerías, museos e feiras de arte. Con todo, os camiños creativos de Goce non se limitan só ao street art, senón que vai máis alá como demostran as súas instalacións e debuxos.

Si que me atrae a tradición muralista galega, pero teño a sensación de que Galicia, actualmente, está noutro punto”

Nesta ocasión, ímonos centrar no street art. No caso galego, o traballo na parede da arte contemporánea conta con dúas importantes figuras: Urbano Lugrís González e Leopoldo Nóvoa que, con salvedades, constitúen un ineludible precedente. Ao respecto, Goce comenta que “si que me atrae a tradición muralista galega, pero teño a sensación de que Galicia, actualmente, está noutro punto”.

Hai rexeitamento nesta afirmación? En absoluto. O que si se pode albiscar é un lamento pola condición do artista nunha Galicia que “ten moi boa canteira”, pero que está atrapada entre a nostalxia e a autocomplacencia institucional.

 

The tree, en Santiago de Compostela.

A definición máis descriptiva e inmediata dos traballos murais de Lula Goce é unha aportación da propia artista. “Coido que teño unha capacidade especial para o hiperrealismo. É un dos meus fortes”, di. Algo que non é simplemente pericia técnica. Os coñecementos da artista permítenlle ter en conta “unha morea de referentes da historia da arte”. Algúns intencionalmente explícitos, como na súa instalación Of the Divine, e outros, nos seus murais, moito máis sutís.

Detalle de Water Monsters en Murcia. Bestiario medieval e formas vexetais.

Alí detectamos o efecto escenográfico barroco, a xeometría vexetal e o detallismo do canteiro románico e a fantasía de ambos estilos. Algo que a artista explica do seguinte xeito: “Gústame a pintura barroca e toda a expresividade do románico e os seus bestiarios”. Hai unha capacidade para extraer algo de cada fase histórica. “Unha mestura de influencias para logo facelas propias”. Este é, probablemente, o camiño esencial de todos os artistas. A busca dun estilo xenuíno a través das ferramentas herdadas. 

Gústame non agredir ao espectador (…) sinto o compromiso co entorno e con non violentar”

No seu caso, o resultado é unha pintura con destacado protagonismo da figura humana en harmonía con elementos naturais, especialmente vexetais, como asunto secundario. Salvando as distancias, como un Alfred Mucha despoxado, en certa medida, no plano espacial e no ornamental. Está recén chegada do Bronx neoiorquino, onde pintou o seu último mural, que testemuña todo o que estamos a dicir. Tamén se visibiliza noutros traballos, como o fantástico Buble’s Man en Bélxica ou o popular ‘dobre edificio’ para a última edición do festival Vigo. Cidade e cor.

O fantástico mural belga Buble’s man.

Os temas de Lula Goce son, en xeral, amables. “Gústame, dalgún modo, non agredir ao espectador”, comenta. “Entendo que é un espazo público e que a xente convive con el. Sinto o compromiso co entorno e con non violentar”.

A artista abre aquí un necesario debate sobre o espazo de creación. Agora o museo é a cidade e, por eso mesmo, manifesta unha actitude de respecto ou agradecemento a toda a comunidade que lle permite (guste ou non a street art) facer o seu traballo. Sempre, por suposto, “intentando non caer no kitsch e no hortera”. No mundo actual “estamos faltos de sensacións que nos produzan tranquilidade, paz e sosego”, reflexiona. Certamente, o sensacionalismo e a provocación venden máis que nunca. A arte da rebelión converteuse nunha profesión, tal e como dixo Abraham Moles. 

A street art é unha arte populista”

A pesar do seu estilo realista, Lula manifesta a vontade de “experimentar” e sinala que xa pintou “de forma máis expresionista” e, incluso, podemos observar as experiencias abstractas que recentemente fixo para o festival Mad Cool. Sen embargo, parece que a abstracción sempre é difícil para alguén que amosa unha necesidade especial de enviar unha mensaxe clara e directa coas súas obras públicas.

Experimentación coa abstracción no festival Mad Cool.

“O street art é unha arte populista”, sentencia. E engade que “a posibilidade que temos os artistas de tocar ás masas, mantendo certo grao de liberdade, paréceme unha responsabilidade moi grande. Ao tempo, é un privilexio poder gozar desa responsabilidade”.

A situación de feísmo das nosas vilas permite dar espazo a esas propostas [da street art]”

O street art é un modo de achegar a arte, a través da realidade máis inmediata, a quen non visita os museos e non consume cultura habitualmente. Volvemos á retroalimentación que nos proporciona a historia. Sen ánimo de caer nun anacronismo, poderíase facer un paralelismo co románico: un estilo que nos seus muros, tallados ou pintados, trataba de transmitir a liturxia. Unha biblia para os iletrados. Agora os temas e as formas son diferentes, pero o obxectivo de expresar unha idea rápida e clara perdura.

Recente traballo de Lula Goce no Bronx de Nova Iorque.

A arte urbana tamén é un xeito de embelecer as vilas e cidades galegas. “A situación de feísmo das nosas vilas permite darlle espazo a esas propostas”. Deste xeito, Lula sinala un dos motivos do apoio institucional, sen precedentes, que ten esta manifestación cultural en Galicia. Pero para chegar ata este punto houbo un longo percorrido. Nese aspecto, “é importante o labor que tivo Sokram (Mutante Creativo) como pioneiro, a través do festival de Ordes, que xa ten moitos anos”.

A pesar do crecemento, “é imposible vivir da street art sen saír da nosa Comunidade. Baséase na deslocalización. Que se converta nun localismo é algo anecdótico”. Sábeo ben Lula, que pintou paredes nunha morea de países e, seguramente, quédanlle uns cantos por visitar. Por iso a súa temática é universal, tan comprensible en Italia como en Acerbaixán. Unha vida nómada que espalla a súa pintura polo mundo.

Mural para o festival Vigo. Cidade e cor.

O formato

En tanto que a artista tamén colabora con galerías, ten que traballar con formatos pequenos. A modo anecdótico, o cadro de Sito Miñanco, ou Javier Rey, que se pode ver na serie Fariña é obra de Lula Goce. “Foi divertido polo que nos toca de preto esta historia. Se fose algo relacionado con Madrid, probablemente, faríao doutro xeito”

Cales son as diferencias entre a obra exterior e a que fai para galerías? “Compleméntanse e, doutra banda, son cousas totalmente distintas. O traballo para a galería fágoo no taller e me aporta máis liberdade (…), cando pintas no exterior estás obrigada a tratar coa xente”. Comparativamente, “pasas dun punto moi introvertido a outro moi extrovertido”.

No mural tes como cinco, seis ou sete días para unha parede de 200 metros cadrados. Non me queda más remedio que ir a morte”

O muro esixe traballar máis rápido e improvisar sobre a marcha. Algo que no estudio non é así, porque “se mira de preto e se atende aos detalles”. “No mural tes como cinco, seis ou sete días para uha parede de 200 metros cadrados. Non me queda máis remedio que ir a morte”.

Monsters, na cidade de Hannover.

Segundo Goce, a creación na parede ten “varias fases: primeiro está o proceso previo, logo está o propio mural e, finalmente, está a reprodución da obra, que circula”. Esta reflexión traslada as obras da artista a un novo formato debido á reproductibilidade técnica, que xa sinalou Walter Benjamin en 1936. 

Resulta irónico, pero moito do público destes artistas observa as súas obras a través das pantallas do smartphone. Ou, como di Lula, “pasas dun mural que te envolve a unha pantalla de móbil que ten dez centímetros”. A artista é moi activa nas redes sociais e non é por casualidade.

Ruinas, na cidade de Valencia.

O mercado

“Hai unha burbulla no mercado da street art. Non sei se tanto en vendas como nesa febre de facer murais”. Con esa contundencia, recoñece unha das problemáticas deste movemento. Sen embargo, parece que aínda non vai pinchar, porque “había un baleiro estético. Pasamos de encher de esculturas as rotondas a empregar a imaxe como transmisor de coñecemento e elemento embelecedor [do entorno urbano]”

Banksy está nunha posición de poder burlarse do mercado. Están moi ben as críticas (…), pero en realidade é un business man

A irrupción dos grandes artistas urbanos, con Banksy á cabeza, alertaron dese nicho ás finanzas. Porque, “se algo ten a economía de mercado é a capacidade de coller o que está fóra dos lindes e sacar un produto”. É o que está a ocorrer coa street art. Cómpre, tamén, diferenciar entre artistas. “Banksy está nunha posición de poder burlarse do mercado. Están moi ben as críticas que expresa coas súas obras, pero en realidade é un business man. Crítica máis que aceptable, tendo en conta accións como a recente destrución da súa propia obra en Sotheby’s que non fixo máis que multiplicar o seu valor. Non só desa peza, senón de toda a produción do artista. 

Revisión de Palas e o centauro de Botticelli (instalación Of the divine)

Pola propia idiosincrasia da street art, ocupando un gran espazo exterior no entramado urbano, a forza económica que financia a obra é unha institución pública. Directamente, ou a través de patrocinios e subvencións. Cando é directamente, a artista sinala que “en moitos concellos quen decide que ti esteas aí é o alcalde ou a persoa responsable. Porque lle gusta o que fas. Non vai máis alá”.

Neste contexto, a pregunta de se hai decisións ou peticións dalgún tipo sobre a obra é obrigada. A resposta é firme: “eu creo que xa teño certa traxectoria para saber se están interesados nunha peza miña ou non. Se me contratan, teñen que permitirme actuar con total liberdade”.

Obviamente, unha galería de arte é un especulador”

Lula Goce, ademáis, colabora con galerías e é consciente das súas funcións: promocionan aos artistas, contan cunha importante carteira de clientes e poñen á venda “un produto ao que lle teñen que sacar o maior rendemento”. Por riba de todo, buscan optimizar os seus recursos ao máximo. “Obviamente, unha galería de arte é un especulador”. Unha engranaxe do mercado ao que se pode acudir para ampliar horizontes económicos, pero que sempre hai que mirar con certas reservas.

Mural na fundición de Cuqui Piñeiro, en Goián.

A artista

As particularidades da street art: o desprazamento, o formato xigante, o entorno urbano… dan lugar a artistas cuns rasgos definidores moi marcados e que os distinguen dos expertos noutras especialidades plásticas. “Cada mural é un mundo. É algo alucinante. Cada vez que vou a un lugar é unha historia distinta. Fago un período de convivencia dunha semana nun entorno particular, que está formado polo muro, a xente que organiza e ata o local ao que vou comer todos os días”, describe. Para ser máis explícitos, podemos comparar Nova Iorque e Azerbaián, dous lugares onde traballou a artista e que son “realidades paralelas”.

[Con] esa capacidade que ten o pobo para elixirte (…), a arte deixa de ser un ambiente restrinxido de eruditos, de comisarios, de intermediarios”

No terreo económico, Lula Goce vive da arte. “Non te fas rico, pero podes vivir dignamente”. Comparativamente, ve mellor a súa situación que a de moitos artistas “de museo [contemporáneo]”. Estes “teñen uns gastos que cubren produción, pero nin de lonxe se achegan a un salario digno. Aí existe un baleiro ou falta de regulación que ten que cambiar”, lamenta. A realidade é moi dura. A inmensa maioría dos artistas non vive da venda das súas obras e teñen que buscar outra ocupación para poder financiarse.

Medianeras Vivas, en Valencia.

Se algo fascina á artista é a posibilidade de conectar co público. “Esa capacidade que ten o pobo para elixirte (…). Deste xeito a arte deixa de ser un ambiente restrinxido de eruditos, de comisarios, de intermediarios”. O comisario de exposicións é un axente cultural que, en tempos recentes, está acadando unha posición que, en moitas ocasións, ensombrece a figura do propio artista.

Moitos comisarios [converten ao artista] nun mero artesán do seu discurso. É un pouco grotesco”.

Algo contradictorio se nos paramos a pensar que sen este último non hai mostra. “Vas facer unha exposición a un museo e cobra máis o comisario que o artista (…). É un sinsentido”, denuncia Lula. E engade que “moitos comisarios, simplemente, elixen ao artista. Iso pode considerarse comisariado?”. Figura infladísima, poderosa e influínte, en moitas ocasións converte ao autor das obras “nun mero artesán do seu discurso. É un pouco grotesco”.

Ruins Hands (obra de pequeno formato).

E houbo algún tipo de discriminación polo feito de ser muller? A resposta, lamentablemente, é afirmativa. Chegáronlle a preguntar quen se ocupaba de mover a grúa, como se ela non tivese capacidade dabondo para facelo. E “en canto aos salarios, [nalgunhas ocasións], establecen os cachés en función do sexo, do lugar de procedencia. Por iso está ben falar dos salarios”. A modernidade está chea de contradicións. Unha das máis recentes é reclamar transparencia e, pola contra, ocultar a toda costa os nosos salarios.

Tamén detecta discriminación nese espazo exterior urbano e inmenso que alberga a obra. Pola sociedade que tan ben exemplifica neste comentario: “eu en Acerbaixán era un marciano. Unha muller levando unha grúa, pintando un mural e en shorts”.

Mural en Acerbaixán.

Os Inorantes animámosvos a que coñezades a obra de Lula Goce por partida dobre: visitando un gran mural e, doutra banda, no contexto dunha galería de arte. O formato grande e o pequeno. Subida nunha grúa ou amosando as súas habilidades sociais con clientes refinados. Cultive un perfil baixo ou amose unha imaxe pública grandilocuente, Lula Goce é unha artista creíble, auténtica e protagonista da súa propia historia.