Loading

Somos seres fragmentados, o produto dunha sociedade acelerada. “Temos tantas expectativas, tantos deberes, tanta información que non sabemos cara onde imos. Imos cara todos os lados e non imos cara ningún. Neste caso vai cara unha evasión, pero podería ir cara unha fragmentación doutro tipo”, sinala Ángel Filgueira (Redondela, 1992) sobre a súa xeración, que dalgún xeito queda reflectida na súa opera prima Sevilla y Gomorra.

O venres 23 de novembro o festival Cineuropa programa un pase do documental Sevilla y Gomorra, cun coloquio posterior co seu director, ás 21:30 horas no Museo das Peregrinacións de Compostela. O filme estreouse no pasado Festival de Cans e tanto Ángel Filgueira como Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, artífices da produtora Sétima, traballan para que chegue ás salas de cine.

Temos tantas expectativas, tantos deberes, tanta información que non sabemos cara onde imos”

Sevilla y Gomorra comezou realmente a converterse en película na mente de Ángel Filgueira cando estaba estudando Comunicación Audiovisual cunha beca Séneca na capital andaluza. Todo o que pasara nese ano e toda a xente que coñecera alí estivo dando voltas na súa cabeza dende que colleu distancia e regresou a Galicia. “Sabía que quería volver coa cámara e intentar captalo dalgún xeito”, conta.

 

“Nun principio pensaba en facer unha ficción, pero unha vez cheguei alí coa cámara non tivo ningún sentido crear nada a partir da ficción porque simplemente empecei a coller fragmentos do que pasaba alí, que eran moito mellores do que podía eu construír. Dinme conta de que quería construír algo que realmente xa existía. Aquilo era como un círculo pechado e eu, ao volver case dous anos despois, fixen como unha regresión ao pasado”, explica Ángel. 

A película documental reflicte o ambiente concreto que se xera entre un grupo de rapazas e rapaces en Sevilla, aos que o director coñeceu estudando alí e cos que retomou a relación, no mesmo punto, cando apareceu de novo nas súas vidas no ano 2015, coa vontade de filmar aquilo que sucedía entre eles. 

Dinme conta de que quería construír algo que realmente xa existía alí”

“Sevilla forma parte do título pero é unha Sevilla moi concreta. É un grupo de xente nun entorno concreto. As noites, o alcohol, a conversación e unhas dinámicas un pouco perigosas que non se poden prolongar durante moito tempo…”, di Ángel. “É desas dinámicas das que en parte fuxín, pero polas que en parte quixen volver… e das que volvín fuxir… O que quería era construír algo con iso tamén”, engade.

Fotograma do documental Sevilla y Gomorra.

Neste documental están condensadas as noites de todo un mes de tal maneira que semella que toda a acción sucede nunha soa. Os protagonistas non podían imaxinar o que faría Ángel coas gravacións porque naquel momento nin el o sabía. “Son xente á que lles gusta moito falar, pero non sei ata que punto pensaban que iso que estabamos gravando ía ter algún sentido”, lembra o director.

A película empeza cun ton divertido e lixeiro. “Sevilla e Gomorra, saímos de festa e tal…”, di Ángel. Mais pronto comeza unha especie de baixada aos infernos que aos protagonistas aínda lles custa ver na pantalla. Hai dous personaxes fundamentais: na primeira metade aparece o máis vital e dinámico e logo hai como un personaxe máis cómico, tráxico, que é o máis interesante; sen el non habería película”.

Sevilla forma parte do título pero é unha Sevilla moi concreta. As noites, o alcohol, a conversación e unhas dinámicas un pouco perigosas”

“Parece que falo de algo moi particular e moi violento. E quero xogar con ese ton lixeiro do principio para logo baixar porque realmente é algo no que creo que me meto eu como se mete moita xente. Méteste neses ambientes e non te das conta, é unha forma de evadirse”, asegura o director de Redondela. 

Sevilla y Gomorra proxéctase o día 23 no Cineuropa.

E é aquí onde entra ese relato xeracional que subxace nesta historia: cando ao rematar de estudar te introduces no mundo laboral, pero non se cumpren as expectativas. “Ao final o que pensas é en cando vas saír (pola noite). Creo que esta historia pode ser facilmente identificable”, di Ángel. “Non é que non haxa nada máis na súa vida”, apunta, “iso é como a porta de escape”.

O proceso de construción desta película foi lento. Ángel conta que tardou moito en encontrar a estrutura do documental e que estaba “tan dentro” da historia que precisaba a opinión dun persoa que dende fóra lle dixera se aquilo se entendía. Esa persoa foi a tamén directora Anxos Fazáns, que finalmente se uniu ao proxecto xunto coa produtora Silvia Fuentes para axudar na produción e distribución da cinta. 

Interesábame a progresión que ten cada un nunha noite enteira de festa… e esas cousas que se falan moi absolutamente”

Ambas crearon Sétima, unha empresa de produción e xestión cultural que vehicula o seu interese polo cine. “O noso obxectivo é construír un espazo de traballo, seguridade e futuro partindo dos valores cooperativos para facer cine en Galicia cun compromiso xeracional”, aseguran Anxos e Silvia.

A historia converteuse en filme na cabeza do director cando estudaba en Sevilla.

É difícil meterse na película formalmente, pois está gravada con diferentes soportes (incluída unha cámara GoPro), pero Ángel reflexiona que contalo dun xeito máis coidado e pensado reduciría a veracidade da historia. El mesmo grava imaxe e son, e intervén na acción ao mesmo tempo. “Optei por unha estrutura clásica, en tres actos, para forzar esa progresión dentro do caos”, apunta.

“Non é complexa de entender en ningún sentido, o ton está bastante normalizado. Pode dicirse que non pasa nada en algún momento pero tamén me interesaba a noite, o saír de festa, como algo con moito contido interesante. A progresión que ten cada un nunha noite enteira de festa… e esas cousas que se falan moi absolutamente, afirmando cousas que igual noutro contexto non dirías”, razoa Ángel

A película comeza cun ton lixeiro e experimenta unha baixada aos infernos.

A confianza é moi importante nesta historia. “Eles falan coa cámara coma se o fixeran comigo”, di Ángel, que pensa que ese “é o maior valor” da cinta. O documental serviu tamén para pechar un capítulo da súa vida. El xa está a traballar nun guión de ficción e, polo que conta, seguirá buscando a intensidade e a naturalidade que conseguiu con este traballo nos seus futuros proxectos. 

Non queremos desvelarvos demasiado sobre Sevilla y Gomorra porque pensamos que paga a pena ver o documental e que cada un saque as súas conclusións. Agardamos que Ángel Filgueira e Sétima logren levar esta película aos cines para chegar a máis público. 

Unha entrevista de Ana González Liste