Loading
Graciela Iturbide

Graciela Iturbide, poética do cotiá

  Graciela Iturbide

  Fundación Barrié. A Coruña

  De martes a domingo, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00

 Ata o 27 de xaneiro. 

  Entrada de balde

A Fundación Barrié exhibe 186 instantáneas de Graciela Iturbide. A mexicana está considerada unha das fotógrafas máis influíntes de America Latina. A súa obra caracterízase pola ambigüidade e por estar completamente despoxada de todo elemento trivial nos seus encadres. Como se de realismo máxico se tratase, as súas series mesturan a sensación directa do documental coa poética onírica. Tal e como din os organizadores, trátase dun “diálogo entre imaxes, tempos e símbolos”. O costumismo máis enraizado e unha simboloxía de enorme complexidade coexisten nunha mesma fotografía.  Neste vínculo do ancestral co cotiá conviven indios do deserto de Sonora, mulleres de Juchitán (esa longa e magnífica serie que a ocupou entre 1979 e 1988) e o seu ensaio sobre os paxaros.  A súa arte atópase inmersa no multicultural, o que explica as súas viaxes de aprendizaxe por todo o globo.

A particularidade, a poética e a ironía que logra nas súas escenas non teñen comparación posible, como exemplifica, entre outras obras, Nuestra señora de las iguanas. Todos estes feitos levárona a recibir, no ano 2008, o Hasselblad Foundation International Award in Photography, o galardón de fotografía máis importante a nivel mundial. A obra exposta é propiedade da Fundación Mapfre e ofrece un percorrido transversal pola creación de Iturbide.

*Copyright de todas as imaxes Graciela Iturbide, 2018. Coleccións Fundación Mapfre.

  Infórmate:

Web de Graciela Iturbide

  Entrevista a Graciela Iturbide en El Cultural

Mira: